Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Hydn, a artista pop da Coruña que brilla no Recorda Fest: "Pode facerse música en galego de todos os xéneros que imaxines"

A cantantautora da Coruña, gañadora do Premio Martín Códax da Música á mellor artista de músicas urbanas en 2024, presentará o 5 de setembro no Recorda Fest o seu novo espectáculo

La cantante coruñesa Hydn, que actuará en el Recorda Fest.

La cantante coruñesa Hydn, que actuará en el Recorda Fest. / Isaac Gulías

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
A Coruña

O panorama musical de A Coruña revive co Recorda Fest, o festival que se celebra na cidade os días 4 e 5 de setembro. Cun cartel ecléctico, a proposta da cantautora coruñesa Hydn, gañadora do Premio Martín Códax da Música á mellor artista de músicas urbanas en 2024 e que actuará o segundo día do evento, destaca pola súa orixinalidade.

Vén de actuar en distintos puntos de Galicia, e agora chega ao Recorda Fest. No cartel hai artistas tan diferentes coma Hombres G, Taburete, Marlon ou Álvaro de Luna. Onde encaixa Hydn nun festival tan heteroxéneo?

É que realmente ese é o punto chulo, que o Recorda non intenta ter un cartel súper igual e podes atopar o teu oco. Quero traer unha proposta divertida, unha proposta en directo un pouco máis diferente: non é simplemente subir a cantar as cancións, senón que tamén hai bailarinas, unha coreografía... Vou cun chico que é DJ, guitarrista e entende o metal, que aporta matices que só se van escoitar en directo. Vai ser unha experiencia diferente, gústame diferencialo do que podes escoitar en casa. No Recorda estamos estreando o novo show, é un formato novo con catro bailarinas, todo moi ben pensado e cuadrado con transicións. Levamos moito tempo preparándoo e temos mil ganas.

En Taste, vai claramente ao R&B e ao pop de comezos dos 2000. Que ten aquela música que botes en falla no pop actual?

Eu nacín nese contexto de escoitar toda esa música. Hai algo que estamos empezando a recuperar nos últimos anos dese tipo de música, como esa diversión, ese just for the fun [só por diversión]. Tamén admiro esas mulleres irreverentes do pop dos 2000, o perder o medo a facer todo. O pop pode ter un fondo e unha mensaxe cos que podes ir xogando segundo o que te apeteza, e ir desfrutando sempre. Á parte, sempre é importante ir explorando todo tipo de música e ir xogando con outros sons.

Nos seus primeiros temas había unha escuridade bastante marcada, e agora parece haber máis sensualidade, baile e cultura pop. Está cambiando Hydn ou simplemente estamos vendo outra parte do mesmo personaxe?

Non é un cambio como tal, senón unha evolución. Ao final, cando cantei eses primeiros temas facía música pensando en min, porque eu antes tiña un grupo e era totalmente distinto. Fun explorando, probando pouco a pouco. Foi ver unha evolución en tempo real, creo que basta con ver a discografía de calquera artista para atopar iso: unha evolución, como te vas autodescubrindo...

A comezos deste ano falaba de Shinkansen, un mixtape que serviría coma ponte cara ao teu primeiro álbum. En que punto está agora ese proxecto?

Está a punto de saír. De feito, para min tamén foi un punto de inflexión, porque foi a primeira vez que decidín refacer unha canción. Aínda que Shinkansen vai saír agora, non é a mesma canción que antes, é outra. Non me sentía representada, non estaba moi a gusto, e dixen: 'imos coller esta mensaxe e imos levala ao que me apeteza'. Refixémola enteira, e aí fun descubrindo bastantes cousas sobre min. Aprender a escoitarte de novo é algo que levaba bastante sen facer.

No Recorda Fest imos escoitar algunha canción que aínda non publicara?

Si. De feito, tamén me gusta ir testeando nos directos algunha canción. Entón si que hai algo que aínda non está publicado, e incluso haberá sorpresa.

Defende que unha canción en galego pode soar igual de internacional que unha en inglés. Cre que aínda se segue asociando a música en galego cunha estética e xénero determinados?

Creo que si e no. Estase a ver unha evolución, pero si que é certo que aínda a música en galego se percibe coma se fose un xénero musical. O galego é un idioma, e pode facerse música en galego de todos os xéneros que imaxines.

Ata onde lle gustaría levar unha canción en galego? Segue tendo o Benidorm Fest ou Eurovisión como obxectivo?

Agora mesmo estou realmente centrada no meu primeiro álbum, pero gustaríame levar unha canción. Obviamente, encantaríame que a miña música, e a música en galego, se escoite. Se se escoita música que está en coreano ou italiano, por que non se pode en galego?

Hai artistas independentes que igual poden gravar unha canción nunha habitación, pero a túa proposta require moito estilismo e produción. Como se sostén a nivel económico un proxecto tan ambicioso?

Todo todo o que entra vai para o proxecto. E tamén é moi, moi importante, que a xente se implique no proxecto e facer equipo non simplemente por necesidade, senón para entre todos tirar para arriba. E non só entre distintas disciplinas, senón tamén entre artistas, temos que axudarnos máis. Eu creo que é moi importante traballar de forma colaborativa en xeral.

Tracking Pixel Contents