O derradeiro escrito de Castelao
No proxecto de catalogación da obra do insigne galeguista figura un discurso que elaborou no seu leito de morte
Carmen Villar | santiago
Mirou ben na súa casa? Talvez entre papeis aos que non lle dea importancia teña algunha obriña de Castelao. Precisamente un particular de Bos Aires que se enteirou de que a Fundación que leva o nome do galeguista está a desenvolver un proxecto de catalogación e dixitalización da súa obra tiña algo moi importante gardado vencellado ao autor de Sempre en Galiza. Tan importante que talvez sexa o derradeiro texto escrito polo debuxante e escritor galego.
Así o anunciou onte en Santiago a Fundación Castelao, cuxo presidente, Avelino Pousa Antelo, mantivo unha xuntanza coa conselleira Ánxela Bugallo para explicarlle os progresos do proxecto de procura e dixitalización da obra do rianxeiro. Neste intre calcúlase que máis ou menos a metade (unhas 1.600 das 3.000) das testemuñas que deixou o excelso galego, tanto en debuxo como escritas, están xa localizadas e convenientemente arquivadas. Algunhas son máis doadas de atopar, pero outras nin siquera se sabe que existen e poderían estar en calqueira fogar. Daí a importancia da colaboración dos cidadáns, a quen só se lles pide que deixen dixitalizar a peza que posúan.
Entre as obras, o vicepresidente da Fundación e director da investigación, o historiador Miguel Anxo Seixas, destacou un texto que o autor de Os dous de sempre escribiu no seu leito de morte no Centro Galego de Bos Aires.
Claro que o senlleiro personaxe, que onte tería cumprido 123 anos se aínda vivise, non sabía que hoxe se considera que deberon de ser as derradeiras verbas que deixaría sobre un papel.
Segundo explica Seixas, Castelao instituíu dúas datas máis para celebrar, o día dos mártires, en agosto, para lembrar a Alexandre Bóveda, e o 28 de xuño, porque Galicia votou o plebiscito que lle deu un Estatuto de Autonomía en 1936. Cada ano facía un discurso para ler nese día, mais nese 1950 non podería dalo porque estaba ingresado, así que o escribiu dende o seu leito no Centro Galego. Segundo Seixas, non puido nin rematalo pola súa man e a continuación tivo que dictarlla a outra persoa. Morrería pouco despois.
O día 28 de xuño deste ano cumpriranse 25 anos do traslado dos seus restos a Galicia. Agora repousa a carón de Rosalía no Panteón de Galegos Ilustres.
Texto de Castelao
"Eu conservaba un testamento antigo, escrito en galego, no que o testador declaraba estar san de corpo e de alma, sen ningunha door física que lle quitase o entedimento e o xuicio. Non é que agora lembre aquel testamento porque queira deixar fé da miña vontade para que dispois de morto non haxa contenda sobor dos meus bens, pois nin teño fortuna nin penso que a miña enfermedade sexa mortal. Eu non podo morrer agora porque aínda teño moito que facer e a miña vontade de vivir val tanto ou máis que as menciñas dos médicos. Non; eu lembro aquel testamento porque son escravo dunha door física que dende fai máis de catro meses non me permite coordinar ben as ideais. Non podo, pois, escrebir un mensaxe diño da hora prseente. Aseguro que nunca na miña vida tiven tanto que dicir e tantos desexos de decilo; pero non podo ordear a materia que dentro de min rebule. E tempo chegará para falar como é debido".
- La apertura de la pasarela con acceso para coches sobre la intermodal de A Coruña está prevista para 2030
- El baile de Os Mallos es «la mejor medicina» vecinal
- Julio Llamazares, en A Coruña: «España será normal cuando se hable de la Guerra Civil como un pasaje histórico»
- 0-5 | El Fabril sigue los pasos del Deportivo
- El portero uruguayo de Lugo que triunfó en Córdoba y ni debutó en el Deportivo tras un roce Arsenio-Jorge
- El superyate de 80 metros de eslora de un magnate estadounidense recala en el puerto de A Coruña
- Clara González, adiestradora de Arteixo: «En la adolescencia, los perros sienten tanto que a veces olvidan lo aprendido»
- Los tres mapas con el pasado de las rías de A Coruña, Ares-Betanzos y Ferrol: un tesoro al descubierto