24 de junio de 2007
24.06.2007
FÉLIX PORTO SERANTES, ALCALDE DE MUXÍA

"Temos que conseguir que a xente deixe de marchar para traballar"

24.06.2007 | 02:00
Félix Porto Serantes, no balcón do seu despacho no Concello de Muxía. / m. c. s.

"A xeración de emprego é fundamental neste concello porque cada ano perdemos cen postos de traballo. O parador debe ser un eixo fundamental para a comarca".

M. Carmen Suárez.Muxía

O parador de turismo e o plan xeral. Estes foron os principais argumentos de debate de Félix Porto e o seu grupo socialista durante a pasada legislatura como principal partido da oposición. Agora seguen sendo obxectivos prioritarios para o novo alcalde: axilizar a construción do parador e facer un plan xeral para todos os veciños.

-Por que Muxía era un obxectivo prioritario para o PSOE?

-O gran erro é utilizar de forma partidista unha Alcaldía, porque debe ser algo máis que eso. Nós temos unha visión distinta de como traballar e o prioritario son os cidadáns. Houbo un cambio porque a xente quería que se fixesen as cousas de forma distinta. E logo está o traballo da oposición, fixemos un programa electoral moi ambicioso, atractivo e tamén factible.

-Confiaban neste cambio de goberno? Porque moitos non o crían.

-Vendo o clima que había antes das eleccións e como se ía desenvolvendo a campaña si. Vimos que había moitas ganas de mudar a situación do Concello e nós sabiamos que íamos medrar en número de votos. Estou especialmente contento polo respaldo social que tivemos e que agradezo a todo o mundo. Collemos o relevo con ganas de traballar e ilusión, e gustaríame que os cambios se visualizasen dende xa.

-Houbo bo entendemento co BNG para formar goberno?

-Eu tiña moi claro que o BNG ía entrar no goberno, porque o Bloque tamén fixo un bo traballo nestes anos e tivo unha representación importante. Prodúcese un cambio histórico onde o BNG tamén ten que participar. Eu fixen todo o posible para que así fose, e cando dúas persoas queren o mesmo, é fácil poñerse de acordo.

-Que é o primeiro que se marca na súa axenda?

-Primeiro quero coñecer o Concello por dentro e logo empezar a tomar decisións. Haberá unha reorganización interna que non pasa por vinganzas, como andan dicindo algúns. Imos conseguir o obxectivo que nos propuxemos e aquí non sobra ninguén, senón que fai falta máis xente. Os Servicios Sociais deben ser máis áxiles, dar máis cobertura a todos os veciños. E logo o noso grande obxectivo é a xeración de emprego. Isto é fundamental, porque cada ano perdemos case cen traballadores, e temos que conseguir que a xente deixe de marchar e que a poboación se incremente.

-Xa ten previsto algún proxecto para crear emprego?

-Temos algo en mente, pero non se empezará a notar até o ano que vén. Por exemplo, temos que apoiar a Stolt Sea Farm para a ampliación da granxa de Merexo, porque esta empresa quere xerar postos de traballo neste concello. Logo está o parador, a Lei de Dependencia que ten que xerar máis traballadores sociais e outras iniciativas de emprego.

-Arrepíntese de non apoiar a instalación de Pescanova?

-Nós fomos coherentes e responsables co que pensabamos e defendíamos. E agora hai que mirar ao futuro, porque o pasado xa foi e só quero pensar no futuro.

-Cal é a situación do proxecto do parador de turismo?

-O parador debe ser unha realidade nesta legislatura. Temos que poñer canto antes os terreos a disposición de Patrimonio do Estado para empezar cos trámites. Non se pode facer unha obra se o terreo non é noso, e mentres tanto tampouco se pode sacar o concurso de ideas. O parador debe ser un eixo fundamental para toda a comarca, e non só polos postos de traballo, senón por todo o que supón.

-Que pasará co plan xeral que tanto se criticou?

-Estamos esperando a que se resolva a aprobación provisional de Política Territorial e de Medio Ambiente. E logo esperamos que se poida cumprir o noso soño, facer un plan onde participen os veciños. Nós temos claro que tal e como está non nos gusta e que vai haber modificacións.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
SORTEO ENTRADAS: 'OVO' del Circo del Sol
El Circo del Sol visita A Coruña, del 21 al 30 de diciembre, con su espectáculo OVO que ofrecerá en el Coliseum de A Coruña. En LA OPINIÓN sorteamos 10 entradas para que no te lo pierdas.

 

esquelasfunerarias.es