Liberdade ata o infinito

O pintor coruñés Luis Caruncho é artista invitado na Feira de Arte Contemporáneo de Vigo, que o homenaxea polo seu 80º aniversario

Luis Caruncho, onte, na Feira de Arte Contemporáneo de Vigo. / efe

Luis Caruncho, onte, na Feira de Arte Contemporáneo de Vigo. / efe

Axencias | Vigo

O pintor Luis Caruncho (A Coruña 1929) celebrou onte o seu oitenta aniversario cunha homenaxe que lle rende a Feira Internacional de Arte Contemporánea Puro Arte de Vigo, na que expón como artista convidado unha gran instalación de dez das súas obras coas que conseguiu "o cadro infinito".

"O cadro infinito é un dos grandes retos para un artista abstracto, resultado dunha busca, aínda que moitas veces o que se fai é atopar", manifestou Caruncho, figura clave da abstracción construtivista, coa que intentou durante cincuenta anos expresar precisamente "a claridade e o enigma" do home como "ser esencialmente ansioso de infinito".

A instalación de Caruncho coa que Puro Arte recibe ao visitante é un "espazo fantástico, moi grande", máis de vinte metros por dez, cheos de cor, as cores primarias de Gropius, o fundador da Bauhaus: o vermello máis vermello, o amarelo puro, o azul, o branco e o negro.

Caruncho está feliz porque, como artista convidado, tivo ocasión de expoñer con total liberdade a obra que quixo: unha instalación de dez cadros de distinto tamaño (os pequenos de 1,20 metros e os grandes de 2,10), todos cas cinco cores e a mesma composición, un tecido pictórico de triángulos, que con mover un ou unha cor se consegue unha variación e que multiplicados todos por todos (en virtude dunha progresión alxebraica) permitirían ter "o cadro infinito". "Pero o que importa é a beleza da obra", engadiu. "A poesía na pintura é fundamental -afirmou-, que a obra teña humanidade e transmita un sentido espiritual do home".

Caruncho, arquitecto de formación e tamén escultor, evolucionou desde o cubismo inicial ao construtivismo, ao que se mantivo fiel desde os anos sesenta, cada vez máis depurado, case como unha atracción polo cadro que non tivese signos, o espazo en branco para expresar o esencial.

"Cos anos -dixo onte, día en que cumpriu 80- acadei moita máis liberdade, eu que sempre tiven a sorte de facer en pintura o que quixen. Agora, esa liberdade, no campo conceptual multiplicouse por moito, porque xa só me queda morrer, aínda que non penso facelo, porque me quedan aínda moitas ideas".

Tracking Pixel Contents