Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Pepe Barro, deseñador coruñés: "Este libro é un legado de todo o meu traballo"

O artista da Coruña presenta unha obra que compila o seu traballo profesional, abarcando dende a carteleira ata a identidade visual e proxectos culturales

O deseñador coruñés Pepe Barro.

O deseñador coruñés Pepe Barro. / Xoán Piñón

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
A Coruña

O deseñador coruñés Pepe Barro presenta este xoves no Museo de Belas Artes (19.00 horas) O libro de Barro, unha publicación de máis de 400 páxinas que recompila boa parte da súa traxectoria profesional dende os anos setenta ata hoxe. O volume, editado a partir do arquivo depositado na Fundación Didac, percorre décadas de deseño gráfico, identidade visual, carteleira, edición e proxectos culturais dun dos nomes máis recoñecidos do deseño galego contemporáneo.

Como naceu a idea do libro?

Isto vén porque eu decidín xa hai algún tempo deixar o meu legado, todo o meu arquivo, digamos, na Fundación Didac, para que custodien este material, que o clasifiquen, que o ordenen e que o poñan á disposición do público, de quen queira facer unha consulta e poida ver o que queira neste material. Tamén é certo que hai moitas cousas das que non teño orixinais, non teño papel impreso, pero conservo fotografías. Entón iso tamén integra o arquivo. É un legado de todo o meu traballo.

Que supón ver toda a súa traxectoria reunida nun libro?

Eu non teño distancia, porque todo me resulta coñecido e familiar, mesmo que o fixera hai 45 anos. En fin, teño todo moi presente e moi vivo. Por máis que ás veces collo o libro e o miro, resulta moi difícil valoralo. Eu creo que está feito para que outras persoas o vexan e o valoren. Pero eu síntome moi satisfeito de que este libro se publique, porque é un resumo do traballo que fixen a pesar de que, loxicamente, faltan moitísimas cousas. Tiven que seleccionar aquelas cousas que resultaban máis vistosas ou menos complexas para que a xente valore simplemente polo efecto de velas ou un pequeno pé que leva. Son moitas imaxes cun pé moi distinto, que conta cando se fixo, como, para quen, pero practicamente máis nada. Gústame como quedou, pero xa digo que me resulta difícil valoralo.

Que queda agora do Pepe Barro que empezaba nos anos setenta?

Eu creo que queda o esencial, que é a vontade de ensanchar os límites do consensuado na visión das cousas, a vontade de transmitir sempre unha carga poética ao traballo e a vontade de ser útil tanto ao meu cliente inmediato que me encarga o asunto como ao público destinatario. Moitas veces non so vai esa vontade do día a día daquela encomenda, senón que ese traballo leva a intención de que poida seguir tendo interese hoxe en día, despois de tantos anos. A min sempre me gustou dialogar coa nosa historia e cos nosos devanceiros galegos. Valorar o seu traballo, dialogar con eles, ás veces citándoos directamente, outras veces aprendendo da súa maneira de facer para volver a refacelo, pero sempre coa vontade de ser contemporáneos e sempre de ir máis alá, como dicía Manuel Antonio.

Existe unha maneira galega de comunicar visualmente?

É difícil dicilo, porque cada vez máis estamos dentro dunha linguaxe internacional do que se fai hoxe en día. A linguaxe do deseño internacional é a que nos move a todos os deseñadores, aquí ou en Japón. Pero isto xa era así noutras épocas. Quero dicir que no románico facíase o mesmo tipo de imaxes de arte que se facía en Helsinki ou en Santiago de Compostela. Claro que había certas características de cada lugar, de cada cultura, desde logo, pero quizás sexa cedo para dicir se segue habendo hoxe unhas certas características determinadas. Mesmo así, eu sempre tiven interese en interrogar os nosos devanceiros, utilizar ás veces imaxes ou elementos da nosa tradición ou reutilizalos dunha maneira creativa e diferente, e desde logo dialogar coa nosa historia, fose literaria, artística ou doutro tipo.

O deseñador gráfico Pepe Barro en el año 2020

O deseñador gráfico Pepe Barro no ano 2020 / LA OPINION

Como cambiou o oficio nestas décadas?

Cambiou moitísimo porque nós traballabamos de maneira analóxica, recortando, cortando, pegando, naturalmente debuxando. Pero isto sufriu sobre todo o paso ao mundo dixital, a chegada dos ordenadores, que chegan a finais dos 80 e principios dos 90, que nos sorprenderon a todos, para ben, eu creo. Foi un asunto no que houbo que aprender, foi un reto, pero eu creo que foi algo bo para a nosa xeración e para o oficio en xeral. Abriu moitas máis posibilidades. Eu aínda coñecín o chumbo, cando as imprentas imprimían con tipos metálicos fundidos en chumbo que se montaban á man, letra a letra. Coñecín cando se implantou o offset, que foi cando empecei a traballar, pero houbo moitos avances. Por exemplo, a chegada das fotocopiadoras que ampliaban e reducían, que foi fundamental para mellorar o noso traballo. Logo, por suposto, os ordenadores, os escáneres de sobremesa, as cámaras dixitais ou o teléfono móbil, non tanto pola función de telefonar como pola de fotografar e transmitir esas imaxes a través das redes. Todo isto supuxo realmente un gozo constante de ir aprendendo novos medios e novas tecnoloxías.

Nótase esa evolución no libro?

Eu creo que si, pero iso supoño que só o verá quen teña un coñecemento máis polo miúdo do traballo por dentro. Eu creo que o que si se percibe desde o principio é que aí é a cabeza a que rexe sempre o proceso, o obxectivo, e que se poden valorar diferentes medios. Podes ver gravados en linóleo que fixen nos anos setenta, que non era que fosen necesarios, pero era unha maneira artística de expresarse, e desde iso ata a utilización de fotografías a cores con todas as súas posibilidades. Pero sempre está por riba do medio unha expresión poética, unha maneira de dirixirse ao público especial, que sempre ten que ver coa linguaxe do deseño internacional.

Que é o que máis lle preocupa do deseño actual?

A preocupación pode estar máis ben na falta de reflexión. Os medios actuais favorecen tanto a inmediatez que ás veces non hai parada, non hai un tempo para poder reflexionar se aquilo que fas está ben ou precisa un novo enfoque. A rapidez con que se abordan as cousas e a facilidade coa que plantexas unha solución ás veces impídeche reflexionar máis e cambiar o ángulo de visión. Iso é o que me dá máis medo. Pero bueno, iso vaise suplindo coa experiencia. A experiencia facilítache poder ir navegando dunha maneira máis certeira.

Que lle segue ilusionando do oficio?

Pois ségueme ilusionando variar de xénero. Un día estás preparando unha pequena publicación, un libro, e outro día chega unha encomenda de preparar un centro de interpretación, unha entidade museográfica ou unha serie de cartaces para un evento determinado. E é precisamente dese cambio de onde atopo moita frescura para abordar o traballo e para seguir traballando hoxe en día. É o que me permite gozar do traballo. Se non gozo do traballo, probablemente non saia ben unha encomenda.

E que lle queda agora por deseñar?

Eu dicía hai anos que me gustaría facer un supermercado. É dicir, facer todos os produtos. Porque sería unha maneira de poder entrar en todas as casas, de dialogar con toda a xente. Eu fixen algúns produtos de supermercado, como os ovos do Pazo de Vilane, os viños albariños de Terra de Sorei e algúns outros produtos máis. E sempre quedei moi gratificado cando chega un amigo e di: "Merquei os teus ovos". Pois sempre é algo que me deixa gratificado.

Tracking Pixel Contents