A arquitectura é cousa de todos
Pedro De Llano
Cinco anos despois, co cambio de goberno, algúns inxenuos fixemos chegar de novo á Xunta un documento no que se volvía a propoñer a fundación do IGA, un organismo tan necesario como accesible. Polas razóns que sexa non se nos fixo caso, e aínda que, lentamente, algo parece ter comezado a moverse na arquitectura institucional, non hai nada novo con respecto á formulación integral do problema.
Desde aquela pasaron moitas cousas en Galicia ás que o IGA puido ter colaborado de diverso modo: por exemplo, contribuíndo a debater, coa axuda de xente que levou a cabo experiencias similares noutros países europeos, significativos proxectos gobernamentais como o destinado á protección do noso bordo litoral ou o da Lei do Hábitat, freando con argumentos a irreflexiva fuxida cara adiante do goberno galego no ruinoso e absurdo proxecto da Cidade da Cultura?
Hoxe, ao inicio dunha nova quenda de pirotecnia electoral -cando saen ideas tan chuscas como a de meter un museo de arquitectura (galega) nun dos gloriosos espazos do Monte Gaiás-, debemos insistir unha vez máis na nosa humilde proposta. Non podemos desesperar da sensatez, por moita que sexa a tentación. Logo non é posible que en plena batalla, en medio da indesexable politización da nosa convivencia lingüística ou da urxente discusión sobre a hora de chegada do AVE, algún responsable político levante a vista e mire para outros asuntos nos que Galicia tamén se xoga o seu porvir?
A arquitectura é un elemento fundamental. É a orde dunha sociedade, da que toma a súa forma e á que lle dá forma. Expresa os seus valores e a súa identidade e sinala con claridade o seu futuro. A creación arquitectónica, desde a escala territorial ás máis pequenas edificacións, é unha actividade de enorme transcendencia para un pobo, e por iso temos dereito a coñecer os seus principios básicos, a poder apreciala e opinar dela. É imprescindible que a xente e os gobernantes aprendan a distinguir o que é e o que non é arquitectura, que comprendan que o deseño do seu medio é moito máis có resultado dunha simple operación construtiva e que a súa definición culta é o mellor para todos.
Facerlle sentir e entender á sociedade o valor da arquitectura é un traballo complexo que só pode ser abordado desde programas e institucións rigorosos e creados especificamente para isto, como o inestimable Proxecto Terra, dirixido a achegar a arquitectura aos rapaces de educación primaria e secundaria. Nada que ver con botar as mans á cabeza chormicando polas chapuzas que salpican Galicia, recorrendo a etiquetas como a do feísmo, un concepto cómodo e insubstancial que apunta ben lonxe da raíz estrutural do problema. En Galicia, onde xurdiron nos últimos tempos distintas institucións destinadas a cubrir as carencias de varios ámbitos da cultura (Centro Galego de Arte Contemporánea, Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais, Centro de Investigacións Lingüísticas e Literarias, Instituto de Estudos Económicos, etc.), tamén deberiamos ver nacer un Instituto Galego da Arquitectura e do Territorio. Unha institución que se ocupe de potenciar a investigación, o debate e a difusión das diferentes facetas da arquitectura, xunto ao desenvolvemento urbano e territorial, da paisaxe e de toda disciplina con ela relacionada.
Cómpre que as ideas dos creadores do noso espazo vital poidan ser confrontadas coa realidade, emparelladas con ela, e que ademais sexan contrastadas coas propostas da vangarda mundial, un camiño ideal para escapar do ensimesmamento. O debate é, despois de todo, parte da arquitectura. Práctica e teoría, palabras e actos, non poden existir independentemente.
Os arquitectos deben discutir as súas propostas cos seus colegas, cos destinatarios da súa obra, cos críticos e cos lexisladores que definen os límites da súa actuación, sen esquecer que ese debate non debe darse á marxe doutras disciplinas como o planeamento, as artes plásticas ou o deseño.
Trátase, en fin, de que os nosos gobernantes vexan a necesidade de crear dunha vez este imprescindible organismo cultural: un instituto que reforzaría a actividade da promoción arquitectónica da Administración, que incorporaría o noso país ao debate internacional sobre arquitectura, abríndolle o panorama aos novos arquitectos galegos, e que contribuiría a ligar este mundo aos cidadáns. Unha vía imprescindible para equipararnos á realidade europea.
Ben sei que esta non é unha proposta que poida atraer unha morea de votos, pero non dubido de que sería un paso decisivo para o progreso de Galicia. Ou non é isto do que se trata?
- Ya hay fecha de boda en Pasapalabra: 'Será el 21 de junio, no queda nada
- Así empezó Zara: las primeras dependientas reviven la tienda donde nació el imperio
- Las primeras trabajadoras idearon el nombre de Zara para aprovechar un rótulo ya fabricado
- La coruñesa Rosa rompe su silencio y denuncia lo que está pasando en 'Pasapalabra': 'No eres consciente
- Esta es la línea de bus que más emplean los jóvenes de A Coruña, y no es la de Marineda
- Cooperativistas de Xuxán: «Este es un modelo fallido, somos prestamistas de la Xunta»
- RTVE toma una decisión con respecto a Broncano: sacan de emisión 'La revuelta' el próximo martes
- Xunta y Concello de A Coruña postergan la negociación sobre la terminal de bus a abrir la intermodal