Manel Cráneo, director de Viñetas desde o Atlántico na Coruña: "Temos un festival que vale máis do que custa"
Manel Cráneo, director de Viñetas desde o Atlántico por terceiro ano consecutivo, busca dar coherencia artística ao festival na Coruña, que arrincará o luns con temáticas que fomenten o pensamento crítico entre os asistentes

Manel Cráneo, director de Viñetas desde o Atlántico, co cartel da 29ª edición. / Casteleiro
A 29ª edición de Viñetas desde o Atlántico chega á Coruña para quedarse. Co artista gráfico Manel Cráneo á cabeza do festival por terceiro ano consecutivo, o salón do cómic de 2026 bate récords con máis de 70 autores e autoras, 24 exposicións e máis dun cento de actividades programadas entre o lunes, 10 de agosto, e o domingo, 16. Prestando especial atención ao panorama sociopolítico a nivel global, Cráneo apostou por unha edición cunha marcada temática social como eixo central, co cómic como vehículo de expansión a outros sectores da cultura.
Un ano máis, os maiores expoñentes do universo gráfico —coma Bryan Talbot ou Mary M. Talbot; así como o creador de Marcopola, Jacobo Fernández, e o animador Raúl García, colaborador en Os Simpsons e primeiro animador español en formar parte dos estudos Disney— visitarán a cidade nunha cita que combina o talento local co internacional, nun amplo abano de actividades para todos os públicos, co programa dispoñible na páxina web da mostra.
Define esta como a edición máis social e reivindicativa da historia de Viñetas desde o Atlántico. Por que decidiu que este era o camiño que debía tomar o festival?
Eu o que intentei dende que collín a dirección é que, no canto de convidar á xente que acaba de sacar unha novidade, que lle deron un premio nacional ou que está nun momento álxido no mundo do cómic, a liña é buscar temas arredor dos cales nós podemos argumentar e darlle sentido ó festival. Eu buscaba que o festival tivera unha liña de dirección artística coherente a nivel de contidos.
Cal foi o primeiro paso para logralo?
O primeiro foi darlle seccións ó festival: se teño nenos, teño sección Viñetas Mini con exposicións e obradoiros; se son profesional, teño Viñetas Pro. É estruturar o festival para que os diferentes públicos que hai teñan cada un o seu espazo. Dentro diso, montei unha sección dende o primeiro ano, que é Viñetas Inclusivas. A idea é que o festival fose un lugar onde houbese espazo para todos os públicos, pero tamén para todos os colectivos sociais. O cómic serve para que poidamos tomar unha visión crítica da sociedade e ao mesmo tempo divertirnos. Queremos fomentar entre os visitantes e os lectores do cómic o pensamento crítico.
A idea é que o festival fose un lugar onde houbese espazo para todos os públicos, pero tamén para todos os colectivos sociais.
Valórase o suficiente o cómic como ferramenta sociopolítica?
Cada vez máis. Nós temos que chegar ao nivel que teñen en Francia, en Italia ou en Bélxica, por exemplo. Alí utilizan moitísimo o cómic para facer crítica social, política, incluso como medio de comunicación a nivel institucional. Estanse empezando a facer cousas e estamos mellor que hai anos, pero aínda estamos a certa distancia da situación en Francia ou en Italia, onde as entidades políticas teñen moi claro que o cómic, ademais de ser unha industria potente, é tamén unha ferramenta social, de cambio.
Onde está o equilibrio entre un festival cultural de ocio e un que tamén teña compromiso social?
O equilibrio non sei. A intención está na dirección que teña cada festival. A dirección artística é o que marca cara onde vai, e eu teño a sorte de que o concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, e a alcaldesa, Inés Rey, déronme apoio total. Estou agradecidísimo, porque igual noutra cidade e noutro contexto político eu propoño facer sufraxismo, memoria histórica, inmigración e unha exposición con autoras e autores palestinos, e non me deixan. Por iso é importante que nestes redutos que nos quedan onde podemos falar alto e claro, como é o Concello da Coruña, se aproveite Viñetas desde o Atlántico para intentar concienciar socialmente e lanzar mensaxes a favor da paz.
Palestina é unha das protagonistas desta edición. Que pode descubrir o público galego destas obras e autores que quizais descoñeza?
O que van descubrir é algo que a min me pon a pel de galiña. Isto é unha colaboración con Ecos do Sur, a Fundación Al Fanar e a Universidade de Vigo; unha exposición que estivo xa nalgún outro evento español, e parecíame interesante traela aquí e dignificala un pouco máis. A metade dos e das autoras desa exposición está exiliada en Francia ou en Estados Unidos. Pero a outra metade está traballando dende Gaza, está debuxando en medio de ruínas coas súas familias rotas. E decidiron quedarse alí, facendo cómic, porque consideran que a defensa que teñen da súa sociedade é a través do que fan, reivindicar e chamar pola paz; que a única arma para poder loitar é a cultura. Esa é a mensaxe que imos ver nesa exposición: xente que utiliza cultura e non bombas.
O cómic serve para que poidamos tomar unha visión crítica da sociedade e ao mesmo tempo divertirnos.
Un festival como Viñetas desde o Atlántico pode permitirse ser neutral ante este tipo de conflitos?
Hai festivais que son neutrais, pero sempre depende moito da dirección e de quen financia o festival. Isto é un festival público. Eu non sei se alguén se vai a molestar coa exposición de Palestina ou co da memoria histórica. Non debería de molestar a ninguén porque son temas necesarios e están tratados dende o total respecto e rigor histórico. Se alguén se molesta, que se moleste, nós temos a conciencia moi tranquila, estamos contentísimos de que o Concello nos permita tratar estas temáticas.
Hai punto medio entre entreter e facer reflexionar —e mesmo incomodar— ao público?
Se algo incomoda ao público é culpa do público, porque falamos con fidelidade da realidade a través do cómic. Non se busca a incomodidade en ningún momento, o único que se busca é ser fieis ao que está pasando no mundo, e que o cómic sexa ese espello onde poidamos mirarnos, reflexionar e exercitar o pensamento crítico; que as novas xeracións poidan ver a través do cómic que se estamos ben informados, podemos axudar a ter un mundo mellor. Este é un momento histórico onde é necesario pararnos, mirarnos nese espello todos e todas e reflexionar. Non se busca incomodar, se busca a reflexión e o pensamento crítico.
A cativada ten o seu oco na sección Viñetas Mini, na que se inclúe a Marcopola de Jacobo Fernández e un dos pratos fortes da edición, Os Simpsons de Raúl García. Esta mostra serve como porta de entrada para un público que nunca visitara o evento?
Queremos volver recuperar o público infantil, porque nas últimas edicións está un pouco desvaído. Exposicións deste tipo, sobre todo a de Os Simpsons, son un reclamo grande, porque a serie forma parte da cultura pop xa e as novas xeracións seguen véndoa. Ese é o reclamo para que a xente que non le cómic pero coñece os produtos populares se achegue. E cando cheguen a Os Simpsons, terán que pasar por diante da Marcopola de Jacobo Fernández e descubrir o talento que temos en Galicia. Aí está o equilibrio: produtos que son máis mainstream con aqueles que teñen unha calidade boísima e necesitamos que sexan recoñecidos.
Este é un momento histórico onde é necesario pararnos, mirarnos nese espello todos e todas e reflexionar.
Este ano falan dunha edición récord, con máis de 70 autores, 24 exposicións e máis dun cento de actividades. Ata onde pode seguir medrando o festival?
É certo que este ano ampliamos salas, temos todas as casas-museo, entrou a Fundación Luis Seoane, bares como El Tranvía, tamén o Circo de Artesáns... Cada ano súmase alguén máis. Entramos en Museos Científicos Coruñeses, que este ano fixemos unha exposición da eclipse... Que nos queda? (ri), un par de museos científicos máis, que sería se invadimos a Domus e o Aquarium. Agora que se nos foi Gastón, igual temos que meternos alí abaixo a bucear... Outro obxectivo que estou intentando traballar para o ano que vén é o Museo de Belas Artes. E a partir de aí... Quen sabe? Tamén é certo que os cartos que hai son os que hai, pero temos un festival que vale máis do que custa.
Que lle gustaría que o público lembrase desta edición de 2026?
Gustaríame que lembrasen isto como a mellor edición dos últimos 29 anos. O cal, segunda parte da frase, deixaríame a min o terreo moi complicado para a seguinte (ri), porque se cumpren 30 anos. E se a 29ª edición é mellor que a 30ª, imos mal... (ri). Pero me gustaría que quedasen con esa idea.
Suscríbete para seguir leyendo
- Despedido el director de una oficina bancaria de la avenida de Fisterra de A Coruña por falsificar firmas de clientes y abrirles tarjetas de crédito para cumplir objetivos
- Estrella Galicia demuele un concesionario al lado de su sede en A Coruña para un nuevo uso
- El restaurante de A Coruña elegido para rodar la nueva temporada de ‘Clanes’ de Netflix: 'Buscaban un lugar que recordase a China
- La historia de amor de Hijos de Rivera con un polígono de A Coruña: 'Da vida a espacios en desuso de A Grela y crea otros de referencia
- Abre Marrano en A Coruña, el local informal de tapeo para amantes de la carne a la parrilla: 'Aquí nada de sentarse en una mesa con mantel
- El restaurante que recomienda Martiño Rivas en la guía de Zara por su tortilla: “Todo gira en torno al sabor”
- Problemas detectados en la estación histórica de tren de A Coruña obligan a replantear el final de los trabajos: 'Hay deficiencias que condenan el uso del inmueble
- El bus de A Coruña se podrá abonar con tarjeta de crédito: 'Hay mucha gente que pide hacerlo y hay conductores que acaban pagando billetes