O reporteiro gráfico Pedro Armestre é o gañador da segunda edición do certame A Imaxe de Galicia, unha iniciativa de Novacaixagalicia e o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) que premia a mellor imaxe informativa sobre a actualidade galega publicada nos medios de comunicación durante o pasado ano 2010.

A imaxe gañadora, que foi distribuída pola axencia AFP Photo e publicada en varios medios, mostra un solitario brigadista no incendio da Porqueira do 14 de agosto de 2010, rodeado de fume e dunha luz alaranxada que cubre gran parte da escena.

A directora da Fundación Caixa Galicia, Teresa Porto, e o decano do CPXG, Xosé Manuel Pereiro, resaltaron na lectura do fallo "a capacidade de Armestre para capturar esta imaxe icónica, moi significativa, centrada nunha única persoa fronte a impoñente presenza das consecuencias do incendio". O autor ofrece outra perspectiva, igualmente dura, dos lumes forestais que tiveron lugar durante o verán do ano pasado en Galicia. Pedro Armestre, nacido na Rasela (Verín, Ourense) en 1972, é fotógrafo profesional desde o ano 1993, e comezou a súa carreira na axencia Europa Press.