Dez anos de rock no Barrio das Flores da Coruña
O festival Flores Rock celebra o seu décimo aniversario cunhas xornadas dedicadas ao punk, metal e rock no Barrio das Flores da Coruña entre os días 4 e 6 de setembro con grupos como Angelus Apatrida, Dakidarría e The Lizards

RAC
"Este ano preséntase con máis enerxía que nunca e facendo os dez anos cun cartel que parece imposible", subliña emocionado o secretario da Plataforma Veciñal do Barrio das Flores da Coruña, David Pujades. Os días 4, 5 e 6 de setembro celébrase un ano máis no barrio o festival gratuíto de música Flores Rock, cun cartel que conta con bandas consolidadas e emerxentes de moita calidade, ademais de actividades para os máis pequenos e un mercado de gastronomía e artesanía para fomentar a participación veciñal.
"Levamos moito tempo traballando neste evento que facemos como unha familia que somos e que ten moita alma, polo que é imposible que saia mal", comenta Pujades, que recoñece que é algo que o barrio fai con moito sentimento dende 2016. Segundo os organizadores, o proxecto naceu pouco a pouco dende a veciñanza sen rumbo e sen pensar que fose a chegar tan lonxe, pois este ano amplían a programación a dous escenarios e tres xornadas de festa. "Facémolo porque simplemente nace dun barrio unido", resalta.
"Feito no Barrio das Flores e sen marchitar desde 2016"
Esta edición é a primeira que conta co apoio directo da Xunta de Galicia no marco dos Concertos do Xacobeo e esperan que o festival alcance as expectativas e siga medrando ata ter outros dez anos máis. "Para nós é unha satisfacción poder colaborar nesta iniciativa que achega a música á xente do barrio nun formato moi peculiar e orixinal", destaca o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, presente no lugar durante a mostra da programación.
Á presentación do cartel tamén acudiu o concelleiro de Cultura e Turismo da Coruña, Gonzalo Castro, que felicitou á plataforma veciñal por crear un proxecto "dende abaixo cara arriba" e que ocupa un oco que aporta moito á cidade. "O Flores Rock xa está consolidado como referencia musical no ámbito do rock e do metal e seguro gozaremos dun evento de moita calidade que facilita o acceso á cultura e á música para todos", sentencia Castro.
No seu décimo aniversario, os organizadores reforzan a filosofía do evento de converter o barrio nun lugar de encontro arredor da música e da cultura e fomentar a participación comunitaria e o apoio á música independente. O lema deste ano procura lembrar a identidade do lugar e destaca a evolución do proxecto nos seus dez anos de traxectoria: "feito no Barrio das Flores e sen marchitar desde 2016".
Rock, obradoiros e artesanía para todos
O festival comeza na tarde do venres 4 de setembro con Komando Kombate (19.35) e a música máis punk de Onza (21.15), Kaos Urbano (22.35), Non Servium (00.05) e Mar de Fondo (1.20). As actuacións desta edición se repartirán en dous escenarios na praza de Sol Naciente e na praza dos Álamos. Ademais, o evento procura dar visibilidade a grupos en proceso de medrar, coa participación de Ewaric (venres ás 20.00) e Penitence in Darkness (sábado ás 19.05), que son o segundo e primeiro posto, respectivamente, da Batalla de Bandas que se celebrou en maio no barrio para darlles espazo a formacións emerxentes.
Ao día seguinte, a xornada festiva comeza coa volta do Flores Kids cunha chocolatada popular entre as 11.00 e as 12.30 horas e obradoiros musicais dende as 11.30 ata as 13.30 horas na zona Pekerocks con prazas limitadas e prezos que varían segundo a duración das actividades. Pola tarde, os máis pequenos tamén contarán con xogos, manualidades e globoflexia dende as 14.00 atas as 19.00 horas, ademais dos espectáculos de Brais das Hortas e Peter Punk (15.00) e Collón de Lola (16.30).
Para os adultos, a xornada do sábado 5 inicia cunha sesión vermú de mans de Lamatumbá ás 13.15 horas e co espectáculo de Txavalada entre concertos. Cun estilo máis acústico, na tarde do sábado tamén estarán Moonshine Wagon (18.00) e Tree Mountains (20.20), xunto con outros grupos como o gañador da Batalla de Bandas 2026 e Dakidarría (21.30). A xornada rematará coa música metal de Angelus Apatrida ás 0.05 horas e coa participación dunha banda sorpresa ás 1.30 horas, que non se desvelará ata dous días antes do comezo do festival e segundo os organizadores "vai crear un bombazo".
O Flores Rock pecha o seu programa o domingo 6 de setembro dun xeito máis familiar co Mercado do flores de artesanía e gastronomía que se celebrará nos xardíns do barrio entre as rúas Petunias e Xirasois dende as 12.00 ata as 20.00 horas. O mercado, que estará amenizado por los Alcántara (14.00) e la Yaya dj (16.00 e 18.00), tamén ofrecerá actividades infantís e a actuación de Pako Pakolas ás 17.00 para os máis pequenos dentro do Flores Kids. "Este é un día moi importante porque remata o festival e adoita ser o día no que mellor o pasamos", explica Pujades, que destaca que todo se fixo con moito agarimo.
- Doce cañones y ametralladoras, más de cien metros de eslora y espacio para helicópteros: la patrullera neerlandesa 'Friesland' atraca en los muelles de A Coruña
- Estrella Galicia demuele un concesionario al lado de su sede en A Coruña para un nuevo uso
- El restaurante que recomienda Martiño Rivas en la guía de Zara por su tortilla: “Todo gira en torno al sabor”
- Abre Marrano en A Coruña, el local informal de tapeo para amantes de la carne a la parrilla: 'Aquí nada de sentarse en una mesa con mantel
- El restaurante de A Coruña que lleva 30 años vendiendo 200 pizzas cada fin de semana: 'No damos abasto
- El restaurante favorito de Javier Gutiérrez cerca de A Coruña perfecto para una escapada gastronómica: 'Una de las mejores ensaladillas
- Inés Rey, sobre la cita en apoyo a Ceuta: 'Es una concentración interesada y que está monopolizando el PP
- Multas y vigilancia en la estación de tren de A Coruña ante los coches que paran para recoger y dejar pasajeros