Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

O FoliAgra volve máis literario que nunca

A nova edición do festival do barrio da Agra do Orzán da Coruña terá lugar entre o 6 e o 28 de xuño

O responsable de Galgo Azul, Juan Rodríguez, xunto coa tesoureira da Asociación Veciñal da Agra de Orzán no local literario

O responsable de Galgo Azul, Juan Rodríguez, xunto coa tesoureira da Asociación Veciñal da Agra de Orzán no local literario / CARLOS PARDELLAS

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
A Coruña

As letras e a literatura inundan o barrio de Agra de Orzán. Durante todo o ano, os seus veciños esperan o mes de xuño para poder participar na iniciativa cultural FoliAgra, este ano cun enfoque literario distinto de mans da libraría Galgo Azul. Entre o sábado 6 e o domingo 28 de xuño, a Asociación Veciñal da Agra do Orzán celebrará, coa colaboración do Concello da Coruña, a undécima edición deste encontro cultural, lúdico e folclórico.

“O modelo estase consolidando e este ano incorporamos novos proxectos para enriquecer e mellorar o FoliAgra”, comenta o vicepresidente da Asociación da Agra do Orzán, Ricardo Seixo. A chegada de Galgo Azul á iniciativa é unha das novidades desta edición. “Son xente extraordinaria disposta a traballar a prol das letras galegas”, declara Seixo. Galgo Azul é un espazo cultural e literario que busca “estar presente no barrio” e promover a súa identidade a través de actividades artísticas segundo explica o responsable do local, Juan Rodríguez.

A incorporación do chamado “FoliAgra das letras” ao proxecto, co Galgo Azul como sede, xurdiu porque “a asociación veciñal buscaba un enfoque literario, tiveron reunións coas librarías do barrio e nós tiñamos un espazo para actividades”, segundo declara Juan Rodríguez. “Agradecemos a oferta e tal vez nun futuro sería boa idea incorporar o resto das librarías para crear un programa máis completo”, explica o responsable da libraría da Gramela.

O FoliAgra 2026 comeza o sábado 6 de xuño cunha ruada dende a praza das Conchiñas pola mañá e un concerto da Orquestra infantil da Sinfónica de Galicia (entrada libre e de balde no centro Ágora) e cantos de taberna, que se repetirán o día 20, pola tarde. As ruadas tamén se poderán gozar nas mañás dos días 7, 13, 14, 20, 21 e 27 das 11.30 ás 14.00 horas. Ademais, o sábado 13 de xuño haberá microconcertos da Escola Municipal de Música entre as 18.00 e as 20.30 horas na praza das Conchiñas e na rúa Barcelona con grupos de música pop, tradicional e ritmos latinos.

No Galgo Azul, o “FoliAgra das letras” comeza o martes 9 de xuño ás 18.00 horas cun espectáculo familiar sobre as versións de Carapuchiña Vermella por parte da compañía Pedras de Cartón e remata o martes 16 ás 18.00 horas cun “pequebingo literario” (ambas actividades con entrada previa e de balde). Este ano tamén se repetirá o “FoliAgra das crianzas”, neste caso con xornadas lúdicas por parte de Anacos e concertos de Brais das Hortas para os alumnos dos colexios María Barbeito e Cerviño e Raquel Camacho.

A celebración remata o domingo 28 de xuño no centro Ágora cun concerto da Banda Municipal da Coruña ás 12.00 horas e coa entrega dos Premios Amelia Gómez Arcas ás 19.30, co posterior concerto Cando o fado soa libre de Cristina Branco e grupo, que serán os encargados de poñer o broche final. Segundo o vicepresidente da Asociación Veciñal da Agra do Orzán, Ricardo Seixo, o éxito non é o que máis lles preocupa, senón que “a xente se identifique e participe no evento”.

Tracking Pixel Contents