Marcos Pérez Maldonado, director dos Museos Científicos da Coruña: "Ninguén queda sen sorprenderse diante dunha eclipse total de Sol"
Recoñece que é un momento especial no que se crea, coa ocultación do Sol, un "ambiente misterioso" que leva a "berros, aplausos ou abrazos"
Asegura que se hai nubes "non pasa nada" porque haberá igual "esa escuridade excepcional"

Marcos Pérez Maldonado posa con caixas estenopeicas para ver a eclipse / CASTELEIRO / LCO
O director dos Museos Científicos da Coruña, Marcos Pérez Maldonado, aínda non tivo a oportunidade de ver unha eclipse total de Sol. Iso vai mudar o 12 de agosto. Sabe que vai ser un día especial. "Teño moitos colegas que fixeron observacións de eclipses totais, obviamente viaxando ás veces moi lonxe, e non hai ninguén que cuestione a magnitude do espectáculo", comenta mentres comparte algunhas das súas recomendacións para o gran día.
Por que é tan excepcional este 12 de agosto?
A última vez que houbo unha eclipse total na Coruña foi en 1905. Haberá que esperar varios séculos para termos outra de novo. Iso dá unha idea da excepcionalidade do evento. Pero é que, ademais, o evento é en si espectacular. A eclipse total de Sol implica uns cambios tan drásticos na normalidade que a converten nun espectáculo fascinante. Ninguén queda sen sorprenderse. É imposible manter a calma diante dunha eclipse total de Sol.
Que lle diría á xente que comenta que non lle importa este fenómeno.
A parte excepcional é incuestionable, porque é astronomía. A parte emocional, se alguén ten dúbidas do impacto emocional dunha eclipse total de Sol, que busque calquera gravación de eclipses recentes, aínda que só sexa o audio. Verá como a xente perde a cabeza. Hai exclamacións de todo tipo, berros, aplausos, abrazos, choros… E iso dá un pouco a medida da marabilla do espectáculo.
Que vai pasar nese momento? Que podemos esperar?
A eclipse é un fenómeno que vai avanzando gradualmente. Dende as sete e media ata as oito e vinte e oito, a Lúa vai ocultando o Sol. Daquela van baixando os niveis de luz, vai facer máis frío, pode que se levante algo de vento e tamén cambia a cor da luz. Hai un ambiente estraño, misterioso. Pero é xusto cando chega a totalidade cando, de súpeto, vai haber escuridade. Aínda queda algo de azul no ceo, vense algunhas estrelas, pero non moitas, vense planetas tamén e logo veremos unha luz de crepúsculo que aparece polo horizonte, un pouco rodeándonos por completo. É unha beleza moi extraordinaria e moi espectacular. E isto dura na Coruña un minuto e dezaseis segundos, que pasarán voando. E xa che adianto que iso é algo do que hai que gozar en directo.
Hai que deixar o móbil e vivir o momento?
Si. Xa sei que todos queremos ter como un rexistro. Agora a xente vai ver a Gioconda e non mira para ela. Fai un selfie e di: "Xa mirarei logo a foto". Pero esta é unha mala ocasión para facer iso porque é realmente algo excepcional. Como moito, eu deixaría gravando un móbil, así como separado, dende dous minutos antes da totalidade, ou aínda que sexa o audio unicamente, para termos ese rexistro de canto flipamos durante a totalidade da eclipse.
E non podemos esqueces as lentes.
Fíxate que todos os comentarios ata agora foron dos cambios na paisaxe, no ambiente, que realmente é o espectacular. Pero como moita da comunicación está orientada a tomar medidas de seguridade —se miras ao Sol, utilizas lentes especiais, etc.—, isto non quere dicir que o espectacular estea en mirar ao Sol. Ao revés, a imaxe do Sol eclipsado é moi pouco emocionante. O disco do Sol é moi pequeno no ceo e vai sendo ocultado ao longo dunha hora pola Lúa. É un pouco de fetichismo: "Vin o Sol cos meus propios ollos, coas lentes, mirando para el durante a eclipse". Pero iso non é o que vai sorprender á xente. O que vai sorprender son os cambios na paisaxe, no noso arredor, no comportamento dos animais e das persoas. E con iso quero dicir que, se, por exemplo, hai nubes e non temos visión directa do Sol, tampouco pasa nada. Para un astrofotógrafo que queira rexistrar unha secuencia da totalidade, que igual vén de moi lonxe para facer este rexistro, pode ser unha lata que o Sol estea cuberto polas nubes. Pero para os que simplemente queremos gozar da eclipse, imos ter baixada da luz, imos ter frío, imos ter a chegada desa escuridade excepcional, imos ter ese crepúsculo ao redor. Entón, practicamente, a experiencia é a mesma.
Tamén é unha ocasión especial para os nenos. Hai que ter diferentes precaucións?
A precaución básica é que nunca podemos mirar ao Sol directamente. De cotío non o facemos porque é molesto e, ademais, non vemos nada. Pero durante unha eclipse hai unha motivación para mirar ao Sol. Aí é onde xorden os problemas. En xeral, para xente adulta, logramos trasladar esa mensaxe de precaución porque os ollos son fráxiles, precisámolos para toda a vida e é unha pena arruinalos por unha cousa como esta. Pero, claro, con persoas con discapacidade ou con nenos pequenos estas mensaxes non chegan ben porque teñen dificultades para comprender a importancia desta mensaxe. O ideal, por exemplo, cando estamos con nenos pequenos de catro ou cinco anos, é non mirar ao Sol. Gocemos do resto do espectáculo. E, como moito, se queren ver a ocultación do disco solar, poden usar unha caixa estenopeica.
Que características debe ter un bo punto de observación?
O Concello da Coruña fixo un traballo magnífico identificando lugares en todos os barrios onde hai espazo para bastante xente e visión directa do Sol. Ademais, hai ferramentas na súa páxina e aplicacións para o teléfono móbil coas que se pode comprobar se desde un punto concreto se verá a eclipse. Fóra da cidade, en xeral, abonda con mirar cara ao oeste, un chisco ao norte, e ter o horizonte despexado. Pero meterse en espazos moi saturados pode ser un mal plan, sobre todo para persoas maiores ou con mobilidade reducida. A experiencia da eclipse é paisaxística e ambiental, e pode ser magnífica mesmo sen ver directamente o Sol. Por iso, cada quen debe escoller o lugar que máis lle conveña e que mellor se adapte ás persoas que o acompañan. Con 17 anos, un pícnic no parque de Bens pode ser un planazo; con 75, quizais non sexa o máis axeitado. O importante é que a experiencia sexa confortable e gratificante.
Nas últimas sesións do Planetario, cales foron as preguntas máis repetidas? Que dúbidas ten a xente?
Cal é o mellor sitio para velo. Tamén vimos que moita xente, coas campañas de prevención da saúde ocular, colle un pouco de medo. Hai xente que pregunta se pode sacar os nenos da casa ese día mesmo porque pensa que co Sol eclipsado hai algún risco que non haxa nun día normal. Eu abundaría nesa idea de que o risco único é mirar o Sol directamente; que, para evitar calquera problema, se vas mirar o Sol directamente, tes que facelo con lentes homologadas, que son o único filtro que realmente protexe a saúde visual, e todo o demais supón un risco inasumible. E logo, que a experiencia é para todos, cada quen segundo as súas circunstancias e posibilidades.
- Doce cañones y ametralladoras, más de cien metros de eslora y espacio para helicópteros: la patrullera neerlandesa 'Friesland' atraca en los muelles de A Coruña
- Estrella Galicia demuele un concesionario al lado de su sede en A Coruña para un nuevo uso
- El restaurante de A Coruña elegido para rodar la nueva temporada de ‘Clanes’ de Netflix: 'Buscaban un lugar que recordase a China
- La historia de amor de Hijos de Rivera con un polígono de A Coruña: 'Da vida a espacios en desuso de A Grela y crea otros de referencia
- Abre Marrano en A Coruña, el local informal de tapeo para amantes de la carne a la parrilla: 'Aquí nada de sentarse en una mesa con mantel
- El restaurante que recomienda Martiño Rivas en la guía de Zara por su tortilla: “Todo gira en torno al sabor”
- El bus de A Coruña se podrá abonar con tarjeta de crédito: 'Hay mucha gente que pide hacerlo y hay conductores que acaban pagando billetes
- El restaurante de A Coruña que lleva 30 años vendiendo 200 pizzas cada fin de semana: 'No damos abasto