Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Chega a nova edición da Feira do Libro da Coruña con dez xornadas de conversas, literatura e historia

Entre o 1 e o 10 de agosto, a celebración literaria festexa a súa nova edición nos xardíns de Méndez Núñez con 36 postos nos que se poderá mercar libros e coñecer aos mellores autoras e autores

Imaxe da Feira do Libro da Coruña na súa edición do ano 2025 nos xardíns de Méndez Núñez.

Imaxe da Feira do Libro da Coruña na súa edición do ano 2025 nos xardíns de Méndez Núñez. / Iago López

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
A Coruña

Os amantes da literatura da cidade poderán gozar dunhas xornadas cargadas de actividades e obradoiros este verán na Coruña. A Feira do Libro celebra a súa nova edición nos xardíns de Méndez Núñez dende o 1 ao 10 de agosto. Entre as 11.00 e as 14.00 horas pola mañá e as 17.30 e as 21.30 horas pola tarde, a celebración contará con 36 postos nos que librarías e editoriais como a coruñesa Lume ou Kalandraka organizarán presentacións e sinaturas de obras literarias variadas.

Nunha das dúas carpas de actividades, o sábado 1 de agosto, comezará o programa cun pregón a cargo da ilustradora coruñesa Bea Lema. Seguirán xogos e obradoiros para os máis pequenos e presentacións de libros como Cunetas de Luís Pimentel, entre outros. Ademais, haberá conversas sobre historia e literatura e sobre obras como as de Begoña Caamaño, homenaxeada no Día das Letras deste ano, con diferentes autores ou xornalistas relacionados coa escrita como Yolanda Castaño.

Nesta edición, tamén se organizarán roteiros histórico-literarios (mércores 5 de agosto ás 19.30 horas), o concerto musical de Brinca Vai con Paco Nogueiras (venres 7 ás 17.30 horas) e mesmo un bingo literario con Lucía Aldao (o luns 3 ás 20.00 horas). Tamén o día martes 4 de agosto, unha das carpas contará cun teatro para familias de Pablísimo e cunha sesión sonora da presentación da Novela do Bravú de Xurxo Souto.

O mércores 5 de agosto, Cris de Caldas presentará o espectáculo A bibliotecaria estrafalaria con humor, música, contos e maxia; ademais de que haberá obradoiros de escritura de braille e de iniciación ao cómic para toda a familia durante o resto das xornadas. Tamén o sábado 8 de agosto se organizará unha homenaxe á escritora Syra Alonso e unha viaxe pola obra de Otero Pedrayo.

Xuntanzas cos autores e as súas obras

Nas casetas das librarías, ademais dunha oferta literaria variada cun 10% de desconto en todos os libros, tamén estarán asinando as súas obras autores e autoras de grande importancia no panorama galego e nacional. Algúns dos artistas que se poderán coñecer nesta edición son: Carlos Barros coa súa obra Estatuas en la nieve no posto da libraría Couceiro o 3 de agosto ás 18.00 horas; Arantza Portabales, que estará na caseta da libraría Lume asinando a súa obra Asasinato no muiño do cura ás 20.45 horas do 4 de agosto; Ledicia Costas o 8 de agosto ás 19.00 horas no posto da libraría Berbiriana con Pel de cordeiro e o resto da súa obra; e Manuel Rivas, que asinará tamén na caseta da libraría Berbiriana con Tras do ceo e o resto da súa obra o domingo 9 ás 20.00 horas.

Tamén haberá unha homenaxe a Begoña Caamaño nas casetas grazas a Xosé Manuel Varela, Icía Varela e Nerea Gómez que asinarán a súa obra sobre a autora no posto da librería Perseida o xoves 6 de agosto ás 19.30 horas.

A feira rematará o luns 10 de agosto cos autores Beatriz Arias e Jaime Borja López nos postos das librarías Lume e Arenas para rematar as sinaturas, ademais da presentación de Por que comemos? de Xosé Cermeño e unha sesión poética de micro aberto con Branca Trigo nas carpas de actividades sobre as 20.00 horas.

Tracking Pixel Contents