Entrevista | Nuno Pico Fundador do grupo Grande Amore
O 'novo' Grande Amore no Lembranza Rock 2026 da Coruña: "Que un barrio aposte por música que sae da norma, danos motivación"
A banda musical, fundada por Nuno Pico, estará no parque Europa o venres 14 de agosto ás 23.30 horas por motivo do festival que se insire dentro das Festas de María Pita 2026

Imaxe de Grande Amore con Nuno Pico, María Grep no centro e Clara Redondo á dereita. / Esther Estévez
No verán de 2019, o artista galego Nuno Pico decidiu comezar, en paralelo ao seu traballo no grupo Oh! Ayatollah, unha carreira en solitario. Foi deste xeito como xurdiu Grande Amore, a banda musical que participa gratuitamente o venres 14 de agosto no festival Lembranza Rock no parque Europa ás 23.30 horas. Co paso do tempo, ao proxecto persoal de Pico tamén se sumaron María Grep como DJ e Clara Redondo como guitarrista. Agora, o grupo incorpora tamén a Xulio e a Xosé como batería e baixo e presenta no Lembranza unha das súas primeiras actuacións coa novidade do formato de banda e coa esperanza de que ao público lle guste o cambio tanto como a eles.
Que supón a actuación desta semana no festival coruñés?
Nós xa estivéramos na Gaiteira fai tres anos e foi moi divertido. Tocar na Coruña sempre é realmente unha experiencia moi bonita. Eu lembro o ano pasado en Riazor de estar particularmente nervioso porque impoñía bastante e eu estivera alí vendo outros grupos anos antes. Ademais foi un dos primeiros concertos grandes na praia dentro do Noroeste, que é un festival mítico, entón recordámolo cun especial cariño. Na Coruña sempre tivemos boa acollida e espero que siga sendo así. Para nós é unha alegría poder estar aquí presentando o novo formato de banda, ademais de que é no Lembranza Rock da Gaiteira que nos fai especial ilusión porque, que un barrio aposte por música que sae da norma, danos motivación, xa que este tipo de iniciativas dá moito traballo e se fai sen ánimo de lucro.
Que ofreceredes como novidades na actuación?
Escoitar as cancións de Grande Amore no contexto de banda, xa supón un refresco auditivo moi grande e gratificante para nós, e ata o de agora parece que á xente tamén lle está gustando bastante. Este é o primeiro concerto na Coruña con Grande Amore como banda e o cuarto dentro da nosa carreira. Tamén, este ano empezamos a traballar con profesionais como Teresa, que se encarga das luces e traballa con outros artistas como Tanxugueiras. Creo que daremos un bo show coa novidade musical de banda xunto coa súa aportación. Eu véxoo en perspectiva de cando eu ía só cos samplers aos concertos e ver isto agora si que supón un gran cambio. Haberá xente que prefira o de antes, mais para nós é mellor así e se a esencia se perde, ben perdida queda.
Haberá xente que prefira o de antes, mais para nós é mellor así e se a esencia se perde, ben perdida queda
Cales son as vosas expectativas no festival con respecto á acollida do público?
Eu son o primeiro que no momento nunca me chega nada e penso que a xente está desanimada e nunca lles gustan as nosas actuacións. Despois, vexo os vídeos e estaba toda a xente entregada entón as miñas expectativas non son moito de fiar. Vendo as reaccións da xente, eu o que espero é que a xente estea animada, cante os temas e que teñan satisfacción nas súas caras.
Este ano tamén nace Portosanto, o novo nome que recibe o grupo Oh! Ayatollah que formou en 2015 como cantante e teclista. Cómo convive este proxecto en paralelo con Grande Amore?
Vai ben, porque dende xa case seis anos dedícome plenamente á música e é o meu principal sustento. Todos os membros de Portosanto tiñamos outros proxectos e nunca houbo problema en compaxinar ambas cousas porque nos xuntamos cando temos tempo libre. Agora o que pasou e que tiñamos ganas de volver a tocar xuntos, aínda que realmente nunca o deixaramos, senón que tiñamos o ritmo de traballo e composición hibernando mais quedabamos e había algún concerto esporádico. Ao final somos amigos dende xa fai doce ou trece anos e tiñamos ganas de volver a facer un disco, que ao final é a excusa para estar un rato cos amigos.
En que punto está actualmente a banda tras unha traxectoria de recoñecementos?
Dentro da nosa perspectiva non pensamos en éxitos desmesurados. Si que é certo que dimos moitos concertos, e nese sentido tivemos sorte dende o principio do proxecto, xa que tocamos moito en directo e houbo xente que estaba aí para escoitarnos e recibimos aí un apoio que está moi ben. Para nós, dende o primeiro disco, foi un tempo constante en actividades, sen parar nunca, o cal é un bo sinal porque ao final o que nos gusta é seguir tocando e compoñendo cancións. Agora estamos ás portas de gravar o cuarto disco e cunha sensación curiosa de que xa pasou tempo, pero non tanto para a cantidade de cousas que si que nos foron pasando a raíz de tocar.
Agora estamos ás portas de gravar o cuarto disco e cunha sensación curiosa de que xa pasou tempo, pero non tanto para a cantidade de cousas que si que nos foron pasando a raíz de tocar
Cal é o lugar e papel de Grande Amore no panorama musical galego?
En xeral a día de hoxe hai unha variedade moi grande, dende a fusión da electrónica e o tradicional ata grupos como The Rapants cun rollo de pop-rock de guitarras ou Kid Mount e 9Louro cunhas apostas de reggaetón en galego. Dentro de toda esa variedade, un dos paus que está aí é o noso. Pola nosa parte non hai unha grande reflexión de por onde tirar ou como encaixan os proxectos, senón que para nós sempre é todo bastante froito do instinto, do que nos apeteza facer en cada momento. Por exemplo, no disco novo, ademais de que é todo feito con banda, tamén hai varias cancións acústicas, algo que a priori supoño que ninguén espera de Grande Amore, pero é o que nos pide facer o corpo e mentres haxa alguén que siga respondendo ante ese instinto, pois xenial. Hai xente que o seu traballo parte da reflexión e da análise e me parece moi admirable porque eu fago xusto o contrario.
Que se sinte ao ver o voso traballo recoñecido en Galicia e mesmo a nivel nacional e internacional?
Para nós é unha alegría que funcione ben onde sexa. De feito, aínda fai tres días, estivemos no Sonorama Ribera 2026 e fomos algo desganados porque era un dos últimos concertos que daríamos en formato de tres e preferíamos ir coa banda. En cambio, foi un dos mellores concertos da xira e a xente estaba moi moi animada e moi dentro do concerto. Ao final funciona bastante ben o proxecto, dentro de que é un grupo máis de nicho. Tivemos sorte dende case o principio do proxecto, porque xa co primeiro disco fomos a Madrid, Barcelona e Valladolid e tocamos por aí adiante.
Tendes algunha inquedanza musical no futuro?
A verdade é que son moitas. No noso próximo disco abrirase un pouco o rango de estilos con temas que son dos máis escuros do repertorio, pero tamén con algún acústico. Eu sempre tiven moitas ganas de probar e experimentar sempre dentro dun estilo máis escuro ou agresivo, porque me parece moi divertido e segue a miña liña de escoitar todo tipo de música. Agora estamos totalmente inmersos no proceso de facer o disco con banda, porque os tres anteriores foron con caixa de ritmo e fomos cada vez pouco a pouco incorporando guitarras e foi unha transición máis ou menos orgánica cara o formato da banda. Neste caso, ao facelo xa completamente con banda, cambia moito a perspectiva á hora de compoñer, porque cambia moito a sonoridade, entón é como volver a empezar de cero. A min esa sensación de estar sempre empezando paréceme ben porque hai unha ilusión de compoñer que me gusta, me estimula e me fai moita ilusión.
- Doce cañones y ametralladoras, más de cien metros de eslora y espacio para helicópteros: la patrullera neerlandesa 'Friesland' atraca en los muelles de A Coruña
- Estrella Galicia demuele un concesionario al lado de su sede en A Coruña para un nuevo uso
- El restaurante de A Coruña elegido para rodar la nueva temporada de ‘Clanes’ de Netflix: 'Buscaban un lugar que recordase a China
- La historia de amor de Hijos de Rivera con un polígono de A Coruña: 'Da vida a espacios en desuso de A Grela y crea otros de referencia
- Abre Marrano en A Coruña, el local informal de tapeo para amantes de la carne a la parrilla: 'Aquí nada de sentarse en una mesa con mantel
- El restaurante que recomienda Martiño Rivas en la guía de Zara por su tortilla: “Todo gira en torno al sabor”
- El bus de A Coruña se podrá abonar con tarjeta de crédito: 'Hay mucha gente que pide hacerlo y hay conductores que acaban pagando billetes
- El restaurante de A Coruña que lleva 30 años vendiendo 200 pizzas cada fin de semana: 'No damos abasto