Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

O fotógrafo Miguel Muñiz gaña o premio Luis Ksado con 'Aventados': "Xa perdera un pouco a esperanza, mais foi unha alegría tremenda"

A serie fotográfica sobre os efectos do nordés nos habitantes da Estaca de Bares foi a gañadora da vixésima edición do Premio de Creación fotográfica Luis Ksado

Imaxe do fotógrafo ourensán, Miguel Muñiz.

Imaxe do fotógrafo ourensán, Miguel Muñiz. / INAKI ABELLA DIEGUEZ

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
A Coruña

O vento do nordés é un dos protagonistas que o fotodocumentalista ourensán Miguel Muñiz amosou na súa obra Aventados, gañadora do XX Premio de Creación fotográfica Luis Ksado promovido pola Deputación da Coruña. O certame ofrece un premio de 6.500 euros á serie fotográfica (de entre seis e doce fotografías) escollida. Nesta vixésima edición, a obra de Muñiz sobre o rural galegoresultou gañadora por unanimidade entre 80 coleccións pola súa "visión poética e coherencia narrativa ao documentar a contorna rural", segundo destacou o xurado. Para Muñiz, o premio Luis Ksado é "moi importante", xa que foi dúas veces finalista no certame e tivo mesmo unha mención honorífica nunha das anteriores edicións. "Xa perdera un pouco a esperanza", confesa, "foi unha alegría tremenda". Ademais, o xurado do concurso tamén seleccionou as cinco obras finalistas que recibiron 500 euros e formarán parte dunha exposición itinerante e do catálogo oficial desta edición.

O fotógrafo, especializado en memoria de territorios e os seus habitantes, escolleu nesta serie a Estaca de Bares como localización e procurou amosar a interesante correlación entre o vento do nordés e os habitantes do territorio. "Levaba moitos anos por motivos de amizade indo alí e un día paseando polos arredores do Faro vin uns arbustos que eran movidos con moita forza polo vento e decidín fotografalo, xa que era unha imaxe moi estética co fondo do mar", explica Muñiz. O artista lembrou entón que todas as veces que durmía alí sentía o vento e se decatou de que "o nordés influía na vida da xente que levaba vivindo aquí toda a vida".

A primeira fotografía que conforma a obra 'Aventados' do fotodocumentalista Miguel Muñiz.

A primeira fotografía que conforma a obra 'Aventados' do fotodocumentalista Miguel Muñiz. / MIGUEL MUÑIZ

Con esta obra, conformada por doce fotografías e na que traballou durante cinco anos, Muñiz acumula un novo éxito que se suma aos numerosos recoñecementos nacionais e internacionais que conseguiu con outros proxectos, como o European Newspaper Award ou ser finalista do Wildlife Photographer of the Year ou do Creative Siena Photo Award. Ademais, expuxo en Houston e Portugal e colaborou en múltiples libros e obras como Galicia en vilo ou Aislados, diario de la pandemia. "Sempre gusta que se recoñeza o noso traballo e é un orgullo poder levar a nosa terra ata outros lugares para que se coñeza. A nivel nacional e internacional, os galegos estamos indo bastante alá, moitos fotoxornalistas están triunfando en certames", destaca Muñiz. "Parte do noso mérito tamén é que vivimos nunha terra con moitos cambios de luces, con moitas realidades distintas e con moitas tradicións que axudan bastante a educar a mente e o ollo", engade.

"Aos habitantes o nordés os arrastra terra adentro"

En Aventados, a súa primeira idea foi observar a vexetación e como as árbores do lugar estaban dobradas cara o interior, posto que "o nordés vén do mar á terra". Muñiz tamén descubriu que nesta terra "sobrevive un tipo de vexetación concreta que estaba en certa maneira illada do mesmo modo que o estaban os seus habitantes". "Dalgunha maneira o vento tamén illa ás persoas que viven alí e transforma as súas casas en refuxios, polo que quixen amosar esta forma singular de illamento e despoboación", aclara o fotógrafo, quen recorda que atopou unha persoa pola rúa que lle dixo "aos habitantes o nordés os arrastra terra adentro".

O autor procurou crear unha combinación de fotos de dúas en dúas cunha na que aparecese o territorio e noutra, unha persoa. Ademais, Muñiz tamén buscou unha constante nas fotografías con cores azuis e sempre co vento representado dalgún xeito. "Na foto dos acantilados, estes están completamente esculpidos polo vento. É unha maneira de levar o nordés a todas as imaxes do proxecto", comenta o fotodocumentalista. Unha das imaxes máis representativas da serie é a de Paulino, o home fotografado na súa habitación. "Paulino ten a dozura dese rostro dentro dun home tan grande cunhas mans tan grandes. Para min simboliza esa permanencia daquelas persoas que se adaptan a unha constancia do vento", explica o fotógrafo.

Retrato de Paulino na súa habitación pertencente á serie fotográfica 'Aventados' de Miguel Muñiz que gañou o premio Luis Ksado.

Retrato de Paulino na súa habitación pertencente á serie fotográfica 'Aventados' de Miguel Muñiz que gañou o premio Luis Ksado. / MIGUEL MUÑIZ

Muñiz recoñece ter "aprendido moito" cos seus proxectos. Paralelamente a Aventados, o autor segue traballando en O derradeiro trazo do xiz, un proxecto sobre a memoria das escolas rurais galegas. "A miña idea orixinal era soamente fotografar as persoas que habitaron esas escolas dentro dos edificios xa derruídos e abandonados, mais cando entrei na primeira delas atopeime coa historia de Aurora, unha profesora que lembraba o pequeno braseiro que traía a clase dentro dunha lata de bonitos cando era cativa para quentarse durante todo o día", comenta, e recoñece que é "unha aprendizaxe marabillosa".

A fotografía para el é "unha forma de expresarse, de recoñecerse a un mesmo". "Gústame o traballo no rural, xa que te atopas nun campo máis calmo, cun contacto máis tranquilo coas persoas e no que hai máis escoita polas dúas partes", declara Muñiz, para quen a fotografía "é unha forma de aprendizaxe continua e ao mesmo tempo un reto".

"Cambiar sempre é bo para todos"

A idea máis próxima que ten o autor a futuro é quizais facer un libro que recolla o traballo documentado en Aventados e en Nordés (o proxecto "pai" de Aventados co que conseguiu a mención honorífica no certame de Luis Ksado en 2024), xa que explica que cando es finalista cunha obra, normalmente segues traballando nela con moita intensidade. "Dar peche a un proxecto é moi complicado, porque parece que sempre hai algo máis que contar, pero tamén creo que é necesario. Agora estou traballando en tres proxectos ao mesmo tempo: Nordés, O derradeiro trazo de xiz e Os coidados (sobre a miña nai), e dalgunha maneira chegará o momento no que se pechen para deixar espazo a emprender outros distintos", expón Muñiz, quen opina que "cambiar un pouco sempre é bo para todos", sentencia.

Tracking Pixel Contents