17 de abril de 2009
17.04.2009

Los Calchakis, un conxunto de referencia para a música andina

O selo discográfico Harmonia Mundi vén de sacar ao mercado unha obra que recolle dous discos da traxectoria dun grupo que realizou máis de tres mil concertos na súa carreira

17.04.2009 | 02:51
De pé, de esquerda a dereita, vemos a Enrique Capuano, Héctor Miranda e Sergio Arriagada. / harmonia

Héctor Miranda é o líder do grupo Los Calchakis, do que foi membro fundador no xa lonxano 1960. Foi a mítica cantante e compositora chilena Violeta Parra á que lles serviu como carta de presentación para os directivos da discográfica que os ficharon no ano 1966 para gravar a súa ópera prima. Ao longo de case cinco décadas de carreira, Los Calchakis foron quen de acadar vendas que supuxeron o recoñecemento do Disco de Ouro en países como Francia, España e México, e deron máis de tres mil concertos nos teatros máis sobranceiros dunha manchea de nacións. Nestes anos chegaron a vender máis de dous millóns de copias. O arxentino Miranda é o director artístico do conxunto e o chileno Sergio Arriagada exerce como responsable da realización musical. Completan o grupo os arxentinos Enrique Capuano, Alberto Rodríguez e Aldo Ariel.


A distribuidora Harmonia Mundi vén de editar un álbum dobre da formación que recolle dúas obras agrupadas da banda, tituladas Savanes et hauts-plateaux e Danse avec le condor. Lembremos que os compoñentes do conxunto deberon fuxir da súa terra por mor da ditadura e emigraron a Francia, un país de acollida permanente para eles, que seguen a residir nesa terra. Savanes... foi gravado no ano 2000 e Héctor Miranda salienta que nese traballo "quixemos saír un chisco da cordilleira andina e decidimos ocupar outro espazo xeográfico e cultural, o da capital arxentina, e catro pezas ilustran esa nova achega". O folclore de Bolivia, Venezuela Ecuador e Chile tamén están representados no álbum. Para esta obra empregaron dezasete instrumentos tradicionais, entre eles diversas frautas (de caña, pan e madeira) e outros instrumentos de vento, característicos na traxectoria e personalidade da formación.


Por outra banda, Danse avec le condor constitúe o cuadraxésimo cuarto disco da banda, "e antes de gravar o que fago sempre é definir un concepto. Así xurdiu a idea de facer unha obra que se poida escoitar ou bailar, segundo se desexe. Case toda a música andina se baila, pero en moitos países europeos é máis doado facelo sobre ritmos binarios e por iso metimos catro temas con eses parámetros", sinala Miranda. No CD están incluídas mostras do folclore de Arxentina, Bolivia, Cuba, Colombia, Perú e Panamá. É chamativa a versión que realizan do popular Sólo le pido a Dios, canción composta polo cantautor arxentino Leon Gieco que en España popularizou Ana Belén. Tamén incorporan unha revisión da coñecida El cóndor pasa.


Los Calchakis mesturan temas cantados con instrumentais e, para o meu gusto, son estes últimos os que ofrecen un maior nivel musical.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook

ESPECIAL

PREMIOS OPINIÓN MÚSICA RAÍZ

Premios Opinión da Música de Raíz

Consulta aquí a información dos premios de música do noso diario