Cara o final de Os bicos de Tina (Central Literaria), a protagonista feminina admite que, cos anos,"hipotecas a persoa a un amor que non existe". Fala unha muller madura a piques de atoparse de novo co amor platónico da súa vida, o mesmo que abandonou de nova por un futuro de cartos en Barcelona. Afonso Eiré (Chantada, 1955), o autor, desdobra a narración en monólogos poñéndose na pel desta muller, Tina, e do seu iniciático amado, Daniel. Cunha referencia aos xoguetes dun tempo prohibido, Eiré plasma o espertar sexual de dous nenos nunha aldea, nun tempo de papel.

-Vostede, como eles, quedou marcado por un amor idealizado de pequeno?

-Non, non fun de amoríos eu, nin de amores platónicos. O meu irmán si que era máis así.

-Daniel, o protagonista masculino, ten algo de vostede?

-Non ten nada de min, se cadra ten o contexto (o rural galego). Eu tiven que marchar a estudar fóra con dez anos ao seminario e non puiden ter no internado as relacións de Daniel e Tina. Por outra parte creo, que Tina tampouco ten moito de min (risos).

-Logo, onde naceu Os bicos de Tina?

-Partiu de dúas cousas. Primeiro, apetecíame un rexistro novo, unha novela de amor que non é politicamente correcta, senón bastante diferente ás que existen. Tamén partiu dun informe dun profesor italiano que criticaba que os nenos están cada vez máis constreñidos xa que mesmo os parques a onde os levan están pechados e vixilados. Eu quería propoñer un marco de liberdade para os rapaces sen esa vixilancia desde que se levantan ata que se deitan.

-Contrólase demasiado os nenos?

-Están controlando o seu medo afectivo. Os pais teñen medo a que caian, se manchen, a que pensen e iso non é só aos 7 ou 8 anos. Hai rapaces que os van buscar ao colexio con 14 ou 15 anos. Hai unha sobreprotección dos nenos limitando a súa vida afectiva e cando son grandes son incapaces de levar esa vida afectiva de maiores. De aí veñen os fracasos nas relación? Todo vén da infancia, da falta de liberdade para medrar.

-Cambiemos de tema. Neira Vilas sinala que a literatura galega está nun periodo florecente.

-Eu levo moitos anos oíndo que estamos no mellor momento da poesía, da literatura. É difícil medilo no momento cando só se pode avaliar con perspectiva histórica. Falta sobre todo un público que poida darlle sustento a esta literatura.

-Por outra parte, están os datos do INE sinalando que a edición de títulos en Galicia aumentou un 58% en 2008.

-Os datos do INE eu creo que non son verdade. En realidade, son moito máis baixos e ficticios porque moitos libros son institucionais e isto pode distorsionar moito a percepción da realidade editorial galega. Non estamos na mellor etapa de vendas. Non se pode dicir que o sector estea florecente.

-Se cadra a literatura galega se sustenta de máis nos libros recomendados nos institutos.

- Efectivamente, os libros recomendados están ben pero non podemos basear unha literatura nos centros de ensino, sobre todo cando se fan libros adhoc para que se lean neles. Isto non é construír a base dunha literatura nacional. Habería que priorizar as bibliotecas, poñer en valor o libro galego e que os medios privados tamén xoguen un papel fundamental no espallamento da literatura.

-Que futuro lle ve ao galego?

-O galego será o que queramos os galegos. Se queremos prescindir do noso xeito de ser o galego non terá futuro, pero se non ten futuro o galego, non temos futuro tampouco economicamente. O galego marca as ideas que nos permite estar no mundo de xeito diferente, que haxa sectores punteiros. Defender o galego non é só defender o sentimento senón tamén unha economía nosa, autocentrada, unha maneira de estar no mundo e de estar en igualdade e non de xeito subordinado. A importancia do idioma é económica, non sentimental.