Concerto Caledonia é unha banda escocesa que conta coa dirección musical de David McGuinness e vén de publicar o seu oitavo traballo discográfico baixo o nome de Revenge of the folksingers (a revancha dos cantautores).

Esta formación mestura no seu estilo musical o folclore e a música clásica, non en van son uns grandes investigadores da música escocesa do século XVIII á que adoitan tratar con especial atención na súa andaina, que comezou no ano 2001 coa edición de Mungrel Stuff, unha obra que se mergullaba na música escocesa e italiana e pola que acadaron o premio ao mellor álbum do ano concedido polo xornal Sunday Times.

Esa foi unha boa carta de presentación en sociedade para un tipo de formación bastante infrecuente na súa concepción musical, na que se moven con naturalidade entre os estilos elixidos. Isto volve amosar as inquedanzas musicais dos artistas escoceses do folk, sempre en primeira liña á hora de falarmos de renovación ou de empregar estéticas diferentes ás cotiáns. E así conviven en harmonía os mundos das cancións elaboradas por Robert Burns, considerado o poeta nacional, canda versións de colegas como Frank Zappa, Astor Piazzolla, Daniel Johnston ou The Buzzcocks.

Neste último traballo dan outra volta de rosca ao contar como colaboradores con catro cantautores que tamén aportan composicións propias a un disco que pretende realizar, como no billar, un xogo a tres bandas entre folclore, clasicismo e canción de autor e, guste máis ou menos, o resultado amosa que se pode facer esa combinación con soltura, ao saber ben por onde pisan. Alasdair Roberts, Jim Moray, Mairi Campbell e Olivia Chaney son os convidados de Concerto Caledonia para acompañalos nesta aventura. Chaney é unha presenza importante na obra, xa que aporta catro pezas propias dun total de dezasete incluídas no traballo, mentres Roberts engade outra e os seus dous colegas limítanse a pór a súa voz a un grupo de pezas nas que predominan as tradicionais, das que botan man en practicamente a metade do repertorio.

Cómpre resaltar a interpretación de Moray para a fermosa The Foggy Dew, un tema versionado a moreas no mundo céltico mais que na delicada interpretación do cantautor gaña gran intensidade. E non é este o único tema xa ben coñecido que forma parte da obra, posto que nestes países resulta normal ofrecer múltiples versións de pezas que xa poden ser consideradas parte do acervo cultural nacional. Falamos dun disco cun interese evidente pola idea manexada pola formación e esa mestura de instrumentos que os sitúan entre eses estilos musicais por eles transitados.