Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Lingua galega

"Ligas' en galego?": o Concello da Coruña fará unha enquisa "exhaustiva" e por barrios do uso da lingua para elaborar o seu primeiro Plan de Normalización

O Goberno local da Coruña quere partir unha diagnose fonda para elaborar o documento que guiará as políticas municipais durante cinco anos

Uns nenos participan no Correlingua na Torre de Hércules

Uns nenos participan no Correlingua na Torre de Hércules / CASTELEIRO

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
A Coruña

O Concello da Coruña dá un paso máis para deseñar o primeiro Plan de Normalización Lingüística da historia da cidade. O Goberno local contratará a asistencia técnica para elaborar o documento, que terá unha vixencia de cinco anos e incluirá unha diagnose do contexto sociolingüístico da Coruña a través dunha enquisa aos veciños.

No contrato o Concello da Coruña destaca que "a situación do galego no conxunto do país fai especialmente necesaria unha actuación decidida por parte de todas as administracións públicas para frear o devalo do seu uso". A Administración local fai referencia aos últimos datos do Instituto Galego de Estatística (IGE) sobre o uso da lingua na comunidade, que amosan unha caída de falantes, sobre todo entre a mocidade.

A Coruña, destaca o expediente, non é a excepción, senón unha das zonas onde esta problemática xeral está "agudizada". Segundo a última actualización, na Coruña tan só un 4,52% da poboación fala sempre en galego, e 10,96% fáno máis en galego que en castelán, polo que os veciños que falan a maioría do tempo en castelán representan un 84,52% dos coruñeses.

Este plan será a base para desenvolver e concretar as políticas municipais sobre a promoción do galego. O documento é unha das obrigas da ordenanza municipal reguladora do uso da lingua galega aprobada en 2021, e tamén unha das medidas incluidas no pacto de investidura entre o PSOE e o BNG para esta lexislatura.

A concesionaria non se encargará só da análise demoscópica, tamén será a responsable de coordinar cos servizos municipais de normalización e o Consello Local da Lingua o proceso participativo de achegas a través de mesas sectoriais, deseñar un sistema de seguimento e avaliación das medidas do plan, así como da comunicación inicial e final da iniciativa.

Os obxectivos do Plan de Normalización Lingüística, por tanto, son facer do galego a lingua habitual do Concello en todos os ámbitos, garantir aos veciños o seu dereito a poder vivir con normalidade en galego e conseguir máis funcións sociais e maiores espazos de uso da lingua.

Unha enquisa "exhaustiva"

Dado que o contexto da cidade conta con "desafíos específicos", o Concello require unha "diagnose exhaustiva e específica para o municipio da Coruña" antes da elaboración do plan. Esta análise partirá dunha enquisa telefónica aos veciños, un mínimo de 800 chamadas e un máximo de 1.200. O produto final terá que amosar a situación do galego en diferentes barrios, idades, niveles de estudos e orixes.

Entre as preguntas que farán estarán as de competencia lingüística autopercibida --como de ben falan, entenden, escriben ou len en galego-- e o inicio e transmisión da lingua, se é a súa primeira lingua, se a falan habitualmente e se o fan cos fillos, así como explicar os cambios que tiveron ao longo da súa vida.

O Concello tamén busca analizar as actitudes e ideoloxías sobre a lingua, a exposición dos falantes a esta a través de centros educativos, redes sociais ou traballo e afondar algo máis nos usos persoais que fan dela, se é só coa familia, amigos ou para "ligar" entre outras cousas. Nestes últimos aspectos, a diagnose sería algo máis profunda que a que actualmente fai o IGE, que por exemplo non preguntou por usos como as relacións románticas.

Como usan o galego os concelleiros e concelleiras

Finalmente tamén analizarán a percepción do uso que fai o propio Concello da Coruña do galego. A diagnose incluirá unha avaliación da situación da lingua no consistorio municipal, desde as intervencións dos concelleiros e concelleiras, ata as comunicacións do persoal na atención cos cidadáns e entre os traballadores.

O informe completarase cun mínimo de cinco entrevistas con "axentes chave" que serán determinados polo Consello Local da Lingua, que tamén dirá os grupos sectoriais cos que se reunirán os técnicos, tamén cinco deles, e que poden ser do sector do ensino, asociativo, deporte, socioeconómico ou familiar.

Elaboración do plan

A asistencia técnica traballará neste plan durante catro meses baixo a direción dos servizos de normalización lingüística municipais. O documento terá unha vixencia de cinco anos e terá que determinar os obxectivos xerais e sectoriais, medidas de actuación e avaliación do plan. O contrato ten un orzamento base de case 50.000 euros.

A empresa concesionaria tamén terá que organizar a xornada de presentación do plan e a xornada de conclusión.

A actualización da normativa do galego na Coruña coincide tamén co novo Plan de Normalización Lingüística a nivel autonómico, presentado o pasado xullo, e que consta con máis de 700 medidas para revertir a situación de declive da lingua.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents