Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Unha xornada dedicada a Ruth Matilda Anderson: unha "muller poliédrica" cunha obra descoñecida

'Pensamento e ensaio' é o grupo de traballo da Real Academia Galega que presenta o xoves 18 de xuño un encontro multidisciplinar sobre o traballo invisibilizado da artista estadounidense Ruth Matilda Anderson

Imaxes dos participantes da xornada. Á esquerda Ana Cabana, no centro Alba Rodríguez e na dereita Brais Lorenzo

Imaxes dos participantes da xornada. Á esquerda Ana Cabana, no centro Alba Rodríguez e na dereita Brais Lorenzo / LOC

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
A Coruña

"Trátase de complementar realidades sempre inconclusas". Así é como a tradutora Alba Rodríguez define o obxectivo principal de Ruth Matilda Anderson, a ollada nas mulleres, o terceiro encontro anual do grupo de traballo Pensamento e ensaio da Real Academia Galega que este ano dedica á autora estadounidense que viaxou a Galicia. A xornada de entrada libre celébrase o xoves 18 de xuño ás 19.00 horas na Fundación Luis Seoane, aínda que tamén se poderá seguir en directo en academia.gal ou na canle de Youtube da RAGe en diferido no boletín da academia. No evento, ademais da intervención de Alba Rodríguez, tamén participarán o fotógrafo Brais Lorenzo, galardoado hai uns meses co premio World Press Photo, a recoñecida historiadora Ana Cabana e o grupo musical Pandeireteiras de Cantigas e Agarimos, que o ano pasado estrearon un espectáculo sobre Anderson. Segundo a tradutora, con este encontro existe unha interese de "reivindicación e visibilización do traballo de Ruth Matilda Anderson" que deixou unha gran pegada descoñecida en Galicia.

O grupo de traballo Pensamento e ensaio, que organiza a xornada xunto co apoio do Concello da Coruña, funciona dende hai dous anos dentro da sección de literatura da RAG e nace como apoio á narrativa galega. "O que pretende o grupo é elaborar un discurso alternativo, contrahexemónico e que loite contra o discurso dominante na teoría e na práctica, ofrecendo unha idea de Galicia axustada mellor á realidade", destaca a poeta galega e coordinadora do grupo de traballo e das xornadas, Marilar Aleixandre. "Os motivos polos que xorde a figura de Ruth Matilda como homenaxeada na edición deste ano son polo centenario do final da segunda viaxe da autora a Galicia e a publicación do ensaio Ruth Matilda Anderson: tradutora das marxes de Alba Rodríguez", explica a poeta. O punto de partida da tradutora é o ensaio Gallegan Provinces of Spain. Pontevedra and La Coruña (1939). "É un libro cunhas características moi especiais e non entendía como unha obra con ese corpo non estaba rexistrado nin traducido ao noso idioma", explica.

"A peza que faltaba"

Alba Rodríguez, na súa intervención Traducir para visibilizar. A Galicia en feminino plural que reivindicou Ruth Matilda Anderson, buscará recoller "a peza que faltaba" sobre a fotógrafa e destacará as outras facianas que a estadounidense desenvolveu durante as dúas viaxes interrompidas (entre 1924 e 1926) que a autora fixo a Galicia encargada pola Hispanic Society. "Ruth Matilda foi boa fotógrafa, pero tamén etnógrafa, mestra, decoradora de interiores e a maior tradutora de Rosalía de Castro a inglés ata 1964, algo que se descoñece", comenta Rodríguez. Aleixandre pon o foco nas dúas razóns polas que Anderson non foi recoñecida: por un lado porque o seu ensaio foi publicado en 1939, "unha mala época para chegar á intelectualidade galega" e porque a autora fala "de xente que está nas marxes e iso non interesaba amosalo".

O traballo descoñecido de Ruth Matilda permaneceu fóra do repertorio bibliográfico do galego e con este "encontro multidisciplinar" procúrase dar a coñecer a imaxe ignorada da autora, moi importante para o panorama cultural galego. "Houbo outras manipulacións na historia a artistas como Rosalía de Castro ou Emilia Pardo Bazán e Anderson deixa isto en constancia, por exemplo, ao seleccionar textos concretos de Rosalía onde desbota a figura de nai laiada que se lle adoita impoñer", delcara Rodríguez. Ruth Matilda Anderson tamén foi quen de recoller e dar visibilidade ás mulleres rurais en Galicia ao amosar as súas penas, alegrías, esperanzas... Neste contexto, a intervención da historiadora Ana Cabana titulada As mulleres do rural galego nos tempos de Ruth Matilda Anderson: traballo e traballos resulta fundamental para entender como o sexo feminino era relegado a un segundo plano naquela época. "O papel de Ana é esencial, xa que describirá esas realidades con achegas totalmente fundamentadas. O seu traballo fala por si só", destaca Alba Rodríguez.

"Tal vez se fose un home, todo tería sido distinto"

A Hispanic Society mandáralle á fotógrafa unha misión ben clara: retratar un mundo esmorecido. Dalgún xeito, o fotoxornalista Brais Lorenzo continúa a día de hoxe ese traballo co seu proxecto Habitar o baleiro, que busca retratar a vida no rural de Galicia. Na intervención de Lorenzo titulada Fotografía, memoria e territorio: un diálogo fotográfico con Ruth Matilda Anderson. Habitar o baleiro, o artista deixará ver unha especie de paralelismo entre a imaxe actual galega que el retrata e aquela que recollía Anderson. "O mundo non acaba de esmorecer, mais segue habendo marxes", comentan Rodríguez e Aleixandre.

O encontro tamén contará cunha actuación musical de mans das Pandeireteiras de Cantigas e Agarimos que en novembro do ano pasado estrearon un espectáculo sobre Anderson con música, baile e mesmo unha representación teatral das viaxes da autora a Galicia. Como coordinadora das xornadas, Marilar Aleixandre espera que o evento "sexa algo áxil" onde "a xente poida intervir" sen problema. Pola súa parte, Alba Rodríguez desexa que o encontro sirva para "reivindicar o traballo" dunha autora como Anderson, á que se lle debe un bo recoñecemento. "Ruth foi moito máis que fotógrafa, era unha muller poliédrica. Tal vez se fose un home, todo tería sido distinto", confesa Rodríguez.

Tracking Pixel Contents