Entrevista | Sés Cantautora
A cantautora Sés estréase no Festival Noroeste Estrella Galicia da Coruña: "Hai que reflexionar menos sobre un mesmo e facer máis"
A artista coruñesa debuta sobre o escenario de Riazor este sábado ás 21.00 horas

A cantante Sés. / LCO
A cantautora Sés estréase no Festival Noroeste Estrella Galicia da Coruña sobre o escenario de Riazor este sábado ás 21.00 horas, logo de ter percorrido outros escenarios da cidade durante a súa traxectoria. Comenta sentir algo "emocional" no feito de tocar na súa cidade natal e de crecemento, aínda que non distingue entre lugares nin tamaños de palco. No medio da súa xira de Nadando en incerteza, a cantante reflexiona sobre a creación, a escritura e atopar a verdade na arte.
Atopa algo especial en estrearse no Festival Noroeste Estrella Galicia dentro do escenario de Riazor?
Sí, teño un resaibo emocional porque é a miña cidade. Sempre vai ser especial. Todos os escenarios son iguais e son importantes, xa o digo con toda a honestidade do mundo. Pero, ao final, todo o mundo ten unha querenza polo sitio onde naceu e se criou. Despois que sexa na praia ou que sexa noutro escenario, para min é secundario. Gústame tocar nun barrio, gústame tocar nunha vila. O máis importante para min é tocar na miña cidade.
No seu último traballo Nadando na incerteza, co que se atopa de xira, combina a escritura e a música. Un mundo inspira o outro?
A inspiración é unha cousa moi curiosa. Nunca tiven medo a perder a inspiración, por moitos anos que pasen. O meu medo é perder a frescura. Son unha seguidora total de plumas e de voces. Gústanme moito Paco Umbral ou Mario Vargas Llosa. O xeito de escribir é o que me namora dunha persoa. Cando levas moito tempo escribindo, é moi fácil converterte nunha caricatura de ti mesmo, ou perder naturalidade. O frescor.
Como combate ese medo?
Intento palialo con dúas cousas. Primeiro, con non prestarlle nada de atención ao camiño que levo percorrido. Eso, como me dixo unha vez o meu amigo Xabier Ferreiro de Luar Na Lubre, vai de que nunca prestes atención á túa carreira. Cando morra, se iso, xa o fará outra persoa. Ese consello collino a pé da letra. E outro, centrarme máis en vivir e vivir no chan. Estar moi pouco coa xente do gremio, pensar moi pouco no que fixen. Limitarme a vivir e a escribir o que vivo, o que penso e o que sinto en cada momento, que vai mudando. Obviamente, xa non teño 27 anos, teño 43.
Nese aspecto, a escritura é método ou refuxio?
Para min é todo. Eu non son música, non me teño como tal. Os músicos son músicos, teñen un discurso sonoro. Son cantora, fago cancións, igual que non son cantante. Sempre digo que como cantante son moi boa persoa. Unha cantante é Joan Baez ou Silvia Pérez Cruz, persoas que teñen un instrumento privilexiado. Entón, o texto é nuclear. De feito, unha das cousas polas que non son unha cantante é porque nunca podería cantar algo no que non creo.
Falaba da inspiración nas plumas. Hai unha nova colleita de talento literario, percibe unha mudanza nos temas respecto dos seus inicios?
Os temas nin avanzaron nin avanzarán nunca. Os temas na literatura e na arte en xeral están e serán sempre os mesmos, que son os inherentes á propia humanidade. Por moito que a humanidade avance, sempre vai ser humanidade ata o momento en que se extinga. Podes atopar diferenzas sutís, pero se atendes ao profundo e trascendental, os temas da arte sempre foron catro ou corenta, pero foron eses. O amor, o desamor, o paso do tempo, a morte... Os cambios tecnolóxicos impactan directamente nos nosos modos de vida, pero iso non é o que fai a arte. Como lectora, por exemplo, interésanme moi pouco as tramas porque as consideraro bastante mediocres. Esa querenza pola trama que ten agora a xente é herdada da cultura estadounidense, que é a cultura máis inculta do mundo. Non a entendo nin a valoro.
O seu interese é na perspectiva de como se conta a música, a literatura ou a arte?
Para min o interesante é sempre o xeito de expresar e o xeito de escribir. Vese moi claro na arte pictórica, por exemplo. Unha paisaxe pintada por Picasso, por Monet ou por Kandinsky vai ser un cadro absolutamente diferente. Esta querenza pola innovación na trama e pola complexidade da trama, esconde unha grande precariedade como escritor, ou como músico. A arte, por definición, é a expresión, non o obxecto expresado.
E na súa traxectoria ten observado mudanzas na súa expresión?
Non, eu non me analizo. De feito, creo que a xente se analiza demasiado. Unha das cousas coas que debemos loitar o ser humano, e en particular a xente que fai creación, é contra o seu narcisismo, contra o seu egocentrismo. Hai que reflexionar menos sobre un e facer máis. Sobre todo, hai que facer. É a única maneira de aprender. A andar apréndese andando, e a facer cancións apréndese facendo cancións. Reflexiono moitas veces sobre isto. Imaxínate que un deportista en vez de adicarse a correr, se dedicase a pensar sobre como corre. Ti cres que faría 100 metros en oito segundos algunha vez? Nunca.
Entón, atópase sempre creando e traballando na música?
É que a miña paixón é facer música. Teño dúas grandes sortes. Primeiro, ter unha paixón, porque vexo que moita xente non a ten. Non é unha crítica, non todo o mundo nace coa mesma intensidade. Aínda que a miña intensidade a veces me leva a ter grandes desgustos, tamén vexo que me leva a ter grandes felicidades. E despois, é que me tocou a lotaría de vivir da miña paixón. O escenario divírteme un montón. Pásoo moi ben cando subo e toco coas miñas compañeiras e compañeiros. Pero a min o que me realiza é facer cancións. Por iso, cando acabo un disco, xa estou pensando en facer outro.
Que hai nese futuro de Sés? Está compoñendo?
Xa mostrei un pouco a miña preocupación pola deriva da política internacional en xeral. Este cambio de paradigma que estamos vivindo non ten parangón na historia da humanidade, porque o abrangue absolutamente todo. Sentínme moi desubicada. Dende aí é que eu escribín Nadando na incerteza. Agora voume contradicir sobre moito do dito aquí. Como veño dun disco tan voluntariamente minimalista, doume conta do que estou buscando e o que me apetece é darlle importancia a facer un disco que sexa meu, que soe a min. Teño máis de cen cancións gravadas, pois hai cincou ou seis que soan claramente a min. Estou centrada en que todo o que vén sexa orgánico e me represente.
Pero está sendo un camiño libre ou deseñado e pensado?
Xa nunca son priorística en nada na miña vida, xamais deseño nada. Primeiro por incapacidad, porque son ultra caótica. Pero ademais nunca me puxen nin me sentei e dixen: "Vou escribir disto, vou falar disto". Falo do que me preocupa, do que en cada momento me obriga a sentarme e do que me apetece. Pero si que me gustaría que este disco, no lugar de ter tres cancións miñas, tivese doce.
Suscríbete para seguir leyendo
- Doce cañones y ametralladoras, más de cien metros de eslora y espacio para helicópteros: la patrullera neerlandesa 'Friesland' atraca en los muelles de A Coruña
- El restaurante de A Coruña que conquista la calle Galera con 400 pinchos al día: 'Mi padre no pensó que fuéramos a tener tanto éxito
- La estación de buses de A Coruña celebra su último aniversario en uso con la propiedad en disputa entre Xunta y Concello
- El Concello de A Coruña peatonaliza el entorno del Chaflán: suprimirá el tráfico en un tramo de Antonio Viñes y eliminará un sentido en Gregorio Tovar
- Inés Rey ve 'positivo' el debate sobre la estación intermodal de A Coruña: 'A lo mejor la parte del aparcamiento tapa de más la fachada histórica
- El restaurante favorito de Javier Gutiérrez cerca de A Coruña perfecto para una escapada gastronómica: 'Una de las mejores ensaladillas
- Inés Rey, sobre la cita en apoyo a Ceuta: 'Es una concentración interesada y que está monopolizando el PP
- Tanxugueiras evita el boicot de su actuación en Palencia por un grupo de radicales