Cada 25 de xullo Galiza vístese de novo coas súas mellores galas. É o momento de se deter no tempo para expresar visiblemente quen somos. É o día no que a historia desta nación sintetízase máis que nunca nos seus símbolos, e no que os galegos poden sentírense membros dun pobo cuxas raíces son fortes e cuxo espírito demostrou seren inquebrantable ao longo da historia.Galiza e os galegos teñen gañado espazos importantes de progreso e benestar social nos últimos anos. O esforzo de todos e todas, e os efectos beneficiosos da integración na Unión Europea teñen moito que ver co avance producido.O cambio político que tivo lugar en Galiza froito da san alternancia democrática veu tamén a introducir novos impulsos nunha sociedade e nunha economía sometida a fortes tensións internas e externas derivadas dun mundo globalizado no que a competitividade pode poñer en risco o benestar tan dificilmente acadado ao longo destes anos.Os cidadáns galegos poden hoxe circular libremente por Europa, traballar e estudar en calquer país europeo e exercer os seus dereitos como cidadáns en calquera cidade ou país. Pero tamén os capitais poden circular libremente, igual que as empresas e industrias. Por iso, só un proxecto político de país que entenda as posibilidades que temos, e as dificultades e deficiencias que hai que superar, pode axudar a que Galiza sexa cada vez máis un país con futuro. Un país que se fai responsable do seu propio futuro, sen dependencias innecesarias. Pero os proxectos políticos, ademais de existiren, teñen que seren liderados por persoas e grupos comprometidos co país e dispostos a primar os intereses de todos os galegos e galegas fronte a calquera interese sectario por lexítimo que poda parecer.Este 25 de xullo os galegos celebrarán unha vez máis o orgullo de seren un pobo cunha lingua e cultura propias. Será tamén un día para preguntarse polo lugar que ocupa o país no seu contexto estatal e europeo. Será o momento axeitado para comprobar se quenes teñen a responsabilidade de liderar a este pobo tomaron as decisións correctas e se hoxe somos máis ou menos autónomos e responsables de nós mesmos que outros pobos irmáns.Hai un ano celebrábamos o 25 de xullo coa esperanza posta no proceso político de reforma estatutaria. Hoxe, un ano despois, mantemos a ilusión polo futuro do noso país e non perdemos a confianza nin nas persoas nin nas institucións que ostentan a representación popular. Pero o tempo que nos toca vivir ten un ritmo rápido, tódalas sociedades tratan de non perder ningunha das oportunidades que pasan a súa beira. Galiza deixou pasar unha reforma estatutaria cuxas virtudes a facían desexable. Hoxe desexamos que pronto os galegos vexamos superado este paréntese e que coa contribución de todos esteamos entre as nación que están á vangarda do progreso e o benestar social.Dende aquí, expresamos o noso desexo de unidade tanto na celebración da nosa festa nacional, como no traballo que nos queda por facer a partir de hoxe.O presente comunicado correspóndese co posicionamento oficial da Fundación Instituto de Estudios Políticos y Sociales no Día Nacional de Galicia. O autor, Manuel Peralbo Uzquiano, é vicerrector de Calidade e Harmonización Europea e director da `Revista CRITERIOS Res Publica Fulget´