O Concello de Ortigueira, a través da Fundación Ortegalia, difundirá as andanzas do célebre bandoleiro de Grañas do Sor Mamede Casanova, alias Toribio, nunha ruta pola comarca para a difusión do patrimonio etnográfico e histórico. A iniciativa, que onte difundiu o propio municipio a través dunha nota de prensa, desenvolverase o próximo 26 de agosto nunha ruta guiada polo municipio que percorrerá "os puntos clave da historia persoal e as andanzas do foraxido".
A súa casa natal, na parroquia de Grañas do Sor, no municipio coruñés de Mañón, os escenarios que frecuentaba e as distintas reitorais que arrasou "non sen crueldade" protagonizan este camiño vital polas andanzas do bandoleiro ortigueirés, convertido en mito popular e mediático nos primeiros anos do século XX.
Entre outros delitos, este foraxido foi acusado de asasinar a criada do cura, polo que foi condenando no penal de Ortigueira, de onde fuxiu.
Escritores como Ramón del Valle-Inclán e Miguel de Unamuno fixéronse eco das súas andanzas e tachárono de bandoleiro cabaleiresco nos seus escritos literarios.