21 de enero de 2011
21.01.2011
La Opinión de A Coruña

A RAG fai académico correspondente ao ministro de Chávez Farruco Sesto

Académicos e persoeiros do nacionalismo e o galeguismo arroupan, na presentación do libro, ao máximo responsable de Urbanismo en Caracas, nado en Vigo e emigrado aos dezaoito anos

21.01.2011 | 01:00
Farruco Sesto saúda a Isaac Díaz Pardo en presenza de Xesús Alonso Montero e César Portela. / víctor echave

Poeta, arquitecto, pintor e, sobre todo, político bolivariano "ata os ósos" e defensor da liberdade sen explotacións nin inxustizas. Así foi presentado Farruco Sesto, un escritor que con dezaoito anos emigrou desde Vigo a Venezuela, fuxindo da longa noite de pedra nos anos da ditadura franquista. Con motivo da presentación da obra poética do escritor, Pequenos encontros, as marcas deixadas, o presidente da Academia, Xosé Luís Méndez Ferrín, aproveitou para nomear a Farruco Sesto académico correspondente.

A sede da RAG encheuse de persoeiros e intelectuais do galeguismo como Isaac Díaz Pardo, Xosé Manuel Beiras, o poeta Xavier Seoane, o académico Euloxio Ruibal, o arquitecto César Portela -íntimo amigo de Sesto-, o deputado socialista Francisco Cerviño ou o concelleiro e tamén arquitecto Mario López Rico (BNG), entre outros. O escritor Miguelanxo Fernán Vello, acompañado da poetisa Yolanda Castaño, Portela e Ferrín, louvaron a personalidade, literatura e compromiso político de Sesto.

O libro de Espiral Maior agrupa a lírica do autor vigués desde 1967 ata 1995 en 240 páxinas -con Castaño como responsable da edición-, e inclúe textos dispersos, poemas que o autor gardaba nun caixón, letras de cancións -que interpretarían máis tarde Pilocha e Luar na Lubre- e dous libros inéditos de 1990 e 1995.

Francisco Sesto Novás, fillo de José Sesto -quen pasou xunto a Alexandre Bóveda as últimas horas da vida deste, segundo explicou Castaño-, tomou en Vigo no 1962 un barco con destino a Venezuela acompañado da súa familia. Alí enraizouse do pensamento marxista e matriculouse na Escola de Arquitectura da Universidade Central de Caracas, onde acabou por converterse en profesor titular da Cátedra de Deseño Arquitectónico. A súa implicación en proxectos culturais levouno a desenrolar, desde o comezo do goberno de Hugo Chávez, en 1999, altos cargos ministeriais. Fóronlle adxudicadas as carteiras de Cultura, Vivenda e Hábitat, Educación e Deportes, e na actualidade é ministro de Estado para a Transformación Urbana de Caracas.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook

ESPECIAL

PREMIOS OPINIÓN MÚSICA RAÍZ

Premios Opinión da Música de Raíz

Consulta aquí a información dos premios de música do noso diario