Tres xurados integrados cada un por dez alumnos de Bacharelato de institutos galegos outorgaron onte o XIV Premio de narrativa Arcebispo Juan de San Clemente ás obras Así nacen as baleas, da escritora coruñesa Anxos Sumai (novela galega), Arthur&George, de Julian Barnes (novela estranxeira) e Hoy, Júpiter, de Luis Landero (novela española). Antes da lectura dos fallos, o director do IES Rosalía de Castro, Ubaldo Rueda, avanzou que a entrega formal dos premios desta edición se efectuará, previsiblemente, en marzo do próximo ano. O director explicou que se aproveitará esta cita para facer entrega dos galardóns aos escritores premiados na anterior edición. Neste sentido, destacou que o escritor Haruki Murakami, premiado en 2007 por Kafka en la orilla confirmou a súa presenza.

O xurado da categoría novela galega considerou que a obra de Anxos Sumai era a merecedora do premio de 3.000 euros que estipula este galardón para cada un dos vencedores. A escritora coruñesa narra as dinámicas sociais da vida contemporánea a través dos ollos dunha moza que se revela ante as imposicións sociais.

A proposta de Landero concentrou todos os votos dos membros do xurado na categoría de novela española. Con seis votos, os alumnos optaron por conceder o galardón na categoría de mellor novela estranxeira a Julian Barnes, un relato que toca cuestións como as aldraxes policiais, a xenofobia, o racismo e a xustiza.