Amadou naceu en Douenza, unha localidade que está a 800 quilómetros de distancia de Bamako, a capital do país, cidade na que veu á vida Mariam. Ela comezou a ter problemas coa visión de cativa e aos seis anos quedou cega e Amadou desprazouse á capital para tentar solucionar a súa enfermidade, pero os doutores non o lograron e perdeu completamente a vista. A música foi o seu refuxio, especialmente a guitarra eléctrica, coa que construía cancións e que lle serviu para ser fichado polo grupo Ambassadeurs du Motel.

Tempos máis tarde xurdiu o convite do responsable do Instituto para mozos invidentes de Bamako para que fose o director musical da institución e alí escoitou por primiera vez a voz de Mariam e quedou engaiolado, primeiro pola súa intensidade vocal e posteriormente pola súa persoa porque anos máis tarde a parella decidiu casar. Vendo as súas biografías quizais estaban predestinados a vivir xuntos e tamen compartir escenarios polo mundo adiante. Dende o seu debut discográfico esta parella conseguiu facerse cunha boa reputación e foi escalando chanzos no mundo da worldmusic ata ser unha das propostas que máis chamou a atención nos últimos tempos, o que lles permitiu realizar concertos en moitos festivais. O disco recompilatorio que se vén de editar no mercado español titúlase The Magic Couple (A parella máxica) e inclúe temas das tres primeiras obras dos artistas, aínda que de Wati (2001) só aparecen un par de cancións, sendo Sou ni tile (1997) e Tje ni mousso (1999) os álbumes escolmados para a escolla, xa que son trece os temas incluídos deses traballos.

Dez pezas compostas por Amadou e cinco pola súa parella conforman un CD que ofrece unha boa mostra do tipo de música elaborada polos malienses. Á fusión que preconizan chámanlle afroblues e guitarra eléctrica, baixo e batería son o alicerce sobre o que gravitan as voces do dúo, que teñen acompañamentos doutros instrumentos, entre os que cómpre salientar sobre todo o órgano Hammond que aparece en dez temas, e frauta, harmónica, instrumentos de metal e ata a zanfoña de Valentin Clastrier nunha peza.

Este recompilatorio consegue algo complicado, posto que ningunha das cancións ten desperdicio e todas dan, como mínimo, un bo nivel onde o dúo amosa o porqué do seu éxito, xa que saben dotar de sabor africano á proposta sen esquecer nunca o toque que os aproxima ao mundo occidental e iso sae en todo momento con naturalidade absoluta. Ademais teñen dous temazos, Combattants e Chantez-chantez, dentro dun repertorio que non decae en ningún momento e ofrece solidez. A única chata sería que houbese algún destello máis de brillantez absoluta para acompañar aos dous temas anteriormente mencionados.