Fantasía e terror na segunda edición do festival de cine Lóstrego da Coruña: "A tormenta está a punto de chegar"
Entre o 2 e o 5 de setembro, o evento cinematográfico Lóstrego presenta a súa segunda edición cunhas xornadas cargadas de actividades, coloquios, obradoiros e moito cinema no Fórum Metropolitano da Coruña

RAC
"O noso obxectivo é sinxelo: achegar o cine fantástico a todo o mundo, porque a cultura é de todos", sinala a codirectora do festival de cine Lóstrego, Anabel Soto. O evento gratuíto celebra a súa segunda edición no Fórum Metropolitano da Coruña, entre o 2 e o 5 de setembro, cun programa que inclúe proxeccións, actividades e obradoiros para todas as idades e encontros con cineastas e profesionais do sector. Nesta nova edición, a organización aposta por amosar películas inéditas ou de especial relevancia dentro do panorama fantástico, ademais de fomentar a participación do público.
O festival xurdiu da iniciativa dun grupo de amigos dedicados ao sector audiovisual que se decataron de que na Coruña faltaba un evento que amosase os seus xéneros favoritos (a fantasía e o terror), polo que crearon Lóstrego para cubrir ese oco. "Medramos bastante dende aquela e agora somos como unha gran familia", comenta Soto, que agradece o apoio e o agarimo recibidos tanto do público local como dos cineastas. "Creo que este ano se notará ese crecemento que agardabamos con tanta ilusión e esperamos sinceramente que Lóstrego sexa un festival que naza para quedar", engade.
"Non é un festival ao uso"
Segundo Soto, a xente debería achegarse porque "non é un festival ao uso, pois é un evento moi familiar e íntimo no que todos estamos como iguais". "É unha oportunidade para que a xente coñeza aos seus ídolos e aprenda sobre cinema", explica. O evento contará con actividades para todas as idades, xa que os organizadores buscan "levar o cinema a todo o mundo" a través deste festival gratuíto, no que tamén haberá artigos á venda.
A codirectora destaca que dentro da programación hai moitas colaboracións que se deben a "pequenos accidentes" e recoñece que o máis bonito é que non se trata dun programa pechado. "Sempre destaco os invitados que veñen de fóra, xa que son un valor engadido e poden chegar a colaborar e coñecer o panorama audiovisual galego a través de persoas representativas como a presidenta da Academia do Audiovisual Galego, Lucía Veiga, que estará nesta edición", comenta Soto.
Na presentación do cartel, tamén tomou a palabra o Concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, para amosar o apoio do concello a iniciativas como Lóstrego. "Interésanos moito impulsar proxectos coma este que comezou de mans de xente nova e que ten moito interese de avanzar nun eido que non estaba cuberto na nosa cidade, que é profundamente audiovisual", detalla Castro. A organizadora agradeceu tamén ás directoras do IMCE (Instituto Municipal Coruña Espectáculos) e do Fórum pola axuda e aos seus compañeiros por estar sempre apoiando. "A tormenta está a punto de chegar", sentencia.
Un programa cheo de "pequenos accidentes"
A edición deste ano comeza o mércores 2 de setembro cun contacontos e un taller de pintura, a inauguración da Exposición de Bestiario Galego e a proxección da película familiar Mary y la flor de la bruja media hora máis tarde. Pola tarde, haberá xogos e festa de disfraces, que darán paso ao inicio da sección de curtametraxes e á estrea en Galicia da película que pasou polo festival de Sitges, Chaisaws were singing, ás 20.00 horas.
O xoves 3, a mañá abre cun taller de creación de máscaras, para continuar coa presentación de Harry Potter y la Piedra Filosofal por primeira vez dobrada ao galego, que está de aniversario. "Creamos un universo arredor da saga, xa que proxectaremos a película, haberá despois un taller para crear a nosa propia varita máxica co experto Marc Castro e charlaremos coa actriz de dobraxe Sara Polo que é unha das voces que podemos escoitar en Harry Potter", relata a codirectora do festival, que recoñece que lle fai especial ilusión a participación da dobradora, que pon voz a personaxes coñecidas en series como Ladybug ou Pokémon. A xornada do xoves continuará con coloquios, a sección de curtametraxes e a pre-estrea mundial de Rough Fog.
Ao día seguinte, o venres 4 de setembro, a mañá contará cunha xincana máxica, curtametraxes infantís e un coloquio entre cineastas sobre o "Fantaterror". Á tarde, o profesional Santiago Bolívar impartirá un taller de guión, realizarase o coloquio sobre dobraxe con Polo e Adán Latonda, continuarán as curtametraxes e o día rematará coa estrea en Galicia de Luger xunto coa actriz principal da película, Ana Turpin.
O festival clausura a súa segunda edición o sábado 5 con manualidades máxicas, unha charla sobre curtametraxes con F. Pazín e a proxección de Guardiana de dragones pola mañá. Para poñer o broche final, levarase a cabo o Lóstrego en 60" , dedicado á creación audiovisual e aos novos talentos e a última sección de curtametraxes coa súa posterior entrega dos premios. Por último, Lóstrego remata o seu programa celebrando o aniversario dun clásico do cinema: Scream, que dende a organización esperan que sexa un final "que non deixe indiferente a ninguén".
- Doce cañones y ametralladoras, más de cien metros de eslora y espacio para helicópteros: la patrullera neerlandesa 'Friesland' atraca en los muelles de A Coruña
- El restaurante de A Coruña que lleva 30 años vendiendo 200 pizzas cada fin de semana: 'No damos abasto
- Inés Rey ve 'positivo' el debate sobre la estación intermodal de A Coruña: 'A lo mejor la parte del aparcamiento tapa de más la fachada histórica
- El restaurante favorito de Javier Gutiérrez cerca de A Coruña perfecto para una escapada gastronómica: 'Una de las mejores ensaladillas
- Inés Rey, sobre la cita en apoyo a Ceuta: 'Es una concentración interesada y que está monopolizando el PP
- Multas y vigilancia en la estación de tren de A Coruña ante los coches que paran para recoger y dejar pasajeros
- Tanxugueiras evita el boicot de su actuación en Palencia por un grupo de radicales
- La abogada ucraniana que sorprende a A Coruña con ramos de azúcar hiperrealistas: “La gente cree que son naturales