Femi Kuti lanza un álbum logo de sete anos de silencio discográfico
O nixeriano comezou a tocar, aos dezaseis anos, na banda do seu falecido pai e agora é o seu fillo, de tan só doce anos, o que sopra o saxofón no seu grupo
Óscar Losada | A Coruña
A tradición familiar dos Kuti lévaos a interpretar música e a pór nas letras das súas cancións unhas inquedanzas nas que salienta a actitude preocupante cara aos gobernantes africanos. Fela Kuti loitou arreo contra a corrupción política e o seu fillo Femi segue os seus pasos sen perder nunca o camiño recto que se interesa pola xente humilde e combate os múltiples excesos dos poderosos. "O mundo ten unha débeda pendente con África que debeu pagar hai xa cincuenta anos", afirma Femi Kuti.
A figura paterna é de tal magnitude no seu país que o gran risco que debía afrontar Femi era o de resultar un artista dun nivel moi inferior, mais a súa carreira amosa que os xenes funcionaron ben e o afrobeat semella instalarse no sangue familiar como un fluído de vida necesario. Ese estilo musical resulta dunha mestura entre ritmos yoruba, jazz e unha presenza importante de funk.
Após sete anos de silencio discográfico, aínda que realizando actuacións en directo por todo o mundo, Femi vén de publicar Day by day, o seu cuarto traballo de estudo, unha obra na que incide nas letras no seu compromiso social e político e na que sobrancea esa sección de metal imprescindible para que o afrobeat se despregue en toda a súa dimensión sonora. Opta o artista por cantar en lingua inglesa e malia considerarse nixeriano cómpre lembrar que Femi naceu en Londres, aínda que medrou en Lagos, capital de Nixeria. Este novo álbum ofrece uns resultados irregulares, mais cando acerta no enfoque das pezas o artista sabe tirarlle partido a toda esa enerxía concentrada nos ritmos que propón. "Teño 46 anos e a miña música é algo menos agresiva. Antes andaba moi alporizado co mundo, polo racismo e a corrupción en África, mais agora xa entendo mellor a política", manifesta.
O músico é Embaixador de Boa Vontade da organización Unicef e centra os seus esforzos na loita contra a SIDA, unha pandemia mortal que inza o continente africano e que lle afectou directamente cando o seu proxenitor faleceu por esa doenza no ano 1997. "Unha das accións máis efectivas que poden realizar as personas que teñen influenza é dar a voz de alarma sobre esa enfermidade. A información é unha ferramenta poderosa na loita contra o seu espallamento", declara o artista.
Se el principiou, aos dezaseis anos, a tocar na banda do seu pai, composta ás veces ata por corenta musicos, agora é o seu fillo, con tan só doce anos, o que sopra o saxofón no grupo que acompaña a Femi nas actuacións.
- La residencia de Eirís, financiada por Amancio Ortega, abrirá a final de año
- Así empezó Zara: Amancio Ortega, el jefe cercano que visitaba cada establecimiento en su Renault 5 rojo
- El Deportivo, atento al mecanismo de solidaridad por Álvaro Carreras: hasta 375.000 euros extra
- La mastectomía endoscópica se afianza en el Chuac de A Coruña: «Es mucho menos invasiva»
- Oficial: el alquiler turístico queda prohibido en todas las comunidades de vecinos
- Un concierto anunciado por el Concello en Riazor abre otro frente con el Dépor
- Esta era la playa favorita de Jesús Vázquez durante su infancia: a media hora de A Coruña
- El Concello de A Coruña prepara 'una serie de conciertos' en Riazor en 2026 como 'despedida antes de las obras' por el Mundial