Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Entrevista | Antonio Manuel Fraga Escritor

A obra do escritor coruñés Antonio Manuel Fraga, entre as máis representativas da literatura infantil internacional: "A palabra ten un papel sanador"

O autor consigue por segunda vez que un dos seus libros, neste caso 'Como escorrentar a un lobo', sexa seleccionado para a Lista de Honra IBBY 2026, na que se recollen as pezas de maior relevancia da literatura infantil e xuvenil internacional

O escritor, Antonio Manuel Fraga, posa no parque de Marte en A Coruña.

O escritor, Antonio Manuel Fraga, posa no parque de Marte en A Coruña. / CARLOS PARDELLAS

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
A Coruña

A importancia da palabra como cura ante o medo é unha das premisas que aborda o escritor eumés Antonio Manuel Fraga, veciño da Coruña, na súa obra Como escorrentar a un lobo (2024), que foi seleccionada para a Lista de Honra IBBY (International Board on Books for Young people) 2026. Este catálogo bienal recolle os libros de maior relevancia de literatura infantil e xuvenil dos países membros da organización e pretende darlles visibilidade aos diversos contextos culturais, sociais e políticos nos que viven os nenos. A obra de Fraga é unha viaxe á Polonia da Segunda Guerra Mundial, onde o medo duns nenos xudeus permite destacar a relevancia das palabras, quizáis unha das claves para que este libro sexa xa un referente internacional na literatura para os máis pequenos.

Que supón este novo recoñecemento nunha das distincións internacionas de maior prestixio na literatura infantil e xuvenil?

É unha enorme satisfacción, sobre todo tendo en conta que é a segunda vez, primeiro con O bestiario científico de Anxos Nogueirosa e agora con Como escorrentar a un lobo, dous libros que teñen varias cousas en común. Ademais de polo seu compoñente fantástico, ambos foron editados pola editora de Cuarto de Inverno, Andrea Jamardo. De feito, Como escorrentar a un lobo naceu a partir de fundar a editorial Cuarto de Inverno, onde me pediron escribir un libro para eles e eu, por mor de distintos compromisos, fun deixando esa promesa ata que en 2022 dispuxen duns meses para desenvolver aquela idea que me roldaba a cabeza. Estar neste catálogo, onde nalgún momento estiveron tamén grandes autores e autoras como María Parr ou Maurice Sendak, é unha honra. Máis alá da alegría persoal, a entrada nunha lista de referencia que poden consultar editoras, bibliotecas, mediadoras e especialistas de todo o mundo tamén é unha oportunidade para que este libro poida seguir facendo o seu camiño, atopar novos lectores e que os alicerces desta historia poidan conectar con novos lectores e novas miradas.

Cal cree que pode ser a razón do éxito da obra seleccionada este 2026 polo IBBY?

Quizais a clave da obra é o feito de que se sitúa nun contexto que favorece o seu coñecemento a nivel internacional, como é a Segunda Guerra Mundial nesa Polonia ocupada polos nazis, e sobre todo que tamén apela a como moitas veces o medo é algo que nos paraliza e que nos deixa sen ferramentas, pero que temos que aprender a miralo de fronte entre todos para poder seguir camiñando. Na obra, o medo absoluto dos dous nenos xudeus que están escoitando a historia de fantasía contada por Noncia é evidente, xa que podían ser asasinados nun campo de concentración, un medo que tristemente seguimos arrastrando na actualidade coas guerras en Ucraína ou na franxa de Gaza, onde se sofren os terrores da violencia e da guerra.

Como se sinte acadar numerosos recoñecementos polo seu traballo?

Ao comezo recibino con bastante sorpresa. No ano 2013 gañei o premio Merlín de Literatura Infantil, un dos máis importantes da literatura infantil de Galicia, con O Castañeiro de Abril , e foi unha grande sorpresa para todos, mesmo para a editora, que tan só coñecían de min o ámbito da enxeñaría ao que me dedicaba. Eu presentárame por probar sorte, mais sen demasiada esperanza en gañar, polo que foi unha sorpresa que nunca chegou a desaparecer de todo. A escrita é un traballo moi solitario no que botas moito tempo só sen coñecer se o que escribes gusta ou non. Ademais, eu son unha persoa insegura, entón as dúbidas están presentes en todo o proceso, polo que o feito de acadar algún recoñecemento ou premio é un pequeno empurrón que anima a continuar neste traballo.

Que é o que pretendías transmitir á hora de escribir a obra?

O primeiro que pensei neste libro era o contexto onde quería escribir, atraíame xogar co folclore de Europa do leste, e despois o que tiña claro é que tiña que ser a través dunha narración oral, cunha historia metida dentro de outra na que hai unha personaxe principal que vai ser o narrador e que, a través da palabra, axuda a eses nenos a mirar o futuro con máis opimismo e afouteza. A palabra aí ten un papel sanador, ten un papel de empoderar ás persoas, e eu quería destacar a importancia da narración oral e o feito de que as historias poden facer do noso mundo un lugar mellor.

Como aparece esa paixón e gusto pola literatura na súa vida?

Sempre estivo aí presente dende pequeno, fundamentalmente como lector, pero tamén como escritor. Era algo que sempre mantiven desde que era un rapaz, como afección, xa que escribía relatos na fin de semana ou nas vacacións, mais non llos deixaba ler a ninguén e escribía para min porque me daba vergoña. Eu estudara Enxeñaría Técnica Industrial e o meu traballo profesional estaba relacionado con esa formación, mais no 2010, no contexto da crise económica, quedei no paro. Cando regresei á Coruña de traballar no estranxeiro, non tiña nada que facer e pensei en sería boa idea dedicarme a escribir en serio e darlle, ao que fora unha afección, un papel máis protagonista. Nese momento comecei a escribir literatura infantil e, como me gustou moito a experiencia, dende as miñas primeiras obras publicadas en 2013 continuei por esa senda ata o de agora.

Por que escolle a literatura infantil e xuvenil?

Comecei a escribir literatura infantil por casualidade, xa que estaba dándolle voltas nese tempo libre que podía escribir. Nese momento estaba a piques de nacer a miña primeira sobriña e pensei en escribir un conto pequeno para esa nena que estaba por nacer, para que dentro duns anos puidese ler algo especial escrito para ela. Dese pequeno conto acabou xurdindo a miña primeira obra de literatura infantil e dende aquela decidín continuar por un camiño que me gustaba moito. Ben é certo que escribín tres novelas para público adulto, porque as veces si que me gusta saír da miña casa que é a literatura infantil e xuvenil. Tal vez a maior dificultade en escribir para a xuventude é facer o exercicio de poñerse na mente dos pequenos e pequenas e conectar con eles a través dos seus intereses ou do seu humor, que para min é moitas veces o que me abre un furado como entrada ao seu mundo, onde busco adaptarme sempre aos seus rexistros.

A literatura galega terá cabida na mirada internacional?

Esfórzome a ser optimista nese sentido. Despois de anos traballando e coñecendo ás compañeiras que tamén escriben literatura infantil, son consciente da potencia que teñen. Cada vez se está recoñecendo máis a nosa literatura fóra das fronteiras galegas, cada vez os nomes soan máis e creo que temos que seguir traballando nese camiño da internacionalización. É unha magnífica noticia para a literatura infantil e xuvenil galega que poida estar presente en iniciativas coma a do catálogo White Ravens, que fai a biblioteca pública de Múnich e que lle dan a visibilidade e o espazo que merece.

Cales son as expectativas e plans futuros?

Para futuros proxectos, creo que vou a traballar máis en pequeno, que non significa a un nivel inferior. En Como escorrentar a un lobo fálase dun proxecto situado na Polonia dos anos 40 cunha historia que nos retrotrae cara unha mitoloxía eslava, mentres que a miña idea nun futuro é achegarme máis á miña realidade e ao meu barrio, con problemas contemporáneos. Esta inquedanza nace polas ideas que foron xurdindo en min polo que vexo na miña veciñanza ou polo que leo nos xornais que me leva a problemas máis próximos. As historias futuras poderan reflectir situacións que se poden dar en Monte Alto, que é onde vivo, ou en Vigo ou nalgún barrio de Madrid ou de París. Polo tanto, a pesar de que se traballe a pequena escala, a idea é que as historias continúen a ser universais.

Tracking Pixel Contents