Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Regresan as festas máis doces da Coruña cos amorodos do barrio de Eirís

Este martes 18 de agosto, celébrase unha nova edición da Festa da Fresa no parque de Eirís na Coruña coa froita como protagonista e cunha chea de actividades, música, deporte e espectáculos para gozar en familia

A presidenta da asociación de Eirís (arriba á dereita), xunto con veciños, este luns, na cúpula do parque de Eirís.

A presidenta da asociación de Eirís (arriba á dereita), xunto con veciños, este luns, na cúpula do parque de Eirís. / Carlos Pardellas

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
A Coruña

O parque de Eirís volve a ser un ano máis o epicentro dunha das celebracións máis recoñecidas e chamativas da Coruña. Cunha froita como protagonista, este martes, 18 de agosto, o barrio de Eirís celebra a súa Festa da Fresa cunha xornada para todos os públicos cargada de actividades lúdicas, partidos de fútbol, comida popular, actuacións musicais e a famosa degustación gratuíta do seu produto estrela, os amorodos, na contorna da cúpula do parque. "Este ano a maioría serán de Froitas Geixade de Abegondo, que son as máis ricas e unhas das poucas que son de aquí de verdade", explica a presidenta da Asociación de Veciños de Eirís, Mónica Díaz.

Durante moitos anos, segundo relata Díaz, o lugar era coñecido en toda a cidade porque del saían a maioría dos amorodos que se consumían na comarca, que ademais de ser saborosos, saían moito máis cedo que noutras zonas, polo que eran moi apreciados e era moi típica a imaxe das mulleres con cestos cheos das froitas para vendelas no centro da Coruña. "A maioría dos veciños están moi orgullosos de ter algo singular que é propio do barrio e co que reivindicamos parte da nosa historia e homenaxeamos o traballo desas mulleres, aínda que hoxe practicamente non queda onde cultivar por mor das actuacións urbanísticas", detalla Díaz.

"Noutras edicións mesmo chegáronse a acabar os amorodos, porque é media hora na que se reparten as froitas sen parar e dun ano para outro non se pode calcular se van ser máis grandes ou máis pequenos, mais iso é sinónimo de éxito e seguro que seguirá sendo así", resalta a presidenta.

Unhas festas "cunhas vistas privilexiadas"

A xornada busca que todo o mundo estea a gusto e se poida achegar a gozar de diferentes actividades e estilos de música variados. "A orquestra Solara tocará todos os extremos, dende música moderna ata pasodoble, pasando tamén pola música latina e os ritmos dos anos 70", comenta Díaz. Os organizadores esperan que este ano siga habendo moita xente e teñen a ilusión de que a festa siga adiante moitos anos máis.

Coa Festa da Fresa, a idea dos organizadores é fomentar que sexa unha celebración na que se reúnan todas as familias. "O feito de que sexa un parque tan grande, espacioso e cunhas vistas privilexiadas axuda a que moita xente se anime a pasar a tarde por aquí", subliña a presidenta.

Unha das novidades deste ano é a desaparición das visitas ás eco-hortas de Eirís. Segundo Díaz, "en anos anteriores, a asociación de veciños contabamos cunha horta para cultivar os amorodos e traballala de maneira colectiva, mais na última convocatoria decidiron que as hortas comunitarias xa non estivesen en Eirís, polo que decidimos non presentarnos".

Un programa para todo o barrio

A programación deste ano conta con cambios importantes que conforman unha xornada festiva moi especial. Esta edición comeza ás 13.00 horas cunha festa da escuma na cúpula do parque de Eirís, que dá paso á sesión vermú unha hora máis tarde de mans da artista e veciña do barrio Lidia Sueiro. Dúas das novidades que se engaden son o acompañamento das consumicións con paella gratis e inchables de balde para os máis pequenos, e non tan pequenos, entre as 16.00 e as 21.00 horas.

Pola tarde, actuará a Agrupación Cultural Donaire cun baile tradicional ás 17.45 horas. Ás 18.30 ábrese a exposición dos amorodos, para realizar, media hora máis tarde a degustación. En paralelo aos amorodos, comezará o Torneo de Fútbol Festa da Fresa cos partidos do 7 feminino do barrio, que se enfronta ao Cercedense, e do Genuine contra a Torre. O equipo senior masculino de Eirís xoga contra o Caión ás 20.00 horas, mentres que os pequenos contan cun espéctaculo de circo, maxia e música á mesma hora con Peque Disco Moc Moc.

A novena edición do torneo realizará a entrega dos premios ás 20.45 horas, para dar paso, un cuarto de hora máis tarde, ao concerto de folque de mans do grupo Culimaia, que xa estivo no barrio outros anos. A xornada rematará coa orquestra Solara que tocará dende ás 23.00 ata as 01.30 horas.

Tracking Pixel Contents