O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) renderá mañá homenaxe a un dos pioneiros do cine galego dos anos 70, Miguel Gato. O director coruñés, falecido o pasado 19 de novembro en Madrid, será lembrado por algúns dos seus colegas nunha mesa redonda, logo de visionar algúns dos seus traballos máis importantes. O acto comezará ás 18.00 horas.

Nesa conferencia participarán o director Miguel Castelo, o profesor de Historia do Cine Juan Hernández Les, o produtor Víctor Ruppén, o profesor Luis Álvarez Pousa, o produtor e crítico Pepe Coira e o director Antonio Simón, todos ligados á figura de Miguel Gato despois de traballar con el en diversas producións ou por ser grandes admiradores do seu cine. Non poderá estar Henrique Baixeras, tamén compañeiro e amigo de Gato que comezou xunto a el, Castelo e Simón no Club Amateur da Coruña, onde acudían asiduamente para parolar sobre cine co realizador Ernesto Díaz Noriega.

En 1974 Miguel Gato realiza a curtametraxe A tola. Para o seu compañeiro e amigo Miguel Castelo, esta cinta é unha das súas favoritas. "Está convertida nunha especie de mito, era unha película realmente dura, representaba unha metáfora sobre a opresión política na época da ditadura", explica Castelo, que lembra o momento en que a curta foi exposta nas Xornadas de Cine de Ourense -organizadas por Luis Álvarez Pousa- e o Gobernador Civil abandonou a sala "airado" dicindo "ahora ya sé lo que es el cine gallego".

No filme A tola, a actriz Suri Sánchez encarnaba a Galicia, unha Galicia, di Castelo, "asoballada por unha chea de circunstancias que a rodeaban". Tralas Xornadas de Cine, a película, rodada en 16 mm reversible -de maneira, explica Castelo, que "a propia copia que existía era o negativo"- foi secuestrada polo Tribunal de Orden Público e posteriormente perdida nos arquivos da Dirección General de Seguridad en Madrid. "Os que non a viron no seu momento xa non poderán vela", comenta Castelo.

Os seguintes traballos de Gato foron O herdeiro (1976), premio á mellor curtametraxe en lingua hispana no Festival de Huesca, e os documentais A rapa das Bestas e Os cigarróns, ambos de 1977. Máis tarde, no ano 1991, dirixe a súa última curta: Pesquisas. O caso das galiñas aforcadas.

Respecto á cinta O herdeiro -que foi producida por Víctor Ruppén-, o director Miguel Castelo destaca ese carácter "austero e lacónico co que amosou o abandono do rural por parte das novas xeracións da burguesía. Gato quixo transmitir esa especie de traición por parte das novas clases acomodadas que abandonaban o patrimonio rural e con el, parte da cultura de Galicia".

Ruppén, que falará na mesa redonda sobre a súa participación en O herdeiro, destaca de Miguel Gato o seu "entusiasmo e dedicación entre todo o amateur das primeiras películas en 8 e 16 mm, o detalle de non saber por onde ir e dar paos de cego para empezar, pero con total entusiasmo". "Na época, eles (Gato, Castelo, Baixeras, Simón) eran un grupo de amigos moi do cine e eu era un pouco o estrano, xa que era o produtor", di Ruppén.

Gato desenvolveu tamén un importante labor como xornalista cinematográfico con colaboracións en páxinas culturales de El Socialista, Villa de Madrid ou o suplemento literario de El País, así como de guionista para Telemadrid e ETB.

No ano 1978 publicou El cine de autor en España en colaboración co profesor Juan Hernández Les.