A Academia Galega do Audiovisual (AGA) asegurou este martes que as súas actividades de cara a este ano 2011, incluída a organización dos Premios Mestre Mateo, están "seriamente comprometidas" dada a falta de achegas económicas por parte da Administración pública galega.

Nunha carta remitida aos seus socios, o presidente da AGA, Xosé Manuel Olveira, sinalou que o "apoio económico" co que a Academia contara nos pasados exercicios por parte da CRTVG "desapareceu" este ano e indicou que, a pesar de que a compañía pública de televisión mantivo a súa "achega técnica para a gravación e retransmisión" da gala dos Premios Mestre Mateo, será notoria a falta dos 30.000 euros que achegou en anteriores ocasións para este fin.

Por outra banda, o presidente recordou como dende o inicio da andaina da AGA, esta contou con apoio económico por parte dos departamentos de Cultura, Comunicación e Industria da Xunta de Galicia en cantidade superior aos 100.000 euros.

"Industria decidiu retiralo --o apoio económico-- dende o inicio da actual lexislatura. Os departamentos de Cultura e Comunicación acordaron conducir o apoio dende o Consorcio Audiovisual de Galicia neste ano 2011", explicou Olveira, ao tempo que apuntou que, "malia as reiteradas xestións" por parte da AGA, "a día de hoxe, a Xunta aínda non foi capaz de concretar a súa achega".

Crise económica

Para Olveira, esta é "tristemente" unha manifestación máis "do que o conxunto do sector audiovisual galego está a experimentar" no relativo a falta de financiamento e no que, admitiu, inflúe a actual crise económica.

"Pero cremos que sería un erro atribuír esta situación solo á crise. Importa, e moito, o xeito en que se administra -- o diñeiro -- ", indicou o presidente, que incidiu na necesidade de "fixar prioridades" e "planificar o emprego dos recursos" en "tempos de escaseza".

Por iso, no relativo á planificación dende o sector público, a Academia observa "indecisión, improvisación e opacidade", mentres que no tocante ás prioridades, detectan unha "enorme redución ou liquidación do respaldo económico" que "resulta pouco ou nada conciliable co carácter estratéxico que a lei o recoñece ao sector audiovisual".

Asemblea

Neste panorama, o presidente da Academia convocou aos seus membros a unha asemblea extraordinaria que terá lugar o próximo venres día 4 na sede da Fundación Caixa Galicia en Santiago co obxectivo de "buscar alternativas" e establecer unha postura común.

Así, na asemblea informarase os socios sobre a situación financeira da AGA para o ano 2011 e da situación da organización dos Premios Mestre Mateo, co obxectivo de decidir "o tipo de formato de gala que pode levar adiante".