13 de diciembre de 2009
13.12.2009
La Opinión de A Coruña
Ingresa na Real Academia Galega

Manuel Rivas entra na Academia cunha invocación ao coruñesismo republicano

O escritor e xornalista coruñés repasa as súas lembranzas na cidade nun poético discurso titulado 'A boca da literatura. Memoria, ecoloxía e lingua'

13.12.2009 | 01:00
Manuel Rivas recibido entre aplausos a súa entrada no Paraninfo da Universidade da Coruña

Manuel Rivas Barrós xa é membro numerario da Real Academia Galega. O xornalista e escritor coruñés, nado no 1957 no barrio de Montealto, ingresou onte na institución cun acto que se desmarcou do convencional nun concorrido Paraninfo da Universidade da Coruña.

Tras a introdución do presidente da RAG, Xosé Ramón Barreiro, e despois de que o secretario, Manuel González, dese lectura ao acta do acordo de admisión de Manuel Rivas, os dous membros máis recentemente incorporados á Academia, Margarita Ledo e Ramón Villares, foron buscar ao protagonista, a quen a sala recibiu en pé e cun sonoro aplauso. "A entrada foi como se saltase ao campo o deportivo", describiría posteriormente un dos asistentes ao acto.

"Os poetas cantaron ao toxo porque teñen o don de mirar con agarimo aquilo que moitos ignoran (...) En lugar de silencialo como unha vergoña nacional ou de maldecilo como a expresión vexetal do atraxo, deberíamos levar aos turistas aos montes do toxo...", escribía Rivas en Unha espía na lingua. E nesta ocasión non quixo deixar de portar esa alegórica poliña de toxo da que hai anos que se acompaña con frecuencia, moi en consonancia cunha das principais reivindicacións que vertebraron o seu discurso: "arrincar a tradición do conformismo".

Os cortinóns descorréronse no Paraninfo da Universidade por expreso desexo do máis novo -por data de ingreso e por idade- dos académicos, que quería que se vise o mar, e que desexaba tamén que, durante o acto no que a Academia o acollía, pasara algún barco. Non deixaron de pasar barcos. E gaivotas. O desexo que Rivas non puido ver cumprido foi que a celebración tivese lugar no cárcere da Coruña, algo que, como explicou Barreiro, non foi posible e polo que pediu desculpas ao benxamín dos integrantes da institución que pronto deixará de presidir.

O cárcere coruñés foi unha das localizacións que Rivas evocou no seu percorrido pola parte da súa memoria que atinxe á cidade que o viu nacer, no que incluiu o cemiterio de Santo Amaro, protagonista dunha das anécdotas coas que Rivas arrincou a gargallada dos presentes, ao igual que aconteceu coa exposición da súa teoría de que "os celtas morreron electrocutados"; a Prisión Provincial, a Torre de Hércules, ou "o faro", que identificou como "campo de xogos da súa infancia" e o Campo da Rata, ao que o escritor se referiu como "o lugar do crime, do maior crime da historia da cidade e posíbelmente da historia de Galicia". Promerorizou máis Rivas no relato da súa memoria: "Estirpe do libro, a estirpe da luz, a estirpe da dorna dos libros, A Coruña solidaria, A Coruña dos ateneos, as bibliotecas e as escolas racionalistas, A Coruña das Irmandades da Fala e do Despertar Marítimo, das casas-xardín do socialista Maceda, das casas-barco de Caridad Mateo, en fin, esa Coruña ilustrada, urdida como 'realidade intelixente' foi violada e fanada polo fascismo triunfante. Gran parte dos libros foron queimados, roubados e mesmo declarados prisioneiros no Pazo da Xustiza. Aquel era o lugar do silencio mudo. Alí non chegara a boca da literatura para levedar a memoria".

Fixo xornalista e escritor unha emotiva lembranza á súa xa falecida irmá maior, María, e ao tamén desaparecido pintor coruñés Reimundo Patiño, "un grande artista". Asimesmo, o académico entrante non esqueceu ao que adoitaba ocupar a cadeira que agora lle foi concedida a el: "Oxalá fora posíbel unha especie de rito de contaxio e un herdase a alma da cadeira, ese don da ollada fértil e da man sincera de Camilo González Suárez-Llanos, Camilo Gonsar".

Entre as lembranzas de Rivas na Coruña ten o seu oco tamén Luz Pozo Garza, "que é luz no mester poético e foino no ensino, no meu bacharelato no instituto coruñés de Monelos", a quen agradeceu, como tamén fixo con Xosé Neira Vilas e con Xosé Luis Axeitos, "a condición de vigairos ou heraldos que levaron a proposta do meu ingreso ao plenario da Academia". E agradeceu tamén á Academia "o agasallo da súa confianza", que el asegurou recibir como "unha encomenda de responsabilidade e de compromiso na tarefa de defender, cultivar e espallar o idioma, o patrimonio e as expresións culturais de Galicia. Ser adaíl, un máis, na loita do re-existir".

"Que fixo a memoria para que puidese re-existir a boca da literatura galega? Diso trata o meu relato de hoxe", dixo o recén conviertido en académico dun "relato" que artellou en "círculos", que titulou A boca da literatura. Memoria, ecoloxía, lingua e ao longo do cal afirmou que, nos últimos tempos, se difunde "unha idea equivocada da memoria".

Rivas voltou a mirada no seu discurso a un libro que adoitaba poboar o escudo da cidade da Coruña e que, dende hai tempo, xa non o fai, e reivindicou o seu regreso.

O coruñés evocou á deusa grega da memoria, Mnemósine, e tampouco se ausentaron as mencións a Rosalía, Castelao, Pondal, Manoel Antonio e Ferrín, entre outros. Colleu prestada tamén Rivas unha cita de Walter Benjamin: "En cada época deben realizarse novas tentativas para arrincar a tradición do conformismo que pretende dominala". Loubou o coruñés isto por consideralo "unha perspectiva intelixente, porque nos permite afrontar a relación coa nosa tradición dun xeito fértil, non parricida".

"Toda a obra de Manolo Rivas nos achega a un pasado que nos importa como proxección de futuro", sinalou o académico Xosé Luis Axeitos Agrelo, encargado da "tarefa tan gratificante" de "apadriñar" o ingreso na Real Academia Galega do escritor galego máis traducido, de quen salientou que "elevou A Coruña a capital literaria". Sinalou tamén Axeitos que "unha especie de alento lírico invade todos os relatos e novelas do autor" para despois incidir na súa "excepcional receptividade".

"Benvido, señor Rivas Barrós, á Academia Galega, a casa de palabra", concluíu Axeitos, non sen antes parafrasear unha cita do discurso do novo académico: "Non é por riqueza nin honores nin gloria polo que se loita, senón pola liberdade".

A preparación do discurso que Manuel Rivas había de pronunciar, e pronunciou, ao seu ingreso na Real Academia foi relativamente rápido, e non por casualidade. O escritor e xornalista coruñés quería entrar na Academia cando aínda estivese á súa fronte Barreiro. "Celebro que este acto de recepción pública coincida aínda coa presidencia de Xosé Ramón Barreiro Fernández, que, ademais de encarnar a "memoria laboriosa" como historiador, soubo ser no seu posto, cando máis cumpría, sagaz, prudente e valente na defensa da nosa lingua", dixo o flamante académico en alusión ao pronunciamento que o presidente da RAG fixera en Celanova o pasado mes de septembro increpando ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, por "crispar" á sociedade en relación ao idioma, por mor das súas últimas manifestacións e movementos en materia de política lingüística.

O de onte foi o último acto de Barreiro como presidente da Academia, cargo que abandonará o próximo venres 18. E el tamén se alegrou de que se tratase do ingreso de Barrós, apelido co que el escolleu designar ao recén chegado, na institución que aínda preside. "Fágoo cunha gran satisfacción; é o mellor broche que podería ter", dixo, despois de entregar a medalla e o diploma ao benxamín dos académicos e tras unha introducción que anunciaba unha despedida. Barreiro desexou para "quenqueira que sexa o nomeado" para a súa sucesión "que atope tamén a mesma comprensión das autoridades e de vós", e asegurou : "eu voume tranquilo, coa sensación do deber cumprido".

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook

Noticias relacionadas

ESPECIAL

PREMIOS OPINIÓN MÚSICA RAÍZ

Premios Opinión da Música de Raíz

Consulta aquí a información dos premios de música do noso diario