Dentro de dúas semanas coñeceranse os gañadores dos PREMIOS OPINIÓN

O grupo Milladoiro podería ser o primeiro artista en acadar un terceiro galardón, posto que xa conseguira ser mellor disco folk en 2002 e tamén obtivo a terceira praza no ano 2006

Os catro Premios Opinión entregados na gala do ano pasado.

Os catro Premios Opinión entregados na gala do ano pasado. / fran martínez

Óscar Losada | A Coruña

A finais do mes de xaneiro faranse públicas as votacións dos sete xornalistas especializados en música que forman parte do xurado dos PREMIOS OPINIÓN de música folk, que salientan anualmente aos tres mellores discos galegos da temporada.

Nesta ocasión, o grupo Milladoiro terá a oportunidade de ser o primeiro artista en acadar tres destes galardóns. Lembremos que a mítica banda ten no seu poder a estatuíña que os proclama como mellor disco do ano na segunda edición do certame, por O niño do sol, e outra como terceiro disco sobranceiro polo seu labor con Unha estrela por guía, a súa primeira obra totalmente cantada e na que facían unha homenaxe ao finado poeta Manuel María, autor dos textos aos que puñan música. A banda podería igualar a Xose Manuel Budiño, que ostenta dous galardóns que o acreditan como mellor disco folk do ano, se é quen de alzarse co primiero posto nas votacións.

Neste ano contamos con moitísimos debutantes e dous deles pasarán a ser novidade no palmarés. Malia que leva anos de andaina, a porriñesa Uxía estivo bastante tempo sen editar disco e por iso é a primeira vez que terá a oportunidade de alzarse cun dos premios pola obra Eterno navegar. Outro trío de veteranos, posto que levan tempo no eido da música, non por idade, son os Lizgairo, que debutaron este ano no mundo discográfico con Diacronías. Esta temporada musical foi a dos tríos e outros dous, Bonovo e Vaamonde, Lamas e Romero, tamén teñen posibilidades de acadar a cerámica, deseñada en exclusiva polo artesán coruñés Salvador Hernández, que representa a imaxe dos galardóns.

Debutantes como Isolma, cunha música creada para un espectáculo de danza, o conxunto Ophiusa ou o solista Roi Casal, membro de Milladoiro, tamén aparecen na lista de traballos publicados durante o ano pasado.

Un grupo veterano como os ourensáns Mutenrohi xa participou en anteriores edicións dos premios, mais nunca obtivo o recoñecemento. Agora volven ter unha nova oportunidade con Sete.

Outro traballo a valorar polos xornalistas é Pelo gato 24, unha achega de diferentes artistas de renome a un repertorio creado especificamente para os máis pequenos da casa. E quen tamén debutou, aos seus oitenta e dous anos de idade, foi a Señora Carmen, outra das opcións que manexan os xurados para premiar aos mellores álbumes do 2008, onde tamén aparecen o cantautor Tino Baz, Xosé Lois Miguélez, coa súa mestura de gaita e piano, e o grupo Xarín.

Tracking Pixel Contents