Saamira Ganay transforma A Coruña nun escenario distópico: "Apenas hai historias de mulleres lesbianas"
A actriz e directora pon o foco en problemas actuais coma a desinformación, o control e a exclusión na súa nova curtametraxe, 'Corre', que preestrea este mércores na Coruña nunha sesión amenizada coa música de Belém Tajes

Lucía Veiga, Saamira Ganay e Sara Miranda en 'Corre'. / LOC
Filla de pai marroquí e nai galega, a vida da actriz Saamira Ganay nace dunha escisión nun Ourense humilde. "Son unha persoa normal nun oficio onde prima o normativo por riba do normal", reflexiona. Precisamente estas vivencias influíron na bagaxe profesional da intérprete, quen, cunha ampla traxectoria ás costas, preestrea na Coruña a súa nova curtametraxe, Corre. O teatro Colón acollerá a proxección da peza o mércores, 10 de xuño, ás 20.00 horas, nunha sesión con entrada de balde, amenizada pola actuación musical de Belém Tajes e cun posterior coloquio co equipo da película.
Corre, protagonizada por Lucía Veiga, Sara Miranda e a propia Ganay, sitúa A Coruña nun escenario distópico, onde control e supervivencia ocupan un papel central. A historia segue as vidas de Iria, Amira e a súa filla Alex, unha familia que intenta non afundirse nas correntes dun sistema autoritario que ten a desinformación, o medo e a exclusión como piares.
Ten unha ampla traxectoria coma actriz, e coma directora codirixiu un documental e un videoclip. Agora mergúllase no mundo da curtametraxe con Corre. Cal é a sinopse?
Corre fala do medo e do amor, do amor no máis amplo sentido, e do medo no sentido máis humano posible. Son tres mulleres que queren, nun entorno completamente hostil que pon a proba o seu amor.
Na peza, transforma A Coruña nun escenario distópico. Esta proposta nace dunha fantasía, ou dunha preocupación real?
Nace do puro medo. Neste caso atopei algo creativo no medo. Eu son mestiza, son filla de pai de orixe marroquí e nai galega, e eu si vivín momentos de racismo e certos factores, coma determinadas noticias ou determinadas declaracións públicas de políticos, tanto estranxeiros como algún que outro nacional. Dame medo, eu teño medo.
A mirada desta obra está vencellada á súa propia historia persoal. Ata que punto influíron as súas vivencias na creación de Corre?
Eu son persoa, coma o resto, e creo que todas as persoas que creamos estamos condicionadas polas nosas vivencias, e a infancia marca unha barbaridade. Todos os humanos que crean están condicionados polo seu entorno, polas súas vivencias, polos seus intereses, que poden ser comúns a persoas de moitas procedencias diferentes. O meu foi un entorno moi humilde; no mesmo barrio onde eu vivía en Ourense, daquela, ó outro lado da praza os edificios mantéñense en pé a día de hoxe, e no meu lado, todos os edificios se derrubaron. Quero dicir que me criei, e está feo dicilo, entre prostitutas e drogadictos.
A desinformación xoga un papel central na curtametraxe. É a desinformación un monstro presente fóra desta ficción?
Encántame que digas iso, porque me dá moito medo que pase desapercibido no público. Para min sería un soño poder facer unha longa a raíz desta curta, e centrala, precisamente, no problema da desinformación. Digamos que isto é unha pílula pequeniña, onde podemos ver unha sección da poboación que se ve afectada por esa falta de información veraz, e creo que a palabra veraz é a clave de todo. Vivimos nun momento onde información temos por todos os lados, pero información veraz é máis difícil que nunca distinguila.
Entra en xogo o termo 'infoxicación'.
Si, creo que si que hai intoxicacións informativas intencionadas, pero tamén hai altofalantes para moitas persoas que non teñen nin preparación, nin coñecementos, nin nada de nada. A persoa menos preparada do mundo, con menos coñecementos do mundo, vive nunha época na que ten un altofalante marabilloso nas redes.
Vencellado a isto, tamén aborda na peza a auxe dos discursos de odio e a perda de dereitos. Cal é o mundo que estamos deixando para as novas xeracións?
Aínda que parece que a curta é pesimista, porque o que fai é falar do elefante na habitación, se esta historia a vísemos nunha longa e tivese unha continuación, sería interesante. Somos moi pendulares como sociedade, e quero pensar que dun extremo pasamos ao outro, e o péndulo tende a frearse. Vai movéndose dun lado ao outro, e vai atopando o centro; con dificultade, pero vai atopando certo equilibrio. Quero crer que viviremos para ver un equilibrio.
É a exclusión o mal das sociedades modernas?
Si, creo que o é. Por exemplo, a min preocúpame moitísimo o edadismo, á parte do racismo ou de todos os colectivos en xeral. Coas persoas maiores temos unha cousa de minusvaloralos, coa súa opinión pensamos que eles non saben, que eles que van saber, non entenden... Ou infantilizalos cando falamos deles. Esas cousas danme moitísima mágoa, e non me gustan.
Declara sentir interese por crear personaxes menos normativos. O saírse da norma é unha forma de rebelión en tempos modernos?
Que triste, pois ao mellor si que o é. Vivimos un espellismo con isto do body positive, pero creo que foi iso, un espellismo. As persoas normais teñen que estar, as historias normais; tamén é traballo do espectador, non só buscar a aspiración. Xa é moi antigo, aquilo de cando ves como espectador aquelas persoas nas que te queres ver reflectido, pero dende un punto de vista aspiracional: aspiro a ser súper guapa, súper delgada, súper rica, millonaria, famosa... Eu son máis partidaria de historias nas que empatizo directamente co personaxe, porque o personaxe se parece a min, non porque eu teña que parecerme a ese personaxe. É moi triste, pero é valente buscar personaxes que se parecen ao público, non facer que o público queira parecerse aos personaxes.
Un dos pratos fortes de Corre é que A Coruña é protagonista na propia narración. Que espazos emblemáticos da cidade se poden ver na filmación?
É algo que estamos gardando con moito secretismo [ri]. O primeiro plano si que sitúa a dous dos personaxes principais saíndo do parque da Torre, entrando na terceira ronda. Era importante saber que estamos na Coruña, para saber que isto pode acontecer en calquera parte, e que a xente empatice. E era moi importante a lingua, fíxose un traballo totalmente intencionado do uso da lingua: a nena fala castelán todo o tempo, unha das nais fala en galego todo o tempo, e a outra nai cambia de lingua, usa unha ou outra dependendo de con quen fala, ou incluso as mestura, que é algo moi cotián, moi que facemos nós. Iso evoca un medo ancestral, que é o medo do pasado das sociedades onde se prohibiron as falas minoritarias. Aquí aparece esa posibilidade, é unha volta atrás onde a nena mellor que fale castelán.
Un elemento sorpresivo da curtametraxe é que se incorporan audios reais enviados dende Gaza por Samer Alwazair. Quen é esta persoa?
Samer é alucinante, é un mozo palestino e nicaragüense, pódese buscar en redes. A min afectoume moito Gaza, quería falar do tema, e un día estaba escoitando a Àngels Barceló, que entrevistaba a este mozo na radio. Púxenme a buscalo desesperadamente e contactei con el por redes. Propúxenlle que fixera este traballo connosco, que gravara unha serie de audios para poder contar unha historia que, en certo modo, estivese vencellada a todo o que está acontecendo en Gaza. Fago a reivindicación ao goberno e embaixada nicaragüense, que non esquezan a esta familia. Samer foi a Gaza a ver á súa familia, e xa non puido saír, e ninguén se fixo cargo del. Ten un neno pequeno e está nunha situación na que as súas vidas están en perigo constante.
Outro dos nomes propios de Corre é o de Lucía Veiga. Que tal foi traballar con ela?
Traballar con Lucía é do mellor que eu tiven. É unha excelentísima compañeira, é unha muller talentosa a máis non poder, súper xenerosa, e eu quería que fose moi libre. Coma actriz gústame que me deixen crear, e coma directora intentei que Lucía puidera crear. Ela e eu temos moi boa relación, considérosa unha amiga, máis que unha compañeira, e sabía que podía funcionar moi ben. Onde máis había que traballar era coa nena, con Sara, porque non tiña experiencia. Pero é unha nena fóra de serie, co rápido que aprende. Sara é un milagrito deses que aparecen de cando en vez [ri].
O mércores, 10 de xuño, é a preestrea no teatro Colón, nunha sesión con coloquio con parte do equipo e música de Belém Tajes. Que temas tratarán na xuntanza?
A nosa intención é falar destes temas dos que falamos agora, que teñen que ver con persoas refuxiadas, migracións e que se pode entender por estranxeiro, porque ás veces semella que é un termo novo a definir. E tamén falar con xente do colectivo, gustaríanos que estiveran presentes mulleres lesbianas, porque hai unha realidade: eu estiven varias veces de xurado no festival Norte Cinema Diverso, de aquí da Coruña, e o que atopabamos é que apenas hai historias de mulleres lesbianas. É unha barreira que tamén queriamos deixar presente. Entón gustaríanos que estivera alguén que puidese aportar, dende o seu punto de vista, todas as problemáticas ás que se enfrontan a diario. Convidamos a toda a cidadanía da Coruña e todo tipo de autoridades, porque creo que as cousas fanse falando.
- El restaurante para comer por 11 euros en el centro de A Coruña como en casa de la abuela: 'Los callos, la carne asada y el cocido son lo que mejor me representan
- Los abuelos de A Coruña al rescate de sus hijos para cuidar a sus nietos: 'Es una experiencia que te devuelve con creces lo que aportas
- El bocadillo de A Coruña que inventó un niño en Monte Alto llega a la Marina: 'No fui un visionario, solo tenía hambre
- Una filial de Monbus, única aspirante a gestionar la estación de buses de A Coruña
- El nuevo 'takeaway' italiano de A Coruña que triunfa con sus pizzas artesanas: 'Aquí no tenemos congelador
- Del Paseo de los Puentes a Inditex: la artesana del papel que conquista a las grandes marcas desde A Coruña
- La nueva cafetería argentina de A Coruña donde todo es artesano: 'Hasta la pasta de pistacho es casera
- Aterriza en A Coruña una nueva hamburguesería que huye de los ultraprocesados: 'Lo hacemos todo desde cero