Agustín Fernández Paz gaña o Premio Iberoamericano SM de Literatura Xuvenil
O galardón, dotado con 22.000 euros e que se entregará en novembro na Feria Internacional del Libro de Guadalajara, distingue a extensa obra literaria do autor galego e a súa diversidade de xéneros e temas

O escritor Agustín Fernández Paz. / julián martín
Noelia Díaz | A Coruña
O escritor galego Agustín Fernández Paz (Vilalba, 1947) gañou onte o VII Premio Iberoamericano SM de Literatura Infantil e Xuvenil, que se fallou en Guadalajara (México), onde se celebra cada ano unha das feiras editoriais máis importantes do mundo. O xurado galardoou ó autor lucense "pola súa extensa obra narrativa, que aborda unha gran diversidade de xéneros e temas", dixo Verónica Abud, representante da Organización de Nacións Unidas para a Educación e a Ciencia (Unesco) e presidenta do xurado.
O autor, que recibiu en 2008 o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil pola súa obra en galego O único que queda é o amor, amosouse moi compracido por este premio, sobre todo polo seu "carácter internacional, o feito de que un xurado formado por xente de toda Iberoamérica recoñeza toda a obra dun é unha satisfacción moi grande".
O galardón ten unha dotación económica de 30.000 dólares -preto de 22.000 euros- e vense entregando desde fai 6 anos na Feria Internacional del Libro de Guadalajara (FIL). O escritor galego recibirá o premio o vindeiro 29 de novembro, no marco da XXV edición da feira mexicana.
Agustín Fernández Paz, que exerceu como profesor de secundaria ata fai tres anos -cando decidiu dedicarse por completo á literatura-, explicou onte que foi a súa condición de mestre o que o acabou ligando á literatura infantil e xuvenil. "Unha das razóns é que cando eu empecei a traballar como profesor, en España viviamos os últimos anos da ditadura e empezaba a publicarse toda a literatura infantil e xuvenil europea, que antes non había. Quedei fascinado pola cantidade de escritores magníficos que descubrín, desde Roald Dahl ata Gianni Rodari. Descubrín un tipo de escritura para mozas e mozos que encaixaba co que me apetecía escribir, o meu contacto cos rapaces motivou que me lanzase e co éxito dos primeiros libros seguín publicando máis", explica Fernández Paz, que nos últimos anos gañou tamén outros premios como o XX Premio Edebé, con A escola dos piratas, e o premio Irmandade do Libro, organizado polos libreiros galegos.
O literato afirma que a única diferencia entre un lector adolescente e un lector adulto reside "nas complexidades formais, porque o adolescente é un lector en formación e hai aspectos que cambian respecto a un adulto, pero hai obras que se publican baixo a categoría de literatura para adultos e poderían encaixar perfectamente nunha colección de literatura xuvenil sen que a ninguén lle chamase a atención".
Defensa do galego
Comprometido coa defensa do galego, Fernández Paz afirma que escribe nesta lingua por ser aquela na que desenvolve a súa vida cotiá, e, aínda que nun principio isto puido ser un obstáculo coas editoriais, actualmente a práctica totalidade das súas obras están traducidas tamén ó castelán. O escritor publicará nos vindeiros meses dúas novas obras: unha novela titulada Pantasmas de luz, ilustrada polo debuxante coruñés Miguelanxo Prado, e a colección de contos de terror As fronteiras do medo.
"Nunca se leu tanto como agora, antes podía haber uns poucos que liamos moito, pero a democratización da lectura agora é moitísimo maior. Aínda pode avanzarse moito máis e fai falta promoción para conseguir cada vez máis cidadáns lectores, a base dunha sociedade democrática", explica Fernández Paz sobre a crenza de que as novas tecnoloxías están mermando o interés pola lectura dos máis novos. Sobre o libro electrónico, o escritor cre que só "será unha ferramenta máis".
- La grave enfermedad que pasa desapercibida y crece cada vez más: 'Me decían que no tenía nada y llegué a pensar que era cáncer
- Reencuentro romántico en Pasapalabra: 'Fuimos novios
- Detenido por matar a su pareja a puñaladas en la Sagrada Familia
- Amaia y Diego, el brillo de un ángel y un indie loco en O Son do Camiño
- Roberto Leal confirma la noticia sobre Manu y Rosa de Pasapalabra: 'Están felices
- Así es el mercadillo más popular cerca de A Coruña: cada sábado desde hace más de 40 años
- Este restaurante de carretera se está popularizando en la provincia de A Coruña por su churrasco a la brasa
- Dr. Víctor Bravo, endocrino: 'Comer menos y andar más no es la mejor solución para perder peso