Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Lucía Veiga, pregoeira das Festas de María Pita 2026: "Será unha mensaxe dunha veciña máis, orgullosa de ser cascarilleira"

A coruñesa será a pregoeira das Festas de María Pita, que comezan o 1 de agosto coa actuación de Luz Casal na praza

Lucía Veiga

Lucía Veiga / Aigi Boga

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
A Coruña

A actriz e cómica Lucía Veiga é a encargada de ler o pregón que abre as festas de María Pita 2026. Será o 1 de agosto nunha praza na que tamén actuará esa noite Luz Casal.

Como coruñesa, concibe o pregón coma unha mensaxe da Coruña para A Coruña?

Sempre é unha grande honra e unha gran responsabilidade dar un pregón, e aínda máis cando é na túa propia cidade. Será unha mensaxe dunha veciña máis, orgullosa de ser cascarilleira, que ten a fortuna de traballar cara ao público e a posibilidade de referenciar a súa terra por onde vai.

Comparte a apertura das celebracións con outra referente galega, Luz Casal, quen arrinca a programación musical co seu concerto na praza de María Pita.

Paréceme unha coincidencia marabillosa compartir a apertura das festas con Luz, unha artista coa que medrei e á que admiro. Tentarei non alongar o pregón, que haberá que coller sitio en primeira fila para desfrutar do concerto.

Afloran as súas vivencias na Coruña á hora de preparar o discurso? Que lembranzas perduran, sen importar o paso do tempo?

Por suposto, nacín aquí e vivín toda a miña vida na Coruña, así que non hai lembranza que non estea vinculada coa cidade. Penso que neste caso, o que máis vén á memoria é o relacionado co que che une máis á vida comunitaria, a universidade e a radio universitaria, o deporte, as festas, cada vez que bailei con Xacarandaina polas rúas e nos teatros da cidade…

Os Mallos é o seu barrio. É o mesmo distrito —e cidade— dos oitenta?

Eu medrei entre os Mallos e Santa Lucía-Falperra, entre a estación e o mercado. E xa eran barrios distintos. Cambiamos moito desde os oitenta, en moitas cousas para ben, e nalgunhas perdemos identidade.

Vai dedicar o pregón a alguén ou a algo en concreto?

Na miña cabeza seguro, pero aínda teño que pensar se o comparto.

Como vivía a Lucía nena as festas de María Pita?

Con emoción. Seguíamos o programa ao dedillo.

Estará presente esa nena na lectura do pregón?

Con total seguridade. En cada unha de nós debería estar presente esa nena cada día. Cando a esquecemos, nada volve ser nunca igual.

Sen desvelar nada que non poida, cal é a esencia da mensaxe que lle gustaría transmitir á cidadanía da Coruña?

Pois aínda estou cavilando, pero supoño que, sendo eu, algo en positivo, que convide a reflexionar e a festexar. Para todo hai sitio.

Unha parte importante do seu traballo é a improvisación. Deixará espazo ao que poida xurdir no momento, ou prefire telo todo pechado?

Improvisar é respostar ao presente, así que dende logo, se algo sucede, haberá que incorporalo.

Dende o ano 2025 vostede é presidenta da Academia Galega do Audiovisual. A súa experiencia no cargo estará presente nopregón?

Estarán presentes todas as miñas experiencias. Son quen son pola suma de cada cousa que fago e sinto.

É a novena presidenta da institución, e a terceira muller en ocupar o cargo. Escollida, ademais, por unanimidade. Con que sentimento porta o cargo?

Co convencemento de que a unión de forzas consegue sempre máis que as individualidades, coa humildade de recoñecer o que aínda non aprendín e con ilusión de aportar algo ao colectivo audiovisual, sempre desde o entendemento e o diálogo.

Tracking Pixel Contents