Historia da migración na Agra do Orzán da Coruña que "derruba muros mentais"
O proxecto da libraría da Coruña Galgo Azul sobre a migración na Agra do Orzán é unha das iniciativas recoñecidas na segunda edición dos Premios a Proxectos Culturais Singulares para a Mellora Social promovido pola Deputación da Coruña

Os propietarios da libraría Galgo Azul, Leo Casado (na esquerda) e Juan Pablo Rodríguez (na dereita), no seu posto da Feira do libro da Coruña 2026. / GUS DE LA PAZ
"Cando traballamos en proxectos así, sempre temos unha ollada situada no contexto do barrio", comenta un dos donos da libraría e espazo cultural Galgo Azul, Leo Casado. O establecemento conseguiu de novo que a Deputación da Coruña escollese a súa iniciativa, xunto con outras 20 seleccionadas entre as 53 solicitudes que se presentaron, para outorgarlle o Premio a Proxectos Culturais Singulares para a Mellora Social na segunda edición do certame. A proposta do local titúlase Memoria migrante en movemento e procura destacar o importante papel da migración no barrio da Agra do Orzán, onde se atopa o local.
A iniciativa insírese nun dos cinco traballos, dos vinte premiados, que pertencen á categoría máis alta e mellor valorada do certame cunha dotación de 6.750 euros para cada un. O xurado, presidido pola deputada de Cultura, Natividade González, premiou o compromiso social, a recuperación do patrimonio inmaterial, a calidade técnica e a diversidade das linguaxes artísticas presentadas.
"Pontes e espacios de encontro para crear camiños"
Segundo o propietario do Galgo Azul, a iniciativa "pensa nas persoas inmigrantes que chegaron e fixeron o barrio, ademais da poboación inmigrante que agora está construindo a Agra". O proxecto consta dunha programación cultural durante tres meses nos que, a través de actividades artísticas, procúrase transmitir a identidade e patrimonio do barrio. "As letras, o teatro e a música son pontes e espacios de encontro interesantes para poder crear camiños posibles e combater discursos de odio que están xurdindo nos medios", sentencia Casado, que fala de máis de 25 propostas contempladas para todos e "que apela á memoria, á participación directa, ao activismo e á festa".
No programa de Memoria migrante en movemento están plantexados unha exposición sobre a historia de persoas migrantes nos comercios dos barrios para que a xente poda facer un percorrido por fóra, un roteiro gastronómico con comercios de hostalería migrante do barrio e un certame de microteatro no que abordar temáticas vinculadas á migración. Ademais, a iniciativa tamén recolle unha sesión de formación para profesorado e estudantado vencellado ao activismo antirracista, tres murais no barrio con artistas migrantes sobre a historia da inmigración no tempo e unha sesión de contacontos e obradoiro que aborde o mesmo tema para as familias.
"Este é un proxecto moi sentido"
Galgo Azul optou ao concurso por segunda vez, tras recibir na anterior edición un dos maiores recoñecementos polo seu proxecto de recuperación da historia do muíño da Gramela, que estaba fronte á libraría. Este ano, o establecemento decidiu continuar pola mesma liña de traballar no patrimonio e identidade do barrio, para así enfatizar a realidade multicultural que viviu sempre o lugar. Un dos seus donos confesa que sempre hai expectativas e desexos, mais nunca pensaran "que puidese sair adiante". "Este é un proxecto moi sentido, porque tamén ten moito que ver coas nosas historias: a miña como inmigrante arxentino e a do meu socio Juan, con pais que migraron", resalta Casado.
Segundo explica o responsable do local, a Agra de Orzán naceu arredor dos anos sesenta "a través da migración rural galega que chegaba á cidade para poder traballar e atopar unha mellor vida", e anos máis tarde foi unha das zonas da cidade "que recibiu máis poboación inmigrante". "Ante os discursos de odio e violencia simbólica e material que están sucedendo actualmente contra a poboación inmigrante, pensamos que sería interesante xerar un proxecto que traballase a dimensión histórica da migración galega", relata Casado, que destaca o dato de que "a Agra do Orzán é o barrio da Coruña con maior densidade de poboación migrante de toda a cidade".
O seu "compromiso poético e político"
"Para nós, poder traballar con historias de escala humana que precisan ser contadas e escoitadas é un compromiso poético e político como libraría e espazo cultural", aclara Casado. A idea do proxecto, segundo admite o responsable do Galgo, é crear plataformas de encontro "que derruban os muros mentais en relación á discriminación, á xenofobia e ao racismo", ademais de recoñecer "que todos somos, fumos ou seremos migrantes, porque as cousas que non se moven, morren".
Con visión ao futuro, o obxectivo da libraría é o traballo articulado con outros espacios que son do barrio, ademais de acabar coa marxinalidade e apostar máis pola interculturalidade. "Hai unha parte importante que ten que ver con negocio, mais tamén buscamos crear un ecosistema forte e un gran dinamismo coa participación de todo o entramado social da Agra do Orzán. Se facemos forza en conxunto, o barrio pode mellorar e esixir moito máis", comenta o dono.
Na categoría máis alta do certame, xunto co traballo da libraría coruñesa, tamén foron recoñecidos o programa de mediación sobre o fin prematuro da infancia ‘CLIC’ presentado por Culturactiva, o proxecto de memoria mariñeira na Costa da Morte ‘A Rede do Mar’ de AAntena, a iniciativa ‘Rupestre Sonoro’ de Noente Paradise e as residencias artísticas para persoas con discapacidade ‘Vivas’ da cooperativa Artefeito. Nas outras tres categorías inferiores, con dotacións de 5.250, 3.750 e 2.250 euros por proposta en cada unha, atópanse proxectos como o traballo de contos e música para a inclusión ‘Cintas de cores. Contos e música para a inclusión’ de María Irene Quinteiro Blanco, o videolibro e guía sobre memoria LGTBI na terceira idade ‘Vidas de vidro’ de Promove Consultoría e o programa de creación de videoxogos e innovación en lingua galega ‘O Demo Game Jam’ da cooperativa Proxecto Espiga, entre outros.
Suscríbete para seguir leyendo
- Despedido el director de una oficina bancaria de la avenida de Fisterra de A Coruña por falsificar firmas de clientes y abrirles tarjetas de crédito para cumplir objetivos
- Estrella Galicia demuele un concesionario al lado de su sede en A Coruña para un nuevo uso
- El restaurante de A Coruña elegido para rodar la nueva temporada de ‘Clanes’ de Netflix: 'Buscaban un lugar que recordase a China
- La historia de amor de Hijos de Rivera con un polígono de A Coruña: 'Da vida a espacios en desuso de A Grela y crea otros de referencia
- Abre Marrano en A Coruña, el local informal de tapeo para amantes de la carne a la parrilla: 'Aquí nada de sentarse en una mesa con mantel
- El restaurante que recomienda Martiño Rivas en la guía de Zara por su tortilla: “Todo gira en torno al sabor”
- Problemas detectados en la estación histórica de tren de A Coruña obligan a replantear el final de los trabajos: 'Hay deficiencias que condenan el uso del inmueble
- El bus de A Coruña se podrá abonar con tarjeta de crédito: 'Hay mucha gente que pide hacerlo y hay conductores que acaban pagando billetes