05 de julio de 2009
05.07.2009
Escritor

Bernardino Graña: "É moi difícil vivir entre imbéciles e escuros"

"Hai séculos que a lingua galega corre perigo, sobre todo pola ignorancia e pola preguiza mental", afirma o escritor cangués, que vén de ser elixido membro da Real Academia Galega

05.07.2009 | 05:15
O escritor, na súa casa coruñesa.

Aos 76 anos vén de ser elixido numerario da Real Academia Galega. Foi proposto polo seu amigo Ferrín e máis por Ramón Lorenzo e Francisco Fernández Rei. Nunca é tarde, admite. Bernardino Graña (Cangas do Morrazo, 1932) xa ten pensado o discurso de entrada que fará. Falará das súas orixes, da tasca familiar onde se criou, das xentes que entraban e saían, do seu tío mariñeiro, dos seus amigos, da xente que coñeceu... Mais non resulta sempre doado manter unha conversa co chamado 'poeta do mar'. Tende a irritarse e, nun arrebato de ira falando da súa obra durante a entrevista, érguese e arrastra ata o chan os libros dun estante

"Estou eivado", queíxase Bernardino Graña mentres posa para o fotógrafo. Esaxera. Deféndese, aínda que lle costa certo esforzo mover o brazo e a perna dereitos e fala con algunha dificultade.

Esixe que a entrevista se publique en galego: "Moitas veces traducen as entrevistas", protesta, "mesmo a Beiras", di o escritor na súa casa coruñesa do monte da Zapateira, un adosado impersoal e case baleiro desde o que non se ve o mar, tan presente na vida e na obra de Bernardino Graña.

-Parabéns, vén de ser elixido académico da Galega, nunca é tarde?

-Nunca é tarde, hai que saber esperar. Antes estaba en mellor forma, claro. Os propios académicos recoñeceron que xa era hora, por fin.

-Fíxolle ilusión?

-Claro que me fixo ilusión.

-Quen o propuxo?

-Xosé Luís Méndez Ferrín, Ramón Lorenzo e Francisco Fernández Rei.

-Xa ten pensado o discurso de entrada na RAG que fará?

-Si, falarei da miña orixe, de Cangas, de Arbo, o mar, a xente que coñecín. Tiven a sorte de criarme na tenda tasca da miña tía e madriña e da miña avoa, co meu tío Emilio, que era pescador, coa xente toda da tasca que viña, entraba, saía, falaba, berraba; os rapaces, os amigos.... Ás veces cabréome e ao cabrearme enténdeseme mellor.

-O pasado 17 de maio foi a Santiago a manifestarse a prol do galego.

-Normal.

-Pensa que o galego corre perigo nestes momentos?

-Hai séculos que corre perigo pero seguimos na mesma loita, sobre todo pola ignorancia que hai. Por un lado dise que os nenos que se crían desde pequenos inmersos en dúas linguas aprenden moi ben os idiomas e teñen a mente aberta a moitas linguas. E, por outro lado, hai xente que di que só unha lingua. Iso é preguiza mental.

-A Academia vén de denunciar que se está a dresprotexer a lingua desde o Goberno actual, vostede é da mesma opinión?

-Está desprotexida. O Goberno parece que quería desprotexela, non sei se o vai facer. Pode ser que aínda non saiba que facer.

-Vostede impulsou -e presidiu- a Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG). Sempre tivo unha preocupación pola lingua?

-Como non preocuparse pola lingua? É totalmente normal, que misterio hai niso?

-Unha das persoas que o propuxo para a Academia é Ferrín. Con el estivo na formación do grupo Brais Pinto en Madrid, nos anos cincuenta.

-Con Ferrín e con Ramón Lorenzo. Non se podía estudar en Galicia Filosofía Románica e tivemos que ir a Madrid. Coñecímonos varios que estabamos desprazados, uns traballando, como Bautista Álvarez, como Reimundo Patiño, César Arias... Nós eramos estudantes: Cribeiro, Herminio Barreiro, Ferrín Ramón Lorenzo e máis eu.

-Como xurdiu a necesidade de crear ese grupo?

-Vamos a ver (sic). Nós somos galegos, temos que ir a Madrid porque non temos maneira de estudar aquí. Estamos en Madrid, no centralismo, como non imos reaccionar? É unha risa. Xuntámonos, normal, non?

-Eran nacionalistas?

-A que lle chamará vostede nacionalismo? Nacimos na nosa nación, nacimos aquí e estamos obrigados a ir alá, acordámonos de Galicia estando en Madrid... Iso é nacionalismo? Eu que sei, eramos galegos, somos galegos.

-Vostede pertenceu á UPG?

-Non sei se fun, creo que si.

-Que lle pareceu a experiencia do goberno bipartito?

-Que me pareceu a experencia do goberno bipartito? Que vou dicir? Eu son literato, son escritor.

-Vostede estudou en Vigo no instituto Santa Irene, vivía en Cangas e todos os días collía o barco para ir a clase, como recorda esa etapa da súa vida?

-Estudei o Bacharelato na academia do meu pai en Ribadavia e aos 14 anos, en cuarto curso, vivía en Arbo, a tres kilómetros de Cangas; levantábame ás sete da mañá e iba andando, inverno e verán, a Cangas para coller un daqueles barcos de madeira que cruzaban a ría. Ata que unha irmá da miña madriña casou en Vigo e tiña casa alí, porque o seu marido era músico da banda municipal, e vivía en Vigo de luns a sábado. O sábado había que ir ao instituto, a rezarlle a María!!!

-Con quen estudou?

-Con Gustavo Docampo, que morreu hai pouco. Gustavo Docampo era o máis memorable.

-Tiña bos profesores?

-Excelentes, magníficos profesores: de física e química, de inglés, de ciencias... Eu era moi bo alumno de ciencias e de física e química. E sen necesidade de libro! Pero por que non me pregunta algo de literatura?

-Xa se andará. Traballou como profesor en institutos de toda España, onde viviu?

-En Luarca, en Castellón, na provincia de Granada, en Molina de Aragón, en Guadalajara, cinco anos en Tarragona, en Zaragoza, dous anos en São Paulo...

-Pasou moitos anos fóra de Galicia, entón.

-Normal, é emigración, eu fun tamén emigrante buscando sustento.

-Tivo bos alumnos?

-Algúns son catedráticos de universidade, como o escritor Anxo Angueira, ou María Antonia Prats, catedrática en Barcelona, por exemplo.

-En Cangas era veciño de José María Castroviejo, tiñan moita relación?

-Ao principio eu era moi novo daquela e estabamos un pouco distantes pero despois fomos compañeiros, colegas. Tiven a sorte de presentalo como conferenciante en Tarragona. Tomabamos viños xuntos, comentabamos cousas da vida, falabamos de literatura, mirabamos o mar...

-O mar sempre estivo moi presente na súa vida e na súa obra. É considerado 'o poeta do mar'.

-Eu que sei! Eu trato de entender o mundo e ver as marabillas que hai. Dáme a risa... poeta do mar, poeta do amor, da amizade, do viño... A xente ten casi sempre a cabeza pequena, cábenlle poucas cosas.

-Non lle gosta ser chamado 'poeta do mar'?

-Dáme risa. Teño algún libro -un, dous, tres ou catro libros- donde sae o mar... que é iso de gostar? Non me gostan as limitacións da xente, chegan a cabrearme (érguese e tira ao chan libros seus).

-Bota de menos no mar aberto da Coruña o mar da ría de Vigo?

-Cando quero ver o mar bravo en Vigo vou a cabo Home e a Donón. Aquí, vexo o mar bravo en Riazor.

-Góstalle vivir na Coruña?

-Góstame Vigo, góstame A Coruña, góstame París, góstame Londres, góstame Río de Xaneiro...

-É unha persoa relixiosa?

-Iso de ser é un verbo que expresa permanencia. Unhas veces un é e outras é outra cousa. Cando un vai vivindo vai cambiando. Un está ou non está. Ser non son e estar podo estar. A min góstame o fútbol, fun vendo como futbolizan á xente e lle meten o balón no cerebro e xa non son forofo do fútbol. A miña familia era tremendamente católica e mentras dependía dela tiven que ir a misa e a procesións pero logo fun independizándome.

-Escribiu poesía, novela, teatro, contos para nenos, con que está máis satisfeito?

-Vostede ten fillos? Máis dun? Os libros son como fillos meus. Escribín relatos, teatro, poesía...

-Esquecería algo da súa obra?

-Nada.

-Segue a escribir moito?

-Agora ten que saír No castelo de Marbel (amosa as galeradas coas ilustracións).

-É un conto infantil?

-Eu que sei! Ten que saír tamén unha peza de teatro, Con Franco nun armario, é a peza premiada co Estornela da Fundación Neira Vilas en decembro. Tamén están pendentes de saír, e xa están nas editoriais, Tres titiritadas, Xan Guindán e Albertiño o seu irmán e Vinte Cantigas de escarnio e un poema esperanzado.

-Volve ás cantigas?

-As Cantigas de escarnio forman parte da lírica medieval galego-portuguesa, non son miñas.

-Non é unha versión libre como a que fixera con anterioridade das Cantigas de Santa Maria?

-As Cantigas de Santa María, de Alfonso X O Sabio. Si, están pasadas polo meu alambique.

-Non para de traballar.

-Hai que facer ou morrer. Non podo falar dela porque a vou presentar a un premio. Hai outra novela á que teño que cambiar algo antes de publicala, sobre Xesús. E María e Xosé, que eran persoas, dábanse bicos e tiñan fillos.

-Vostede ten un fillo moi novo.

-Teño un fillo de 17 anos e unha medio filla, porque en galego hai medios fillos, sabíao?

-Como alterna os xéneros literarios, escribe varias obras ao mesmo tempo?

-Ás veces escribo varias cousas á vez. Hai que rematar un, empezas outro, acórdaste de que tes que perfeccionar o primeiro e volves...

-Que é o máis gratificante?

-Crear, coller un bo tema, por exemplo nunha novela, e loitar por seguir adiante, perfeccionala. Podo estar dous anos con ela madurándoa, metendo un novo personaxe, un novo diálogo... O gratificante é sempre crear.

-É máis doado chegar ao público infantil?

-Agora estase vendendo a miles Rata linda de Compostela, hai rapazas que a saben de memoria. É gratificante que veña unha nena e recite fragmentos ou veñan con debuxos de pasaxes do libro.

-En poesía, que temas lle motivan máis?

-Motivos marabillosos como o marrr, a mullerrr, os fillos, esas cousas marabillosas que temos na vida.

-Como vive a enfermidade?

-Vou tres días á semana a recuperación, procuro hacer exercicios para que o brazo e a perna dereitos sirvan para algo.

-Que lle parece que a Academia elixira a Novoneyra en lugar de Carvalho Calero para o próximo Día das Letras Galegas?

-Outro ano levará Carvalho a honra, agora conviña Novoneyra, que ten poemas preciosos e acenden o amor a Galicia.

-Hai quen pensa que Ramón Piñeiro non tiña acreditada unha obra suficiente para tal honra.

-Si e non. Piñeiro traballou por Galicia e hai que recordar á xente que traballou por Galicia. É moi dificil vivir entre imbéciles e escuros. Sabe de quen é iso? Está no himno, é de Pondal. O bipartito fixo o que puido.

-Parécelle que Galicia é un país de imbéciles e escuros?

-En Galicia hai moitos imbéciles e escuros. Pero hainos tamén en Madrid, en Castela, en moitas partes do mundo. É o que abonda, non somos todos.

Bernardino Graña (Cangas do Morrazo, 1932) foi catedrático de Lingua e Literatura en Secundaria, até a súa xubilación en 1991. Foi articulista de La Noche e de Faro de Vigo, ademais de colaborar como ensaísta noutras publicacións. En 1958 participou na creación do grupo Brais Pinto en Madrid e foi impulsor e primeiro presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega.

A súa produción literaria abarca todos os xéneros: poesía, teatro, narrativa e contos infantís. Na creación poética salientan os títulos Poema do home que quixo vivir (1958), Profecía do mar (1966), Non vexo Vigo nin Cangas (1975), Se o noso amor e os peixes (1980, Premio Galicia do concello de Santiago), Sima-Cima do voar tolo (1984), Himno verde (1992). En teatro publicou Vinte mil pesos crime (1962), Sinfarín contra don Perfeuto (1975) e Os burros que comen ouro nunca cabalos serán (1992), co que gañou o Premio Abrente de Ribadavia 1979.

Como autor de narrativa infantil é autor de O león e o paxaro rebelde (1991, Premio de Contos para rapaces O Facho), Fins do mundo (1974), Planeta dos ratos tolos (1990), Xan Guindán, capitán (1991), Oso mimoso (1992), Namoro de lobo Pipo na escola de don Perico (1992), O gaiteiro e o Rato Pérez (1994, Premio Merlín 1993), Xan Guindán, mensaxeiro (1994), Cristo e San Pedro, peregrinos (1994), Rata linda de Compostela (1994), O lobo e o grilo (1995), Contra o león covarde (1995), Xan Guindán e os Salvaxes (1995) e O quirico lambón (1997). En 2006 gañou o premio Eixo Atlántico de narrativa coa obra Protoevanxeo do neto de Herodes.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook

ESPECIAL

PREMIOS OPINIÓN MÚSICA RAÍZ

Premios Opinión da Música de Raíz

Consulta aquí a información dos premios de música do noso diario