Alberto Lema, gañador do Xerais de novela: "En Belesar no franquismo e nos eólicos agora, mans privadas explotan un recurso de todos e deixan migallas miserentas"
"O encoro presentouse como o principio da sempre prometida e nunca cumprida industrialización de Galicia, pero non resolveu os cortes de luz nas casas"
"En 'A boca do río' simbolizo o poder económico cun trasunto de Barrié de la Maza, o burocrático con outro de López Rodó e á desaparecida República co guerrilleiro antifranquista O Piloto"

O escritor Alberto Lema en Taboada, co encoro de Belesar, no que se centra a súa novela, de fondo. / La Opinión
Alberto Lema (Vimianzo, 1975), foi edil na Coruña por Marea Atlántica entre 2015 e 2023, e no ámbito literario é autor de varias novelas e poemarios. Acaba de converterse en gañador do premio Xerais de Novela coa súa novela A boca do río, que trata a construción do encoro lucense de Belesar durante o franquismo. Ivana Gómez recibiu o Merlín de Literatura Infantil con A banda da Albóndega e Santiago Lopo o Jules Verne de Literatura Xuvenil con A lingua dos grifóns.
Por que Belesar?
En setembro de 1963 inaugúrase o embalse. Alí está Franco, está tamén Pedro Barrié de la Mazá, promotor do encoro, e un ano e medio máis tarde, xusto aí ao lado, matan ao Piloto, o guerrilleiro antifranquista que durou máis tempo no Estado español. Teño relación cercana con esa zona, e unha intriga sobre a figura de O Piloto e sobre o encoro. Foi no seu día o salto de auga máis alto de Europa e tivo un forte impacto na vida da xente. Ocupou socalcos destinados a viñedos, e supuxo o asolagamento da vila antiga de Portomarín, que tivo que reconstruírse máis arriba. Fago un percorrido dos 20 anos que levan a esa situación, desde 1944, o final da Segunda Guerra Mundial, ata ese momento no que o Estado español é incorporado aos organismos internacionais, a ONU, os precedentes do Mercado Común Europeo, están aquí as bases norteamericanas. É normalizar o Estado español
Na novela enlaza varias historias.
Por un lado, o poder económico, simbolizado un trasunto de Pedro Barrié. A guerrilla antifranquista, na figura do Piloto, e un trasunto de Laureano López Rodó [ministro con Franco e comisario do Plan de Desarrollo]. Pertence aos chamados tecnócratas, unha serie de figuras intelectuais que pasan da Academia para o Estado, que forman parte do Opus Dei, levan a cabo as políticas do Plan de Estabilización e expulsan do poder ao falanxismo. López Rodó foi para min tamén unha sorpresa, tivo unha vinculación moi estreita con Galicia que a novela explora, e unha historia previa vinculada con Marcelo Caetano, que despois foi sucesor de Salazar en Portugal. Están o burócrata estatal, o gran capitalista con estreitos vínculos co poder franquista e a figura que simboliza a extinguida República. A novela trata como eses temas se van enlazando no tempo.
Belesar está inmerso nun discurso de modernidade, avance, levar a electricidade ás aldeas...
O cambio da autarquía pola modernización, a estabilización, é o cambio na dirección do Estado entre o falanxismo, e paradoxicamente o levan a cabo os intelectuais do Opus, moitos formados en universidades europeas, pero tamén o fan gracias ao financiamento norteamericano. O plan incorpora as guías macroeconómicas que lle impón a España o FMI. Pero as infraestruturas veñen de antes: hai unha política de Estado, que diría que ten bastante que ver coa propia autarquía. Fanse co amparo total do Estado, con expropiacións e expulsión da xente das súas antigas casas, con compensacións irrisorias. Fenosa queda co Miño e o Eume, co Sil outras enerxéticas estatais. No propio monolito de Belesar hai unha inscrición na que se di que a obra se fai para admiración das futuras xeracións, polo progreso, aínda que non serve tanto aos intereses galegos como os foráneos.
Lémbranse outros casos de resitencias como As Encrobas, pero non se fala tanto diso en Belesar.
Xusto despois de Belesar empeza a obra de Castrelo de Miño e aí se dan procesos de resistencias máis fortes e coñecidos e debuta a UPG. Hai unha obra moi famosa, Morrer en Castrelo de Miño, de Xosé Fernández Ferreiro. En Belesar non houbo unha resistencia tan coñecida, pero o libro de Alfonso Eiré Belesar, o orgullo de España fala de resistencias, a veces máis abertas, outras por vías incluso oficiais, con denuncias a recursos aos procesos de expropiación. Si foi máis virulento o caso de Portomarín, o asolagamento se adiantou ao tempo previsto, incluso por sorpresa, a xente non acabara de facer a mudanza.
Na obra hai unha figura feminina.
É a figura da dona do banqueiro, que ten unha relación culpable co que vai vendo. Asiste a este proceso de extractivismo, expropiación e expulsión das persoas das súas casas, e non está a gusto co que ve, pero nunca se rebela. Cae na figura do cómplice silencioso. Hai mala conciencia, pero que nunca estoupa.
Como enlaza esta historia de hai décadas con procesos como Altri ou os parques eólicos?
Naquel momento os discursos da inauguración de Belesar dicían que aquelo ía ser o principio da sempre prometida e nunca cumprida industrialización de Galicia. O encoro non o resolveu, como tampouco resolveu os cortes de luz nas casas. Agora faise un pouco o mesmo proceso. Mans privadas explotan un recurso de todos, tiran un enorme beneficio e deixan aquí as migallas miserentas: non contribúen á industrialización de Galicia porque o mercado enerxético estatal impón o mesmo prezo a produtores e consumidores. É un modelo colonial, non tiramos proveito da nosa condición de produtores. Mudou a xustificación: daquela eran o progreso e a industrialización, agora a transición enerxética. En Palas de Rei, o proceso de Altri, unha industria moito máis masiva, replicaba este modelo, enorme impacto ecolóxico pero cunha creación de riqueza que non ía ser moi socializada. Aínda que probablemente máis que unha enerxética, que produce moi pouco emprego. Existen moi fortes analoxías entre o pasado e o presente, entre o que foi a explotación dos ríos e o que é a explotación do vento. Creo que a vía idónea, entón e agora, sería que a produción enerxética foise un recurso público que respondese a necesidades do país, non fose unha imposición desde fóra.
Como é gañar o premio?
Ten un gran impacto, a verdade, moita relevancia neste país. Moitas chamadas, moitas felicitacións, e decátaste de que ten un montón de prestixio. Máis alá da compensación económica, ten unha forte popularidade e unha gran historia detrás.
En 2021 publicara Pazo de Inverno, historia inspirada na súa propia experiencia como edil no Concello da Coruña, na que trataba o choque político cos poderes fácticos.
É o tema do poder. Nesta novela é a alianza entre o poder político e o poder económico e na anterior a alianza entre o mediático e o económico. E como se lle intentan opoñer, por medios revolucionarios no caso da guerrilla antifranquista, ou democráticos no caso das Mareas en 2015-2019. É falar dun esquema de loita cun poder establecido e unha vontade de contrapoder, contrahexemónica. Os tempos son distintos pero creo que existen continuidades moi importantes no que Gramsci chamaba o bloque de poder, en Galiza e no Estado: as elites financieiro-enerxéticas e burocrático-estatais poden ter os mesmos apelidos. Non cambiaron tanto os tempos. É falar do que continuamente enfrontamos para construír unha sociedade máis democrática e igualitaria, aínda que hai diferenzas enormes, eles arriscaban a vida.
Por que quere falar do poder?
Porque creo que aí está a censura. É completamente lexítimo falar de nós mesmos, das nosas vidas, as nosas preocupacións, vémonos moitas veces como vítimas ou obxectos dun proceso histórico. Pero deixamos de falar de quen está do outro lado, da infraestrutura, das bases da orde. Creo que hai unha certa autocensura: nos habituamos a non denunciar a prácticas desa orde, a non preguntarnos pola xénese. Hai unha necesidade de explicar que hai do outro lado, quen son, porque están aí. Son os que saíron gañando e construíron unha forma de gobernar, no caso español e galego, que está completamente vixente. Se hai unha forma de gobernar a nivel económico baseada no extractivismo que é idéntica, aquí algo pasa.
- El Puerto de A Coruña tiende la mano al de Ferrol: pone 'a su disposición' sus muelles para apoyar el desembarco de la fábrica de coches de SAIC
- Revuelo en el negocio inmobiliario de Os Mallos, en A Coruña, por la futura intermodal: 'Hay interés de invertir en alquiler de temporada y habitaciones
- El eclipse de Sol llega a los mercados de A Coruña: el Concello distribuirá 20.000 bolsas con el diseño de la Torre
- El bar con uno de los callos más famosos de A Coruña: 'La receta no se ha tocado en 52 años
- El Concello de A Coruña da licencia para que Metrovacesa construya 100 viviendas en Visma: los precios arrancan en 293.000 euros
- Marineda City abre nueva tienda dedicada al universo femenino
- Medio siglo de la inundación que da de beber a A Coruña: cuando Cecebre anegó casas, fincas y hasta un secadero de algas
- José Luis Méndez Romeu: “A Coruña necesita una nueva instalación para la ópera y la ubicación perfecta es el muelle de Calvo Sotelo”