Lizgairo é un grupo atípico no panorama dos conxuntos debutantes, posto que asociar ese cualificativo a músicos renomeados como Rodrigo Romaní, Anxo Pintos e Xosé Liz resulta moi estraño por mor dos seus anos de actividade no eido do folk.

As expectativas xeradas entre o público eran altas coa saída ao mercado da súa ópera prima e a recepción resultou moi positiva, e máis se temos en conta que Diacronías lles valeu para se adxudicar o PREMIO OPINIÓN ao mellor álbum de folk galego do ano pasado, algo que non esperaban segundo comentan nesta entrevista, na que tivemos como interlocutor a Xosé Liz, un dos compoñentes dunha formación nova pero xa moi sólida nas súas propostas musicais.

-Logo de pasados bastantes meses xa se poden facer valoracións sobre a súa primeira obra, Que tal lles funcionou o disco?

-Temos unha moi boa valoración, principalmente porque non non esperabamos que un disco fundamentalmente de música instrumental tivese a repercusión mediática e da crítica que logrou Diacronías. Fixemos este grupo coa intención de tocar en interiores e non en grandes festivais ao aire libre. Esperabamos realizar cousas máis íntimas e reducidas e abraiunos poder acadar todo o que foi xurdindo dende a saída deste traballo, xa que cada vez existe unha maior demanda para tocar. O mundo da música ten estes paradoxos, ás veces preparas algo máis gordo e a repercusión non chega ás túas expectativas e outras veces con algo máis pequeno es quen de chamar máis a atención.

-Esa repercusión da que fala pode facer variar o vieiro marcado nun comezo?

-Non, o noso camiño está bastante marcado e ademais cómpre decatarse que os espazos temporais para facer as cousas están aí presentes e nós debemos centrarnos nun calendario fóra do verán porque os tres compoñentes temos os nosos proxectos á parte de Lizgairo e queremos seguir con eles. Podemos dicir que con esta banda queremos seguir unha andaina máis relaxada a nivel escenográfico.

-Entón poderían tocar bastante máis do que o fan.

-Non fixemos todo os que nos demandaban. Como xa indiquei temos o mal no noso xerme, estamos en moitos proxectos, coa orquestra SondeSeu, a rede de orquestras europeas, na escola musical E-trad, e moitas veces aparecen calendarios que se cruzan e perdimos actuacións por motivos de axenda. A verdade é que a demanda superou as nosas expectativas. Agora abriremos novamente contratación para o inverno.

-Están xa compoñendo novo material?

-Si, estamos a facer novas pezas. Eu son o máis novo do grupo e pensaba que non sería o máis conservador, pero os que teñen o formiguiño no corpo son os meus compañeiros, especialmente Rodrigo que sempre quere estar a renovar o repertorio do grupo. Eu tiña en mente alongar un chisco máis o repertorio, pero el quere que o grupo teña frescura, facer arranxos diferentes e procurar pezas novas e iso está moi ben.

-No seu disco aportan dúas pezas cantadas por Chisco. Como se van formular no futuro a aparición de cancións na súa obra?

-Seguirá a ser algo secundario na nosa estrutura musical. Nas colaboracións aínda non temos moi decidido como afrontar o anos vindeiros. Ata o momento contamoscon Begoña Riobó no violín, con Isaac Palacín na percusión e co propio Chisco. O que suceda no futuro tamén dependerá deles. O fundametal é que facemos música a trío e logo realizamos unha reflexión sobre instrumentos que, de xeito puntual, nos poden vir ben para o material que temos montado.

-O ano pasado houbo unha eclosión de formacións de trío no noso país e estase a revelar como un formato con suficiente atractivo para o público. Que reflexión realizan sobre este feito?

-Este tipo de proposta é como navegar un chisco contracorrente, pero goza, como non, do seu lado positivo. O peso da nosa obra céntrase no instrumental e facéndoo con formación de trío o que acontece é que debes coller moita responsabilidade como solista e nós temos un repertorio bastante esixente. Nese senso somos un grupo que denmanda bastante esixencia artística de cada un de nós. Pero non cabe dúbida que é unha faceta moi interesante para un músico pasar nalgún momento da súa traxectoria por unha opción de formato pequeno porque iso vaille facer traballar motísimo no seu instrumento e no xeito de facer as cousas. Toda esa bagaxe que se adquira servirá, nun momento dado, para chegar a ter múltiples solucións á hora de afrontar traballos que teñan que ver coa música tradicional.

-Malia ser un grupo novo, falamos duns músicos con experiencia abondosa e foron recibidos polo público como un conxunto xa veterano. A verdade é que contar con Anxo Pintos e Rodrigo Romaní soergueu unha gran curiosidade polo que ían realizar.

-Son músicos con moita historia no folk galego. Se me poño no lugar da xente diría que vou escoitar un pouco a mestura de Anxo berrogüetto . Rodrigo milladoiro e iso ten un atractivo grande para os que se moven neste mundiño do folk. Eu navego entre esas as dúas augas. Está claro que o seu xeito de facer á hora de abordar unha peza está presente e non se pode borrar o seu estilo musical, pero o que creo que conseguimos é que Lizgairo tivese unha personalidade diferente á dos grupos nos que militaron ou nos que traballan actualmente.

-Están xa cismando no que será o seu segundo álbum?. Haberá unha continuidade no estilo do grupo ou pode aparecer algunha proposta nova?

-O reto é acadar diferentes fronteiras dentro da mesma fórmula instrumental. Interésanos fuxir de cousas xa plasmadas noutros temas. Escoitando o noso debut discográfico, e aínda que sempre se ouven arpa, zanfona e bouzouqui, quixemos aplicar arranxos distintos e que a perspectiva dende a que se aborda cada tema sexa diferente. Nese senso imos continuar xirando nesa roda, o que daremos son outras perspectivas diferentes, e quizais fusionar estilos novos. Un sempre está aberto a incorporar certas variacións dentro do xa coñecido.

-Como recibiron acadar o PREMIO OPINIÓN ao mellor disco folk do ano?

-Valoramos que son os únicos galardóns que existen e resultou un honor merecer esa distinción. Non esperabamos acadar o primeiro lugar con Lizgairo, críamos que os designios da crítica mirarían para outras propostas. Na actualidade resulta un pouco rara unha opción pola música instrumental porque a xente semella sen tempo para poñerse a escoitar corenta minutos de música dese tipo. No concerto que pecha a cerimonia de entrega dos premios estaremos acompañados por Isaac Palacín na percusión e ao mellor facemos algo especial para ese día, pero non diremos nada e que así constitúa unha surpresa para todos os presentes.