Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Un verán para volver a Castelo

A undécima edición do Castelo Conta celebrarase do 24 ao 30 de agosto, pero a festa xa comezou na Taberna, aberta desde o 24 de xullo, e terá na eclipse do 12 de agosto unha das súas grandes citas previas

A Noite do Castelo Conta, gala dos monólogos

A Noite do Castelo Conta, gala dos monólogos / Aigi Boga

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google

B. C.

A Coruña

Hai lugares nos que miden as festas pola súa duración. E logo está Castelo, un lugar que entende a festa como unha maneira de facer vida en comunidade.

Hai máis dunha década que esta parroquia de Culleredo decidiu darlle a volta á maneira de celebrar o San Ramón. O que comezou como unha gala de monólogos converteuse no Castelo Conta, un festival cultural que durante unha semana leva música, humor, teatro, gastronomía, memoria, tradición oral e actividades para todas as idades ás diferentes aldeas de Castelo.

A festa que lle deu a volta á festa chega este ano á súa undécima edición. Será do 24 ao 30 de agosto, con máis de sesenta propostas e unha programación que volverá espallarse pola parroquia.

En realidade, o Castelo Conta xa comezou: desde o pasado 24 de xullo, Casa Rodríguez, a Taberna do Castelo Conta, mantén abertas as súas portas cunha programación especial que prolonga durante todo un mes a actividade do festival.

A Taberna, o punto de encontro

A Taberna é tamén unha maneira de explicar o que é o Castelo Conta. Un lugar que durante décadas foi punto de encontro da parroquia volveu cobrar vida e converteuse novamente nun espazo para compartir mesa, música, conversación e cultura. Durante estas semanas, recuperará o seu papel como corazón social de Castelo, cunha programación que permitirá que a festa se estenda máis alá dos seus días habituais.

A taberna de Castelo, Casa Rodríguez

A taberna de Castelo, Casa Rodríguez / Aigi Boga

E entre as propostas desta antesala hai unha especialmente singular: o 12 de agosto, Castelo ten unha cita co ceo. A partir das 19:00 horas, a parroquia acollerá unha festa de visionado da eclipse. A actividade contará con gafas especiais para seguir o fenómeno con seguridade, incluídas na pulseira ‘Todo Castelo Conta’, que terá un prezo de 10 euros e incluirá tamén unha consumición. A pulseira dará ademais acceso a descontos nas barras durante o festival.

A xornada continuará cunha cea preparada pola veciñanza e, despois, co concerto de BÖJ en Folgueira, diante de Casa Rodríguez.

A festa de visionado da eclipse será unha das propostas da programación previa do Castelo Conta, que este ano se estende durante todo o mes de agosto. A gran semana do festival chegará a partir do 24 de agosto, con máis de sesenta actividades repartidas polas diferentes aldeas de Castelo.

Concertos en Vilaverde

Concertos en Vilaverde / Aigi Boga

Xente Miúda volverá ocupar as mañás cunha programación para as crianzas que combina xogo, creación, natureza e aprendizaxe. Os Vermús na Taberna levarán música e gastronomía aos mediodías, mentres que os Contos de Castelo volverán recuperar pola tarde historias, saberes e lembranzas da parroquia. E cando chegue a noite, a música, o humor e os espectáculos tomarán o relevo nos Seráns do Castelo Conta, con propostas como a Foliada ou a gran gala do humor galego.

Entre os nomes desta edición estarán Xoel López, Antía Muíño, 9Louro, De Ninghures ou Ailá, nunha programación que volve combinar propostas consolidadas con novas voces da escena galega.

O Castelo Conta no Monte Xalo

O Castelo Conta no Monte Xalo / Aigi Boga

Se hai algo que cambiou desde aquela primeira gala de 2014 é a dimensión do Castelo Conta. A festa que lle deu a volta á festa é hoxe unha das celebracións destacadas da cultura no rural galego, pero segue mantendo unha idea moi sinxela: que o festival debe ser da xente que o fai e do lugar que o acolle. Nos últimos anos, esa idea levou tamén o Castelo Conta cara ao Monte Xalo.

Un escenario no monte

Coincidindo coa súa décima edición, en 2025 o festival subiu por primeira vez ao monte e converteu a súa contorna nun novo escenario para a cultura. Foron tres días de programación en plena natureza e tamén unha declaración de intencións: o Xalo non é simplemente o espazo que rodea Castelo, senón unha parte esencial da súa identidade. Desde entón, Castelo é tamén a festa do monte.

O Xalo é memoria, natureza, patrimonio e lugar de encontro. A veciñanza leva anos traballando no seu coidado e recuperación, xunto coa Comunidade de Montes Veciñais de Castelo, e esa relación co territorio forma parte cada vez máis do propio festival.

A relación co territorio non se limita, porén, aos días do festival. Ao longo do ano, a Asociación Cultural Castelo Conta impulsa proxectos que buscan recuperar a memoria, poñer en valor o patrimonio e fortalecer as redes comunitarias.

Nos últimos tempos recuperáronse máis de 350 microtopónimos da parroquia, puxéronse en marcha proxectos para tecer redes entre mulleres do rural galego, desenvolvendo iniciativas audiovisuais como ‘Mulleres que Contan’, creáronse ferramentas para coñecer mellor o Monte Xalo e establecéronse colaboracións con outras comunidades e iniciativas culturais que, como Castelo, entenden o territorio como un lugar vivo.

Preestrea de ‘Mulleres que Contan’ en Baroña

Preestrea de ‘Mulleres que Contan’ en Baroña / Aigi Boga

Este ano, ademais, o festival dará un novo paso nesa dirección coa posta en marcha dunha bolsa de residencias artísticas que permitirá a creadoras e creadores desenvolver os seus proxectos en Castelo en contacto coa veciñanza.

A semana do festival é a parte máis visible dun proxecto que se constrúe durante todo o ano. Un proxecto que recupera historias e memoria, coida o monte, abre espazos para a cultura, crea redes e busca novas maneiras de facer comunidade.

Todo forma parte dunha mesma maneira de entender o rural: un lugar que non espera a que pasen cousas, senón que as provoca; que non entende a cultura como algo que chega desde fóra, senón como unha ferramenta para construír desde dentro; e que sabe que coidar un territorio tamén significa contar as súas historias, recuperar a súa memoria e crear novas razóns para seguir habitándoo.

Por iso, este verán a festa empezou na Taberna. O 12 de agosto, mirará cara ao ceo. E, a partir do día 24, volverá ocupar todas as aldeas de Castelo.

Descubre toda a información sobre o Castelo Conta en casteloconta.gal

Tracking Pixel Contents