Mercedes Peón, cantante e instrumentista coruñesa: "A miña música non é perfecta, pero a música tradicional sí"
A artista coruñesa regresa este 2 de agosto ás Festas de María Pita cun espectáculo creado expresamente para a cidade, no que mesturará música, poesía, creación colectiva e unha proposta visual inédita

Concierto de Mercedes Peón en el festival Festa Raxada de Couso / Pablo Hernández Gamarra
Mercedes Peón volverá actuar este sábado, 2 de agosto, na praza de María Pita ás 22.00 horas, un escenario cargado de simbolismo para unha das artistas máis recoñecidas da música galega. A coruñesa presentará un espectáculo deseñado especialmente para esta cita, no que reunirá un amplo elenco de músicas, poetas e creadoras para ofrecer unha experiencia sonora e visual única. Antes do concerto fala da súa relación coa cidade, da infancia nos Castros, da tradición, da lingua e do concerto que prepara para o público da Coruña.
Que significa inaugurar o ciclo de concertos de María Pita?
Estou encantada de volver a tocar na Coruña e en María Pita, é a cidade que me veu nacer e medrar, a cidade que percorro en bicicleta dende os 8 anos, antes polo medio dos coches e agora polo carril bici. Cando era pequena a praza de María Pita estaba lonxe, moi lonxe; alí non iamos andar. Foi a partir dos 13 anos cando comecei a afastarme do meu barrio, os Castros. María Pita, no meu imaxinario, ocupa o espazo da expresión pública, da reivindicación, da protesta da cidadanía, dos manifestos por outro xeito de operar e tamén o corazón da cidade, que aos poucos tería que encherse da diversidade que reside nos barrios máis afastados do centro.
Como lembra a súa infancia nos Castros?
Creo que andaba bastante ceiba, aínda que a miña nai vixiábame polo movida que era. O monte das Moas á carón, a antiga praia de Oza ou Lazareto, os varadoiros Chas, despois de desprazar e eliminar a praia, o porto, onde iamos xogar coas bicis, coñecer a cidade a través do mar, chegar a Santa Cristina polo medio da estrada, os tubos do cru que atravesaban as nosas casas ata o porto dende a refinería… Todo iso influíu totalmente, tanto pola información recibida como polas carencias e omisións no mesmo entorno.

Mercedes Peón durante el inicio de las Fiestas de María Pita en 2018 / Carlos Pardellas
Canto queda desa Coruña na súa maneira de compoñer?
A sorte é que queda moito porque está gravado e publicado. As vivencias da infancia marcan profundamente, entender a modernidade e o industrial convivindo coa natureza e a complexidade das cosmovisións de creación colectiva. Agora mesmo as miñas composicións están máis ao servizo do cine e ese xeito de entender a música como un todo benefíciame moito á hora de abordar este tipo de proxectos.
Como será o espectáculo que presentará en María Pita?
Con moita enerxía. Esa enerxía, parece ser, sempre vai comigo, mais nesta ocasión propóñovos unha experiencia que transitará entre as relacións de amizade sonora de músicas potentísimas con composicións feitas para poesía e cine. O fío condutor sempre serán propostas de identificación e outros xeitos de estar no mundo, como é a sororidade. Está pensado para a miña cidade, unha experiencia sonora e visual única para esta ocasión tan especial.
A quenes atopará o público neste concerto?
Nestes momentos Galicia conta con músicas dunha formación impresionante, xa non só como intérpretes, senón como verdadeiras improvisadoras de músicas contemporáneas e complexas. Teño a inmensa sorte de que para esta ocasión quixéronse involucrar: Margarida Mariño, violonchelo; Helena Vázquez, violín; María Jorge, violín; Yolanda Castaño, poeta; Andrea Nunes, poeta; Mónica de Nut, teclados e voz contemporánea; Ana Fernández, percusión e voz; As Netas de Quen?, tocadoras, músicas e vocalistas; Raigaña de Cerqueda, a pegada da creación colectiva; Laura Iturralde, luz e arquitectura e Alberto Alejo, ao son.
Como naceu a idea de combinar corda, poesía e unha proposta visual?
Iso non é doado de contestar, pero creo que o meu corpo precisa experiencias acústicas. Levo 25 anos traballando con electrónica, tanto para discos como, nesta última década, para o cine. Traballo en estudo con sons moi procesados a maior parte das veces. Tamén véñenseme á cabeza momentos sonoros, penso en texturas novidosas e así van xurdindo as ideas: por intuición, por abstracción, por emoción. Todo iso crea material para o matemático, para a orde, para o narrativo, para o político e así, con toda esa convivencia, facer algo que teña calidade e coherencia artística.
É moi emocionante ver crianzas que non falan galego cantando en galego temas das Tanxugueiras ou das tocadoras que acompañan ás bandas.
Que segue espertando a súa curiosidade despois de tantos anos de carreira?
Primeiro é moi necesario dicir que eu son unha "autora de autoestima cultural". A miña música seguro que non é perfecta, pero a música tradicional si o é. A música tradicional non é unha, son centos de cosmovisións, de cada aldea de creación colectiva, polo que non se pode reinventar; quen reinventa xa non fai tradición. Fixádevos na inmensa beleza e perfección de cada melodía usada e, sobre todo, interpretada por pandeireteiras, por moi en segundo plano que se coloquen. Son elas e as melodías interpretadas quen supuxeron para centos e miles de músicxs poder utilizar creacións do pobo que os colocaban no mapa como algo singular da man do humilde. Por iso temos que colocar a nosa lingua e as nosas falas no lugar que lles pertence, que é o centro, e nós agradecer a xenerosidade e ter unha inmensa gratitude cara ao que está a desaparecer.
Como ve o interese da mocidade pola música tradicional?
Que pregunta tan difícil e interesante. O primeiro gustaríame explicar que creo que vivimos nun non-país. Iso crea certa esquizofrenia onde non nos lembramos como colectivo político do que pasou hai sete anos ou cinco anos. E digo político porque aí están os pactos de como se constrúe un imaxinario social, os referentes culturais que se usan, as pegadas que poidan deixar os nosos contemporáneos. Pero de só cinco, sete, dez ou vinte anos atrás esquécense tan axiña que dá vertixe. Realmente isto é dificilísimo de analizar. Creo que estamos vivindo unha fisura no sistema fantasioso de referentes. Hai unha achega ás fórmulas difundidas a nivel global con melodías extraordinarias que veñen da tradición aprendidas dos grupos folclóricos, que foron e son tan importantes nesa difusión. É moi emocionante e marabilloso ver crianzas que non falan galego cantando en galego temas das Tanxugueiras ou das tocadoras que acompañan ás bandas. Se a Administración acompañase estas fisuras, que son pura resistencia, seguramente poderíase reverter o problema enorme que estamos tendo coa lingua e coas falas.
Que é o que máis lle preocupa que poidamos perder?
A lingua e após xa perdemos todo. Seremos cidades como calquera cidade, coas mesmas tendas, cos mesmos desexos e sen ferramentas para o transo colectivo e, por tanto, sen singularidades profundas que nos deixen ver o mundo dende lugares con prismas diferentes e, por tanto, menos manipulables.
Que lle diría aos coruñeses para animalos a asistir ao concerto?
Víndevos, que seremos pura emoción. Van levar ledicia, amor, creatividade, ganas de bailar, marabillarse coa natureza, coa xente ao pasar; que leven un estado de felicidade profunda.
- El bar de A Coruña con una tortilla que conquista a 3.700 cruceristas: 'Dicen que nos hemos vendido a los guiris
- Abre en Monte Alto la primera taberna de brujas de A Coruña: 'Vamos a hacer rituales y celebrar el Sabbat
- Incertidumbre sobre el estado del cielo en A Coruña por el eclipse: la Aemet pronostica sol, pero MeteoGalicia duda
- El día después del eclipse en A Coruña: 83.712 coches, más usuarios de bus y 218 toneladas de basura
- El eclipse total de sol en A Coruña en directo: sigue todos los detalles sobre el fenómeno astronómico del año
- ¿Dónde ver el eclipse en A Coruña sin salir de tu barrio? El Concello propone 43 rincones con vistas estratégicas
- Las excavaciones del Chuac de A Coruña retirarán más de 1,8 millones de toneladas utilizables: cimentarán la vía Ártabra y se usarán en rellenos del puerto exterior
- El primer día de cinco negocios de éxito en A Coruña: 'Teníamos la puerta abierta y no entraba nadie