O novo traballo de Luar na Lubre: homenaxe ás tres palabras que "constrúen un poema enteiro"
A banda musical presenta este 2026, coincidindo co seu 40 aniversario, un audio-libro no que reflexiona sobre a relevancia do termo "lubre" para o grupo

Imaxe do grupo musical da Coruña Luar na Lubre. / ANTONIO VIZCAYA
Tras anos de actuar en máis de 2.000 concertos arredor de máis de 50 países, o grupo musical coruñés Luar na Lubre presentou este 2026 un novo traballo coincidindo coas súas catro décadas de vida. O proxecto, Lubre: 40 aniversario, consiste nun audio-libro a través do que procura a importancia da palabra «lubre» para a formación, que estará este domingo 30 de agosto no Festival de la Luz 2026 en Boimorto.
Un dos fundadores da banda, Bieito Romero, explica que se trata «dun traballo conceptual con 13 temas inéditos xunto a un libro onde tamén hai 30 achegas de arqueólogos, historiadores, filólogos e profesionais da cultura e da música próximos ao grupo. Estes especialistas foron os encargados de aportar á obra unha serie de historias que pivotan arredor do termo lubre» e da propia banda
«En 2025, con motivo dunha iniciativa nosa xunto coa filla do escritor Xosé Luis Franco, Navia Franco, conseguimos que a Real Academia Galega introducise a palabra de orixe celta no dicionario», resalta Romero. «Lubre» significa ‘bosque sagrado onde os druídas celtas facían os seus rituais’ e é un termo con moita relevancia para o grupo. «A expresión é histórica dentro da literatura, e en lugar de perdela co tempo, nós mantémola viva», destaca o fundador.
Na parte musical, o disco fai unha homenaxe ao termo, con temas que están directamente relacionados coa palabra. «Hai unha peza chamada Lubre, que é unha das últimas composicións que gravamos, co obxectivo de resaltar a cuestión céltica, e que serve como resposta á dúbida que moitos teñen sobre o significado da expresión», comenta o compositor. Outra das cancións que se recollen neste proxecto é Cantiga Crónica, un poema de Xosé Luis Franco para facerlle un tributo ao autor. «Descubrín a palabra nos anos 80 a través do dicionario que fixo o escritor, así que quixemos recoñecer a súa figura», relata.
"O grupo goza de boa saúde"
«O nome da banda ao final son tres palabras que constrúen un poema enteiro: ‘luz da lúa no bosque sagrado onde os druídas celtas facían os seus rituais», sentencia Romero, que recoñece que Luar na Lubre quizais sexa «un dos grupos máis internacionais de toda a historia da música galega». Agora, a banda continuará percorrendo durante os próximos meses escenarios de España e Europa nunha xira que comezou en xaneiro e que, segundo o fundador, é «unha confirmación de que o grupo goza de boa saúde e con ganas de continuar» e seguir a comungar «coa idea de renovación».

A banda coruñesa, Luar Na Lubre, nun dos seus concertos da súa última xira na que celebran o seu 40 aniversario. / Cedida
A súa música, de inspiración tradicional e con composicións propias, naceu na Coruña en 1986 e non parou de soar ningún destes 40 anos de traxectoria. «Conseguimos conectar moi ben co público, tanto galego como fóra das nosas fronteiras, e adoitan responder positivamente», reflexiona Romero, que confesa que «a música está a vivir unha situación delicada para que os grupos se manteñan». Aínda así, Luar na Lubre é unha institucións do panorama galego que pode presumir de contar cunha longa vida chea de recoñecementos, como a Medalla Castelao que lles foi concedida pola Xunta en 2025.
"Deixariamos de ser o que somos"
«O grupo é moi fiel ao nacemento e ás raíces polas que comezamos, mais estamos sempre abertos a calquera aportación nova que poida enriquecernos», relata Romero. «Nós contamos cun son característico que xorde da confluencia de diferentes estilos e é imposible que co paso dos anos soe distinto, porque deixariamos de ser o que somos», confesa o compositor.
«A Coruña é a nosa cidade, o lugar que nos viu nacer, medrar e que sempre nos apoiou grazas ao seu público tan agradecido. Luar na Lubre naceu no barrio do Agra de Orzán e nós sempre levaremos á cidade no corazón», sentencia o artista, que pensa que o premio máis importante que teñen é«un público fiel» que lles sigue alí a onde van «e nunca falta»: «Un público de circunstancias que se esforza para vernos e que é a nosa razón de ser como banda, que non fai música convencional nin mediática».
O compositor recoñece que agora están a cumprir aquel soño que tiveron algún día, mais non teñen metas porque se atopan «nunha espiral na que en cada momento xorden cousas novas». «O fenómeno internacional de Luar na Lubre está sucedendo dende A Coruña e a clave máis importante é non caer no aburrimento, porque é aí onde morren os proxectos e todo desaparece», advirte.
«A idea para o futuro é coñecer os tempos e adaptarse, como acontece neste último disco, no que presentamos un audio-libro cun QR», explica Romero, que admite que tamén é importante dar continuidade e manter o apoio popular que para el significa un gran futuro. «Cando fas o que realmente che gusta, estás apaixoado e cres no proxecto; os 40 anos non pesan, nin creo que cheguen a pesar nunca», di.
- Despedido el director de una oficina bancaria de la avenida de Fisterra de A Coruña por falsificar firmas de clientes y abrirles tarjetas de crédito para cumplir objetivos
- Estrella Galicia demuele un concesionario al lado de su sede en A Coruña para un nuevo uso
- El restaurante de A Coruña elegido para rodar la nueva temporada de ‘Clanes’ de Netflix: 'Buscaban un lugar que recordase a China
- La historia de amor de Hijos de Rivera con un polígono de A Coruña: 'Da vida a espacios en desuso de A Grela y crea otros de referencia
- Abre Marrano en A Coruña, el local informal de tapeo para amantes de la carne a la parrilla: 'Aquí nada de sentarse en una mesa con mantel
- El restaurante que recomienda Martiño Rivas en la guía de Zara por su tortilla: “Todo gira en torno al sabor”
- Problemas detectados en la estación histórica de tren de A Coruña obligan a replantear el final de los trabajos: 'Hay deficiencias que condenan el uso del inmueble
- El bus de A Coruña se podrá abonar con tarjeta de crédito: 'Hay mucha gente que pide hacerlo y hay conductores que acaban pagando billetes