Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Xaquín Martínez, batería de The Rapants, nas festas da Coruña: "María Pita era un sitio no que queríamos tocar nalgún momento da nosa carreira"

A banda galega actuará o 11 de agosto na praza de María Pita, dentro das festas da Coruña pechando así un ciclo de actuacións importantes da sua xira

Os membros de The Rapants, co productor coruñés, Iago Blanco. Xaquín Martínez é o primero pola esquerda.

Os membros de The Rapants, co productor coruñés, Iago Blanco. Xaquín Martínez é o primero pola esquerda. / Casteleiro

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
A Coruña

The Rapants actuará o 11 de agosto ás 22.00 horas na praza de María Pita, dentro da programación das festas da cidade. Antes do concerto, o batería do grupo, Xaquín Martínez, fala da boa acollida que sempre atopan na Coruña, do momento que vive a banda tras a publicación do seu novo disco e do soño cumprido de tocar nun dos escenarios máis "emblemáticos" da cidade.

The Rapants chega á Coruña nun dos mellores momentos da súa traxectoria. Como están vivindo este verán?

A verdade é que este verán estamos dando menos concertos do que parece, pero dá a sensación de que non paramos porque ao final son todas as semanas. Estamos tocando en sitios bastante grandes, como María Pita, e iso fai que pareza que a actividade é constante.

O novo disco está a ter unha boa acollida?

Sí. Está sendo moi guai porque á xente lle está gustando moito e a acollida está sendo moi boa en todas partes, tanto en Galicia como fóra, cando imos a Barcelona, Madrid ou Valencia. E agora estamos moi contentos e tamén moi agradecidos pola oportunidade de poñernos nun escaparate como María Pita. Todos os recordos que teño dese lugar son moi bos.

A última vez que tocamos no Noroeste xa lle dixemos á alcaldesa que, por favor, nos levase a María Pita nalgún momento, e ao final cumpriuse.

Xaquín Martínez

Que significa para vostede tocar nas Festas de María Pita?

Os últimos anos que tocamos na Coruña, practicamente todos foron no Noroeste. Coruña sempre nos recibe moi ben e todos vivimos alí nalgún momento, así que sempre tivemos unha relación especial coa cidade. O sitio que nos quedaba era María Pita. Sempre é un lugar que se enche, con moi bos concertos e un gran cartel. Para nós estar alí é de agradecer e tamén supoño que recompensa o traballo que levamos facendo ata agora.

Era un escenario que tiñan marcado como obxectivo?

Ao cen por cen. Era un sitio no que queriamos tocar nalgún momento da nosa carreira. É mais, a última vez que tocamos no Noroeste xa lle dixemos á alcaldesa que, por favor, nos levase a María Pita nalgún momento, e ao final cumpriuse.

Sempre transmiten moi bo ambiente sobre o escenario. Cal é a clave?

O primeiro é que nós desfrutamos moitísimo tocando. O que se ve abaixo do escenario é un pouco o contaxio do que vivimos nós arriba. Pasámolo moi ben e diría que é un momento moi especial o que vivimos sobre o escenario. Ver que a xente tamén o vive, que desfruta e que o pasa ben, tamén é recíproco para nós.

Que desfruta máis: compoñer ou subir ao escenario?

Das dúas cousas. Son moi distintas. Sobre o escenario hai moita adrenalina e moita enerxía. No estudo tamén mola moito porque estamos máis tranquilos e é outra maneira de expresar todo o que sentimos e todo o que despois queremos escoitar.

Como vive o seu papel como batería dentro do grupo?

Véxoo como un conxunto. É certo que a figura dos cantantes é máis visible, pero nunca sentín que se infravalorase o meu traballo, nin dentro do grupo nin fóra. Encántame a música en xeral e desfruto de todos os sitios nos que podo participar, tanto tocando como nas gravacións dos discos. Ao final trátase de desfrutar de todo.

Tamén asume a parte máis técnica da banda. De onde vén esa afección?

Estudei son e produción musical porque xa sabía que me quería dedicar ao mundo da música. Non sabía que sería desta forma, como artista, pero esa formación fixo que dentro do grupo asumise tamén unha parte técnica.

Houbo algún momento no que sentisen que The Rapants estaba tendo moita repercusión?

Non diría que houbese un momento concreto no que todo crecese de golpe. Foi unha subida moi progresiva. Si que houbo momentos nos que vimos que a responsabilidade era moi grande, por exemplo en festivais con grupos de primeiro nivel, compartindo escenario e con producións moi grandes. Aí pensas: "Carai, isto vai en serio". Tamén foi importante o momento no que deixamos os nosos traballos para dedicarnos a isto.

Esa responsabilidade chegou a asustar?

Si, moito, sobre todo antes do primeiro concerto da xira. Era un momento no que se vía reflectido todo o traballo do último ano e medio. Pero vendo que todo foi ben e que os concertos están saíndo moi ben, agora só toca desfrutar.

Que ten este disco para conectar tanto co público?

Creo que a diferenza está no tempo que lle puidemos dedicar. Estivemos máis dun ano e medio traballando nel, non só compondo, senón tamén na produción e nas gravacións. Antes tiñamos que compatibilizalo cos nosos traballos e igual gravabamos un disco en sete días. Nesta ocasión puidemos estar todos implicados durante todo o proceso e iso nótase.Tamén tiñámos mais medios. Poder contar con produtores como Anxo Ferreira, Miguel León ou Raúl Pérez, que son xente moi metida na produción musical, fai que ao final o resultado suba de nivel.

Que lle espera ao grupo despois do verán?

Polo de agora temos prevista unha xira por España con bastantes datas e creo que tamén intentaremos meternos un pouco no estudo para ver que ideas ten cada un, sentarnos xuntos e a ver que sale. Aínda non o falamos moito, pero eu diría que si.

Que lle diría ao público coruñés para que vaia ao concerto?

Coruñés ou non coruñés, que en A Coruña en verán ven moita xente de fora dirialles que se acheguen porque vai ser un concerto moi especial. A Coruña sempre é especial para nós e María Pita é un sitio emblemático onde se fan poucos concertos. É unha moi boa oportunidade para vernos e creo que vai quedar un concerto marcado, seguro.

Tracking Pixel Contents