07 de octubre de 2008
07.10.2008

Os reintegracionistas lusistas galegos xa teñen academia

A Academia Galega da Língua Portuguesa inaugurouse onte en Santiago coa vocación de "concienciar á sociedade" do carácter "lusófono" do idioma galego.

07.10.2008 | 02:41

A Academia Galega da Língua Portuguesa (AGLP), que se inaugurou onte en Santiago de Compostela, nace coa vocación de "concienciar á sociedade" do carácter "lusófono" do idioma galego, ao cal cualificaron de "forma de portugués".
Así o explicou na sesión inaugural o presidente da AGLP, José-Martinho Montero Santalha, que asegurou que "en Galicia se fala unha cousa que se lle denomina galego, pero que vén sendo unha forma do Portugués". "Polas indicacións dos lingüistas, nós denominarémolo Portugués de Galicia", sinalou.
Nun acto ao que asistiron numerosas personalidades da vida cultural e política de Galicia e os países lusófonos, os presentes marcaron como obxectivo desta Academia "concienciar aos cidadáns da súa condición de lusófonos" e "continuar o movemento reintegracionista" do galego.
Así, os presentes tiveron palabras de recordo para o intelectual "portugalego" Ernesto Guerra da Cal e para Ricardo Carvalho Calero, estandarte do reintegracionismo lusista galego e "fundador honorífico desta academia".
Ademais, os poñentes gabaron as posibilidades de comunicación que ofrece a reintegración do galego no mundo "lusófono" nunha "sociedade globalizada". "Unidade non significa uniformidade", recalcaron, senón que "os pobos lusófonos son un conxunto de países con culturas diferentes unidos por un nexo idiomático común".
O secretario xeral de Relacións Institucionais, Xoán Antón Pérez Lema, resaltou o corpo lingüístico común que supón a lusofonía como ferramenta para comunicarse con preto de 230 millóns de falantes en todo o mundo.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook

ESPECIAL

PREMIOS OPINIÓN MÚSICA RAÍZ

Premios Opinión da Música de Raíz

Consulta aquí a información dos premios de música do noso diario