Entrevista | Antón Baleato Cosmólogo
Antón Baleato, cósmologo de A Coruña: "Van vir 250 dos principais investigadores en cosmoloxía de todo o mundo"
A Universidade da Coruña organiza o congreso 'New Frontiers in Cosmology', que busca fomentar novas ideas e colaboracións entre científicos de Europa, Estados Unidos e Asia entre o 10 e 14 de agosto
Un dos organizadores do evento é o coruñés Antón Baleato, que actualmente traballa na Universidade de Berkeley

El cosmólogo coruñés Antón Baleato / LOC
O investigador Antón Baleato participa na organización de New Frontiers in Cosmology, que reunirá na cidade a especialistas de Europa, Estados Unidos e Asia dende o 10 ao 14 de agosto, coincidindo co día do eclipse total do Sol en A Coruña.
Como xorde organizar en A Coruña esta edición de New Frontiers in Cosmology?
É un evento que levamos preparando case dous anos e que promete moito. Veñen 250 dos principais investigadores e investigadoras en cosmoloxía do mundo, de moitísimas nacionalidades e de institucións punteiras de Estados Unidos, Europa e Asia. Imos reunirnos aquí, na Reitoría da Universidade da Coruña. Afortunadamente, contamos cun apoio moi importante da Universidade da Coruña, que organiza o evento conxuntamente coa Universidade de Berkeley e a Fundación Simons. Para atraer o congreso á Coruña tamén contamos co apoio dos museos científicos da cidade e da Agrupación Astronómica.
Que supón organizar un encontro destas dimensións?
A organización ten unha loxística importante, especialmente por todo o que implica reunir aquí a investigadores que veñen desde lugares tan diferentes. Pero tamén é unha oportunidade para crear un espazo no que se mesturen distintas áreas da cosmoloxía e xurdan novas ideas, novas conexións e novas colaboracións. Facelo nun ambiente tan propicio como este espazo da Reitoría, diante do mar e coa brisa mariña correndo, seguro que vai dar lugar a moi boas ideas.
Que importancia ten para A Coruña acoller un congreso internacional deste nivel?
É moi importante porque permite establecer novas conexións entre investigadores que veñen do estranxeiro e os grupos que están traballando aquí. Por exemplo, na propia UDC, no CITIC, hai novas liñas de investigación que combinan intelixencia artificial e astrofísica. Tamén no ICFAE, en Santiago, hai cada vez máis investigación en cosmoloxía e física do universo. Agardamos que teña un impacto importante e que estas conexións continúen despois do congreso.
É un evento que levamos preparando case dous anos e que promete moito.
Que representación internacional terá esta edición?
Veñen investigadores de moitísimas nacionalidades e de institucións punteiras, van vir os mellores investigadores. É unha oportunidade para que persoas que traballan en áreas diferentes da cosmoloxía poidan coincidir, compartir resultados e establecer novas colaboracións.
A organización decidiu deixar o día 12 sen sesións para facilitar que os participantes poidan vivir a eclipse. Como se vai organizar esa xornada?
A loxística dese día preséntase moi complicada. Por iso decidimos darlles aos participantes liberdade para facer os seus plans para esa xornada. Si que é certo que temos un plan de continxencia en caso de que veña mal tempo. Temos uns autobuses preparados para ir a outro sitio, pero esperemos que se poida ver desde A Coruña porque hai poucos lugares máis axeitados.
Como están a vivir os participantes a chegada dunha eclipse que coincide co propio congreso?
É un evento que levamos preparando moito tempo e que a xente leva moito tempo agardando. Veñen con moitas ganas e veñen desde moi lonxe. Hai xente que bota varios días de viaxe para chegar á Coruña. É unha data que está marcada no noso calendario desde hai moito tempo.
A eclipse foi un factor para atraer máis participantes?
A eclipse é un fenómeno moi especial. Na historia da cosmoloxía as eclipses si tiveron un papel importante. Foi a observación dunha eclipse total de Sol a que achegou unha das probas máis convincentes de que cumpría substituír a gravidade de Newton pola de Einstein. Hoxe en día non hai tantas aplicacións directas á cosmoloxía, pero calquera fenómeno astronómico, e en particular un fenómeno como este, que é dos máis sublimes e impactantes que unha persoa pode observar na natureza, motívanos moito a todos os que traballamos neste eido. Non sei se apuntaron máis, pero ten moito interese para todos.
Que resultados lles gustaría que deixase esta edición?
Persoalmente, o que máis me interesan son os debates que queremos ter. Esperemos atopar consenso en certos temas, unha visión unificada sobre resultados que apuntan que a enerxía escura parece non ser o que pensabamos. Tamén me gustaría que houbese un pouco de consenso sobre como reaccionamos ante esta revolución da intelixencia artificial como comunidade.
E máis alá do propio congreso, que impacto terá na cidade?
Realmente vai ser un evento que teña un impacto importante na cidade e en Galicia, sobre todo grazas ás novas conexións e colaboracións que se van tecer e aos novos científicos do estranxeiro que están aquí traballando en Galicia. Obviamente, hai un impacto económico inmediato, pero o que eu agardo é que tamén haxa outro impacto importante a longo prazo na investigación científica de Galicia.
E vostede, que é coruñés, como vai vivir o día da eclipse despois de tantos meses traballando na organización?
Eu persoalmente teño a fortuna de ser da Coruña e penso velo coa miña familia e cos meus amigos. Aínda estamos pensando o lugar concreto.
- Doce cañones y ametralladoras, más de cien metros de eslora y espacio para helicópteros: la patrullera neerlandesa 'Friesland' atraca en los muelles de A Coruña
- Estrella Galicia demuele un concesionario al lado de su sede en A Coruña para un nuevo uso
- El restaurante de A Coruña elegido para rodar la nueva temporada de ‘Clanes’ de Netflix: 'Buscaban un lugar que recordase a China
- La historia de amor de Hijos de Rivera con un polígono de A Coruña: 'Da vida a espacios en desuso de A Grela y crea otros de referencia
- Abre Marrano en A Coruña, el local informal de tapeo para amantes de la carne a la parrilla: 'Aquí nada de sentarse en una mesa con mantel
- El restaurante que recomienda Martiño Rivas en la guía de Zara por su tortilla: “Todo gira en torno al sabor”
- El bus de A Coruña se podrá abonar con tarjeta de crédito: 'Hay mucha gente que pide hacerlo y hay conductores que acaban pagando billetes
- El restaurante de A Coruña que lleva 30 años vendiendo 200 pizzas cada fin de semana: 'No damos abasto