Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Marta Villar publica novo libro: "O mundo dos nenos e nenas é marabilloso, aprendo deles todos os días"

A xornalista e escritora fala de ‘O misterio dos gatos rosas’, da necesidade de divertirse lendo e da súa preocupación pola situación do galego

Marta Villar posa co seu novo libro

Marta Villar posa co seu novo libro / Carlos Pardellas

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
A Coruña

Que atopou no público na primeira entrega para escribir esta segunda?

O primeiro libro Os peidos máxicos de Sultán escribino basicamente para min. Era sobre un can que tiña un problema: comía ciclistas. Entón dixen: “Isto pode estar moi ben e pode ser divertido”. E, como botaba uns peidos terribles, pensei que iso era o máis divertido para os nenos, porque todo o que sexa escatolóxico encántalles. Pero, unha vez que escribín este libro e fun polos colexios a falar cos nenos e coas nenas, contarlles a miña historia e compartila con eles, descubrín un mundo marabilloso: o mundo dos nenos e das nenas de entre oito e dez anos. Incriblemente, eu penso que vou ensinar, pero acabo aprendendo deles todos os días. Son intelixentísimos. Teñen unhas capacidades que boto de menos en min e nos demais cando somos adultos. Esa capacidade de sorpresa infinita, esa enerxía, esa ilusión por todo. Eles dicíanme: “Tes que facer unha segunda parte”.

Como foi cambiar ese can por estes gatos rosas?

No primeiro libro quedaba sen saber que pasaba con estes gatos que se convertían en rosas. Eu tampouco sabía por que. Deixeino aí, quedaba o misterio sen resolver. Pero como todos me pedían a segunda parte ou a película, no seu defecto, dixen: “Hai que facer a segunda parte”. Nesta, Sultán ten un novo amigo, Coco. É un bulldog francés moi pequeniño e unha auténtica loucura. Está todo o tempo saltando, cheo de enerxía, querendo morder… E Sil ten unha nova compañeira, Alba. Todos queren saber que pasa cos gatos: por que se volven de cor fucsia e por que, despois de poñerse fucsia, desaparecen.

Que busca nos lectores?

Quero que, primeiro, se divirtan. Que identifiquen a lectura cun momento marabilloso: “Mira, estou rindo, estou pasándoo ben”. Polo que me contan os profesores, as novas xeracións teñen agora mesmo un problema terrible de concentración. Din que non aguantan nin cinco minutos concentrados. A lectura esixe concentración. E aí xógase moitísimo da súa parte escolar e académica. Aprenden vocabulario, aprenden sintaxe… A lectura é fundamental. Nestas idades, entre oito e dez anos, o que lles gusta é o escatolóxico. Entón, como nos meus libros hai moitos peidos, e tamén hai cacas, babas e todo iso, pois chíflalles. Pero tamén ten moitísimo sentido do humor. No libro, os protagonistas intelixentes son os nenos e as nenas, non os adultos. Iso gústalles. Para min, a maior satisfacción que podo ter é que a nenos que incluso non len, ou aos que non lles gusta ler, lles encante o meu libro.

En que situación está a literatura infantil e xuvenil en galego? Hai oferta suficiente?

Hai moita oferta e está moi ben. Ademais, temos ilustradores incribles. A literatura galega é unha pasada. Eu creo que canto máis se fai, máis se demanda. Aínda así, quedan ocos, sobre todo para menores de oito. Hai moitísimo oco aínda. Pode medrar. Falta tamén dar o salto da tradución. Hai moitísimos autores de literatura para adultos que xa se traducen ao castelán. Pero coa literatura infantil non pasa tanto.

Cos datos que hai sobre a situación do galego, está claro que a lectura pode ser un vehículo para recuperalo.

É fundamental. Como dicía antes, agora que estou aprendendo moito cos nenos e coas nenas, hai dous temas que me preocupan moitísimo. Un é o acoso escolar. E o outro problema é o do galego. A min non me parece normal. Estou alarmadísima. Vou a colexios, a sitios onde ás veces eu mesma teño o prexuízo de pensar que nunha cidade é normal que falen menos galego, pero é que xa non é nin cidade nin rural. Vou ao interior de Ourense e todos os nenos me falan en castelán. Hai que estar todo o tempo dicíndolles: “Temos que falar en galego”. Non saben dicir “cuchara” en galego, non atopan a palabra. Pensan que o galego é un idioma estranxeiro, como o inglés. Eu creo que os niveis de falantes en galego son moitísimo máis baixos na realidade do que parece. A min dáme moita pena e creo que os libros poden axudar moitísimo.

Está preparada para que lle pidan unha terceira parte?

Podería seguir, claro que podería seguir, pero creo que non. Xa teño escrito outro libro e xa o teño enviado. Está tamén moi ben, pero é un pouco diferente. Xa non vai de Sultán. Hai outros protagonistas, un neno e unha nena. Vai un pouco de como ás veces os nenos menten para protexerse, ou por egoísmo, pero tamén de como podes autoconscienciarte e dicir: “Estou facendo isto mal”. Ten un pouco que ver con iso, e tamén coa tradición galega, co folclore das mouras e dos mouros, pero mesturado co móbil.

Tracking Pixel Contents