Fernando Domènech introduce a 'Medea' e 'Fedra' no galego: "Aspiro a transmitir esa emoción que eu sinto cando leo o orixinal"
O docente e tradutor traslada dúas traxedias de Séneca ao galego actual cunha libre versificación, e nunha edición con anotacións que acompañan a lectura

El docente y traductor Fernando Doménech, en la Fundación Luis Seoane, en A Coruña. / Carlos Pardellas
Dúas traxedias mitolóxicas extrapolables á actualidade. Dúas mulleres levadas ao extremo por unha paixón destrutiva: unha por vinganza amorosa, e outra por desexo prohibido. Medea e Fedra, dúas das obras máis recoñecidas de Séneca, chegan ao galego de man do profesor de latín e tradutor Fernando Domènech, quen presenta a tradución de ambas obras nun único volume, a cargo da editorial Rinoceronte. Nunha conversa coa escritora Estíbaliz Espinosa, dirixida polo docente Javier Pintor, Domènech compartirá o seu proceso de traballo cos asistentes, na Fundación Luis Seoane da Coruña este luns, 8 de xuño, ás 19.30 horas.
Medea e Fedra son dúas traxedias de Séneca. O labor de tradución muda, ao tratarse de obras clásicas?
O maior reto é que se trata dunha tradución en verso libre. Evidentemente, a tradución literal é completamente imposible, porque os versos resultarían excesivamente longos. Entón, o esforzo de tradución ao verso libre consiste en poder concentrar moitísimo a expresión, de maneira que, querendo dicir o mesmo, resulten as menores palabras posibles. Ese é o gran desafío. Por certo, que son obras clásicas cunha importante presenza na dramaturxia moderna galega, onde destaca Manuel Lourenzo con dúas recreacións de Medea, e ata catro de Fedra. Esta tradución en verso vén a sumarse dalgunha maneira a estas versións.
Como é posible, malia ter apostado pola libre versificación, manter o ton retórico propio de Séneca?
Son moitas horas de traballo. O galego é unha lingua que ten unhas enormes posibilidades expresivas. Entón, retórica pode habela en calquera lingua, e calquera figura retórica, coma unha sinécdoque ou un quiasmo, pode ser reflectida tamén en galego. Pero a gran dificultade, máis que a retórica, é que a linguaxe é moi barroca, pero o galego ten recursos abondos para traducila. De feito, eu empecei unha tradución en prosa, porque normalmente se fan prosificadas, pois é máis doado expresar todo con claridade, sen preocuparse polo número de palabras ou o verso. Pero non me sentía cómodo, porque había unha intensidade lírica e emotiva, e, por outra banda a mesma retórica pedíame o verso. Ao final, construír o verso é como unha especie de alquimia cuns resultados máis poderosos que a prosa.
Entendo que é complicado mostrar esas imaxes tan barrocas cunha linguaxe para un público actual.
Si, non é doado. Evidentemente, é unha linguaxe culta, pero eu tento manter un nivel que poida asumir o lector medio. Por outra banda están as notas. Hai bastantes notas, porque hai moita mitoloxía, moita astronomía, xeografía antiga. Hai referencias múltiples, porque Séneca era unha persoa moi culta. Todo iso está explicado coas notas.
Estas anotacións están acompañadas, tamén, dunha introdución, que serve para acompañar ao lector no proceso de descubrir e comprender o universo de Séneca.
Exactamente. Eu fun profesor de secundaria 36 anos, e un aprende a facerse entender, porque unha cousa que non soportaba como profe era que non me entendesen. Entón sempre aspiro a que todo estea claro. A introdución e as notas non son pedantes, non son para lucirme, están exclusivamente para que o lector se sinta apoiado, cunha linguaxe clara e con aspectos interesantes para a comprensión das obras. Hai xente que prefire ler a introdución despois, que é moi lícito. Pero non esquezamos unha cousa: no mundo antigo, os lectores ou os espectadores dunha obra de teatro sabían perfectamente o que ía pasar. Isto é moi distinto do mundo de hoxe, onde o famoso spoiler non se pode facer.
Que é imprescindible comprender destas dúas obras e do mundo de Séneca?
Séneca é un filósofo estoico, daquela el escribe estas obras intentando mostrarnos que os homes e as mulleres debemos ter control das nosas paixóns porque, se non as sabemos controlar, veñen as desgrazas que se describen nestas obras. Polo que respecta ás dúas heroínas, Medea e Fedra, son dúas mulleres que, malia ser mitos da mitoloxía grega, poden ser reinterpretadas continuamente en clave moderna. Das dúas fanse lecturas feministas, mesmo lecturas queer.
Da mesma maneira que antes explicaba como pode ilustrar realidades barrocas cunha linguaxe contemporánea, ata que punto é posíbel retratar a estes dous personaxes desprendéndose da mirada actual?
É unha pregunta moi interesante, porque aplicar a mirada actual é unha das cousas que máis me gustan de ser profe de latín e cultura clásica. Mais hai que ser fiel aos textos; eu non podo facer na tradución nada que altere o que quería dicir Séneca. Outra cousa é que, na introdución ou nunha nota, eu poida comentar: 'fixádevos como isto pode ter unha lectura moi moderna'. E vou poñer un exemplo: houbo un lector de Medea chamado Cristóbal Colón. En Medea hai uns versos que din que os límites coñecidos do mundo racharán, e o mundo se expandirá. E no exemplar de Colón o seu fillo Fernando anotou da súa man que a profecía de Séneca fora cumprida polo seu pai co descubrimento de América en 1492. A conclusión a esta pregunta é que un ten que ser fiel ao texto, pero os clásicos son clásicos porque son reinterpretables en todo momento, pois responden a pulsións humanas e a realidades que cambian historicamente, polo que hai moitas lecturas distintas ao longo da historia.
Onde está o equilibrio entre simplemente traducir, e atopar a esencia da obra a través das verbas?
Antes, cando falabamos do verso libre, quedou un tema sen tratar: o ritmo. A poesía distínguese da prosa no ritmo, e por aí vai a resposta. É dicir, eu non podo reflectir a poesía latina como tal, porque na nosa lingua non hai combinacións de sílabas longas e breves, que é a esencia da poesía latina. Pero si que podo recrear un ritmo, e si que podo, coas miñas palabras e co galego, transmitir as emocións. Aspiro a transmitir esa emoción que eu sinto cando leo o orixinal. Cando les unha tradución en galego e non pensas en ningún momento que foi escrita en algo que non fose galego, é unha boa tradución. Se o sentido é veraz, ten que ser unha tradución magnífica, porque flúe na lingua de destino. E iso é ao que aspira un bo tradutor, a que sexa natural.
Presenta a obra na Coruña, na Fundación Luís Seoane, acompañado de Estíbaliz Espinosa e Javier Pintor.
Si. Estíbaliz é unha coruñesa, figura importante da literatura galega, unha muller que é poeta, ensaísta, tradutora e divulgadora científica, ademais de cantante e autora de programas da Sinfónica de Galicia: pensei nela dende o primeiro momento para que me acompañase; aceptou e estou encantado. E Javier Pintor leva anos colaborando coa Fundación Luís Seoane co ciclo Somos o que lemos, e tamén ten outro para profesores, Encontros con autores, onde os autores españois máis importantes presentan as súas novidades. Estar con eles dous é unha honra para min e espero que a presentación resulte un momento especial.
- El bar de Monelos que ya vende 46.000 tortillas en A Coruña: 'Tardamos 7 años en llegar a la receta
- El rincón más inglés de A Coruña es una floristería al aire libre y lo cultiva una vecina de A Zapateira: 'A veces empiezo a las diez y salgo a las once de la noche
- El restaurante para comer por 11 euros en el centro de A Coruña como en casa de la abuela: 'Los callos, la carne asada y el cocido son lo que mejor me representan
- La librería de A Coruña con libros hasta en el techo: 'Aquí dentro parece que estás en un submarino
- Alejandro Sanz siempre triunfa en A Coruña
- El Centro Comercial Cuatro Caminos de A Coruña suma una nueva oferta a su zona de restauración
- La nueva cafetería argentina de A Coruña donde todo es artesano: 'Hasta la pasta de pistacho es casera
- Aterriza en A Coruña una nueva hamburguesería que huye de los ultraprocesados: 'Lo hacemos todo desde cero