Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

“Abarrote no Parrote” e “a bufar a Garás”, as expresións que constrúen o "universo coruñento"

Un percorrido polos barrios da cidade a través da súa tradición oral

Imaxe de 1927 de dous barcos pesqueiros na antiga praia do Parrote na Coruña

Imaxe de 1927 de dous barcos pesqueiros na antiga praia do Parrote na Coruña / LOC

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
A Coruña

Palavea, O Parrote, Monte Alto… A tradición oral é fundamental na riqueza cultural galega e, no caso da Coruña, moitos dos seus refráns, expresións e cantigas falan das súas rutinas e dos seus barrios. Grazas ás manifestacións orais transmitidas de xeración en xeración, a día de hoxe pódese coñecer a transformación da cidade. O músico e escritor Xurxo Souto fala de “universo coruñento”, entendido como a manifestación cultural e popular da Coruña.

“Abarrote no Parrote” é unha das expresións máis coñecidas da cidade. Este dito emprégase como símil de riqueza, xa que antes de que existise o dique esta era unha das principais zonas onde se mariscaba, aínda que outros vinculan esta frase a que a praia do Parrote (ao carón do Hotel Finisterre) sempre estaba chea de xente.

O filólogo, investigador, experto en toponimia e creador de contido en galego Iván Méndez (@echeoquehai) tamén resalta expresións como “a bufar a Garás”. Segundo Méndez, esta era unha versión coruñesa do “a chorar a Cangas” que fai referencia ao antigo barrio mariñeiro de Garás, na actual avenida de Linares Rivas.

FOTOGRAFÍA DE PRINCIPIOS DEL SIGLO XX DE UNA GOLETA AMARRADA EN EL PUERTO DE A CORUÑA, EN LA ZONA CONOCIDA ANTIGUAMENTE COMO GARÁS. 22/01/05FOTOS ANTIGUAS. FOTOS HISTÓRICAS. PUERTOS. BARCOS DE VELA. VELEROS AMARRADOS. GOLETAS. IMAGEN

Imaxe do porto da Coruña, na zona do antigo barrio mariñeiro de Garás / LOC

Outro refrán cunha historia interesante é: “O que pasou a marola, pasou a mar toda”, empregado sobre todo no ámbito mariño. A Marola é un pequeno illote situado na confluencia das rías da Coruña, Ferrol e Betanzos fronte á costa de Dexo-Serantes, no municipio de Oleiros. Por mor das súas correntes, trátase dunha zona perigosa, polo que a expresión significaba que se cruzabas a Marola xa eras considerado un bo mariñeiro.

“A Cruña, arrabuña” tamén é unha frase moi popular. “Cando a xente viña das aldeas ao médico na Coruña dicían esta expresión, xa que significaba gastar diñeiro, aínda que tamén pode entenderse como que a cidade ten poder¨, explicaba Souto. O director tamén lembra uns versos que fan referencia a zonas emblemáticas da cidade como o barrio de Monte Alto ou San Amaro: “A Torre, o talego, Papagaio, cemiterio. Viva a tribu dos choqueiros. Pra tomar o baño, club de San Amaro. Neno son de Monte Alto!”.

Ademais, autores como Xosé Manuel Sánchez Rei permiten unha aproximación, coas súas obras recompilatorias, á antiga vida dos coruñeses. O escritor galego recolleu na súa obra Cantar na Coruña: cancioneiro coruñés dos séculos XVIII e XIX cantares populares que falaban da comarca. Un deles é “Adiós as ostras d’o Burgo / e as ostras d’o Pasaxe / a Virxe de Pastoriza / nos dé a todos bo viaje”, unha estrofa recompilada orixinalmente polo escritor José Pérez Ballesteros na súa obra Cancionero popular gallego (1886) que fai referencia a antiga fama que tiñan as ostras da ría do Burgo.

Outros versos recollidos na obra de Sánchez Rei fan referencia a barrios como Palavea: “A aldea de Palavea / de lonxe parece vila; / ten corredoira na entrada e un souto sen saída”. Tamén hai estrofas que amosan os cambios toponímicos da cidade. Un claro exemplo é o da rúa Real, que tivo diferentes denominacións durante o século XIX: “A Rúa Real da Cruña / xa non se chama Real, / que se chama de Acevedo / e o Cantón do Xeneral”. Moitas destas cantigas tamén foron recollidas por Ivan Méndez nun mapa interactivo que facilita o percorrido polas cidades galegas a través dos seus cancioneiros populares.

A tradición oral permite coñecer a historia das cidades e a evolución dos barrios. Neste caso, todos os refráns, cantares e versos recompilados permiten construir o “universo coruñento” do que falaba Xurxo Souto. Ben é certo que as expresións son subxectivas, pois xorden moitas veces de vivencias persoais, mais é precisamente isto o que axuda a formar unha identidade común, unha “identidade coruña”.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents