Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Os profesores de A Coruña loitan por unha educación en diversidade: "Precísanse máis recursos"

A Rede Educativa de Apoio LGBTIQ+ de Galicia fomenta nos centros educativos da Coruña unha formación diversa e segura

Equipo de igualdade do IES Fernando Wirtz da Coruña

Equipo de igualdade do IES Fernando Wirtz da Coruña / GUS DE LA PAZ

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
A Coruña

"Na miña sociedade cabe todo o mundo", declara un dos profesores asociados da Rede Educativa de Apoio LGBTIQ+ de Galicia, Alberto Roca. Esta é a primeira asociación galega e estatal sen ánimo de lucro formada por profesionais do ámbito educativo que ten como máxima fomentar a coeducación, a formación en diversidade e a educación sexual nas aulas. Alberto Roca é un dos profesores asociados á Rede que estivo nun centro da Coruña aínda que agora a súa praza está en Carballo. "Eu entrei no primeiro congreso", explica, "ata ese momento non existía unha cobertura educativa precisa que denfedese a causa aínda que temos unha lexislación que o obriga". O docente recalca a importancia de visibilizar referentes para a rapazada, xa que "a nivel emocional é importantísimo posto que hai unha situación de violencia cara as minorías".

Segundo comenta Alberto Roca, é importante que haxa unha loita interseccional e os profesores están "a tope buscando mellorar o mundo a través da educación". Roca defende ademais o emprego de contidos transversais para que os profesores poidan contar con ferramentas para defender a diversidade. "Traballei nun centro de Oleiros e no concello proporciónanse moitos recursos aos profesores", comenta Roca. Na súa traxectoria laboral na Coruña, o profesor denuncia unha práctica moi habitual: "Cada vez que xorde unha iniciativa derívase ao departamento de orientación, que está sobrecargado. Precísanse máis recursos e os principais perxudicados son os nenos". "Falta a visibilidade do mundo real e promover a diversidade nas aulas é moi sinxelo", sentencia Roca.

"Nas grandes cidades sempre hai máis requisitos"

"A cantidade de docentes asociados no norte de Galicia é menor", denuncia Constantino García, profesor de Informática no IES Fernando Wirtz da Coruña e tamén asociado coa Rede Educativa de Apoio LGBTIQ+ de Galicia. A asociación xorde a partir de grupos de profesores en diferentes centros que están interesados en traballar a identidade de xénero e sexual nas aulas. En maio de 2020, a organización constituíuse sen obrigas, mais coa idea de animar a crear equipos de apoio nos centros de ensinanza. "No IES Fernando Wirtz naceu un pequeno espazo para certas actividades despois da pandemia e logo foron os alumnos os que pediron e demandaron máis recursos", comenta Constantino García, quen engade: "Agora no grupo de igualdade do centro somos máis e contamos con moito material recollido para aqueles profesores que non saiban como actuar".

O docente tamén denuncia os problemas que xorden en cidades como Coruña: "nas grandes cidades sempre hai máis requisitos. Eu houbo traballos que tiven que facer en grupos máis pequenos para que fose menos complexo". García tamén bota en falta talleres máis específicos como os que proporciona o Espazo diverso da Cidade Vella da Coruña. "Chámame a atención o descoñecemento deste tipo de axudas e servizos necesarios", destaca o profesor, quen alerta da falta de xente e da necesidade de que haxa "información accesible que poida chegar a todos os centros, xa que hai charlas, trípticos e outros recursos de moi boa calidade que non se aproveitan".

A Rede Educativa de Apoio LGBTIQ+ de Galicia organiza un congreso cada ano onde se amosan fotografías dos avances e traballos dos centros asociados. Ademais, a asociación conta cun repositorio na súa páxina web onde recollen recursos e materiais para que os profesores poidan contar con ferramentas coas que levar a cabo unha educación en diversidade. Na web póndense atopar leis e normativas que avalan unha educación en igualdade, guías educativas, recursos literarios e audiovisuais, xogos e xoguetes, bibliografía básica e mesmo un glosario de conceptos LGBTIQA+. A profesora e coordinadora da Rede, Ana Ojea, resalta a independencia dos profesores asociados, xa que "cada un depende do contexto do centro e debe atender as ideas e necesidades do alumnado".

EQUIPO DE IGUALDAD INSTITUTO WIRTZ

O profesor do IES Fernando Wirtz da Coruña, Constantino García, fronte os carteis que realiza o equipo de igualdade do centro / GUS DE LA PAZ

Case 200 docentes e preto de 150 centros educativos conforman a asociación, cuxo propósito é "formar ao profesorado e facilitar ferramentas propias para non depender sempre de actividades externas", explica Ojea. "A Rede xorde en parte porque existe unha lei LGBT educativa galega de 2014 que non se cumpre e deixa un baleiro que cómpre encher", comenta a coordinadora. A principal canle de comunicación da organización son as redes sociais, posto que "se lles proporciona información aos equipos directivos para que a propaguen e non acontece porque moitos centros optan pola pasividade". Destaca Ojea que "non se verbaliza, mais se sinte no ambiente unha falta de ganas comúns de tratar a temática". Ademais, dende a Rede tamén se defenden outras causas, a pesar de que "non se apoia coa mesma reciprocidade a nosa loita", denuncia Ana Ojea.

"A primeira vez que sentimos que importabamos de verdade"

A Rede educativa de apoio foi a primeira asociación en recibir en 2021 o recoñecemento Arcoirís da Dirección Xeral de Diversidade Sexual e Dereitos LGBTI do Ministerio de Igualdade por Boas prácticas de Inclusión da Diversidade Sexual e de Xénero no Ámbito Educativo. "Foi a primeira vez que sentimos que importabamos de verdade", declara a coordinadora. O contexto actual no que se insire a Rede é complicado, pois segundo explica o profesor asociado Alberto Roca, os avances sociais son espectaculares, aínda que "existe unha orientación dos máis novos cara unha ideoloxía radical que emprega campañas curtas e con mentiras nas redes".

A coordinadora da Rede, Ana Ojea, denuncia que dende a organización aínda están en alerta con "pedras no camiño", pois segundo explica "as administracións públicas e educativas deberían facer políticas públicas". Ojea resalta a importancia de estar presentes e que cada vez máis persoas se unan nun espazo aberto. "O feito de estar aí é moito, mais que cambiasen as leis sería o verdadeiro problema", destaca, "é cuestión de seguir adiante, resistir e loitar, aínda que desgasta moito".

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents